Un Phileas Fogg de Betanzos

Absolutamente delicioso é un libriño de 1900 impreso en Betanzos, na imprenta dos Sucesores de Castañeira, escrito por un tal Rogelio Borondo e que a xente do Anuario Brigantino -un exemplo do que eu penso que é tomar a cultura pola man– dixitalizou dentro da Biblioteca Virtual de Betanzos. O libro titúlase Memorias de un viaje improvisado (baixar en PDF) e é a crónica dunha liada monumental entre colegas. Non hai máis que ver como comeza:

A las doce del día 21 de octubre de 1899, hora en que como había tomado por costumbre desde mi regreso de América, me dirigía a mi casa con objeto de suministrar al mecanismo orgánico el combustible indispensable para la subsistencia [só esta frase xustifica xa a lectura de todo o volume], despues de una sesión con algunos amigos en la sociedad Liceo Recreativo. En el cantón de San Roque me encaré con los amigos D. Juan y D. Jesús García, a los que me aproximé con objeto de saludar especialmente al segundo que aquel día debía partir para París en misión comercial (…) Cumplido aquel deber [como mola a retórica do XIX] me anunció el mismo D. Jesús que no sólo él era el viajero, sino que también su hermano presente, pues que así lo había resuelto el día anterior y agregó que yo también debiera acompañarlos, en cuyo caso el viaje se prolongaría a Suiza y a Italia. (…) Me resistí repetidas veces, aduciendo como razón la falta de preparación para emprender tan de improviso un viaje relativamente largo, que debía comenzar a las seis cuarenta del mismo día. (…)

Nin que dicir ten que o señor Rogelio caeu na liada dos colegas e emprendeu a viaxe por Francia, Suiza e Italia. Coma outros turistas da época, Rogelio sentía fascinación polas medidas: anotaba o número de escalóns de subida as torres, os metros de pendente, o número de pedras construídas e os horarios dos trenes e entradas a museos. Un magnífico exemplo do talante turista da época pódese ver, tamén en Betanzos, no Pasatempo, onde os irmáns García Naveira tamén consignaron cifras encol das pirámides de Exipto. Ao ler este libriño de viaxes, fíxádevos por onde, a personaxe de Phileas Fogg, a personaxe de Jules Verne cobra unha dimensión diferente. As súas teimas: a precisión, a puntualidade ferroviaria, a confianza na mecánica e na ciencia son rasgos máis do espírito da época que da personalidade específica do protagonista de A volta ao mundo. Rogelio Borondo, viaxeiro betanceiro do 1900, ten moitas cousas en común con Phileas Fogg. A lectura de Memorias de un viaje improvisado é un pequeno e divertido pracer bibliófilo. E outra cousa: sitúanos nun tipo de literatura moi ausente en Galicia, a das crónicas de viaxes en pleno momento do seu auxe en Europa. Os nosos grupos acomodados nunca foron moito de viaxar, ou de contar o que viaxaban. O libriño é un bo texto para saber como vía o mundo un galego da época.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará