O Parque do Pasatempo de Betanzos: unha biografía mental de cemento

Last updated on 27 / Xullo/ 2007

pasatempo_1.jpg

pasatempo_2.jpg

pasatempo_3.jpg
Viaxe a Exipto en 1910

pasatempo_4.jpg
Pirámide de Keops e biplano

pasatempo_5.jpg
Entrada ao Parque Botánico

No seu momento xa debeu ser un lugar moi kitsch. Ségueo a ser, pero o tempo docifica as cousas e engádelle o valor do pasado. O que me interesa do Parque do Pasatempo de Betanzos, -un enorme recinto de recreo, esparcemento e aprendizaxe definido no momento da súa construción, na I Guerra Mundial como Parque Enciclopédico– non é o seu atractivo artístico, senón o xeito no que representa o capricho e a psicoloxía do seu construtor, Xoán García Naveira. Un indiano con moita riqueza amasada en Bos Aires en compañía do seu irmán que se retirou aos corenta anos a Betanzos. Os dous irmáns foron moi coñecidos por seren incansábeis filántropos.

Hoxe só queda o 10% do contorno total do Parque do Pasatempo, xusto a área na que Naveira, axudado por ese novo material que logo daría tanto que falar no país, o cemento, deixou paso libre á súa fantasía. O Pasatempo é unha biografía dos sonos infantís, de agradecemento, de confianza nos valores burgueses e industriais do traballo, a exactitude e o capital. E, sobre todo, é unha crónica cerebral do seu fundador. Son as cousas que a vida -só a vida- lle ensinou. E imaxínomo repetíndollas aos seus fillos pequenos -se é que os tivo, non o sei-. Diríalles: “Fillo, recorda sempre que o Capital é unha suma de Aforro e Constancia, conducido pola Orde e a Precisión e empurrado pola Firmeza“. Quédome cos seus baixorrelevos de cemento sobre a súa viaxe familiar a Exipto en 1910. A travesía debeu ser a culminación do seu éxito vital, da súa ascensión social tras un nacemento en familia humilde. Tanta impresión lle causou o periplo que se retratou coa familia en camelos, cos biplanos, coas medicións da pirámide de Keops e a mesquita de Mohamed Alí. Nese friso de cemento algo tosco, no seu sombreiro de bombín e bigotes, na roupa espesa da súa muller, hai un relato xenial aínda por contar.

Mentres a I Guerra Mundial estouraba en Europa, mentres Galicia padecía unha fame atroz que empurraba máis e máis carne aos barcos da emigración, Xoán García Naveira mantiña a 200 homes en plantiña amasando soños en cemento, librándoos da emigración e construíndo símbolos supostamente didácticos do progreso. Impactante.

7 Comments

  1. Xesús Fraga
    17 / Febreiro/ 2007

    Sempre é agradable ver aparecer o Pasatempo pola Rede e ademais con reflexións interesantes. Se queres saber máis do parque, hai un bo libro publicado por Ediciós do Castro e bastantes estudos monográficos no Anuario Brigantino. Como betanceiro, sempre sentín moita mágoa ao pensar que un sitio consagrado á exaltación do progreso acabase abandonado. Pode ser que non debemos construír os soños en cemento, aínda que daquela era o material futurista por excelencia. Aquí tamén cumpriría unha reflexión sobre a ruína e a súa estética. Os que de cativos coñecimos o parque como unha selva prohibida ateigada de secretos por descubrir (de todo tipo) case prefiriríamos unha ruína e non a mala imitación do orixinal. Saúdos.
    P.S. Creo que onde dis hidroavións queres dicir biplanos, non? Porque con esas rodas, non os vexo na auga…

  2. 18 / Febreiro/ 2007

    Como betanceiro me sumo a lo que dice mi compañero de fatigas Xesús Fraga. Agrada ver El Pasatiempo en la Red de redes y desagrada pensar que se pudo haber hecho y se puede hacer más por su conservación y rehabilitación. Eso, aparte de la absurda política de horarios de apertura de tan curioso recinto. Por cuarta vez me he tenido que dar la vuelta sin poder enseñárselo a mi mujer en fin de semana. Un parque así merece más respeto por parte de todos. Cualquiera que visione las antiguas fotos de El Pasatiempo verá que lo poco que queda de esta magna obra de los hermanos García Naveira ahora merece muchos más mimos.

    Saludos

  3. 18 / Febreiro/ 2007

    Xesús: é unha boa reflexión. Desde o punto de vista dun neno, o Pasatempo en ruínas debeu ser o lugar máis fascinante do mundo. Eu vexo hoxe algún lugar rehabilitado da Pobra que eu coñecín cheo de silveiras e sinto que se perdeu algo de min polo camiño! E si, é biplano…

  4. 18 / Febreiro/ 2007

    Nacho, é que eu non conseguín saber se ao Concello de Betanzos lle interesa amosar ese lugar ou non. Non hai un só cartel informativo sobre o lugar. En xeral, a sensación de abandono do Parque segue a ser bastante grande, como de desleixo ou descoido…, como se for ao faiado dunha casa, que limpas unha vez ao ano.

    Tampouco entendín o da pasarela que tes que empregar para visitalo e que machaca o contorno.

  5. 24 / Febreiro/ 2007

    De cativo, cando pasabamos pola estrada por diante da Horta de don Xoán (que si tivo fillos, os que venderon o parque, por certo) tentaba maxinar como sería aquelo nos seus días de explendor. Supoño que coma calquera outro rapaz ou rapaza da nosa cidade.
    Andando o tempo, e dende que se iniciaron as obras de rehabilitación da parte antiga, un sentimento extrano, mestura de desesperación e rabia, me invade cada vez que vou e vexo que o que custou tantos cartos amañar cae pola desidia da falta de conservación. A musealización sempiternamente pendente do conxunto, ese maldito andamio que tamén cae por desidia e falta de tratamento, ese auditorio de cemento infrautilizado, eses pobres animais en tan lamentables condicións nas gaiolas,… Procuro ir pouco polo Pasatempo, porque se me encolle o corazón. Sempre é o mesmo, do que puido ser ao que é,…

  6. Anónimo
    11 / Xullo/ 2007

    y dicen que el galego se parece al portugês? ni de coña

  7. 15 / Xullo/ 2007

    Debeu ser o primero parque de ocio-cultural de Galicia. É unha pena que non se rehabilite completamente, aínda que 90.000 m2 son moitos metros…

    Se queredes ver unhas cuantas fotos do Parque podedes visitar Fotografías de Galicia (http://www.fotografiasdegalicia.com)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará