Vaidades e caprichos no castelo de Pambre

Sempre quixen ir alí, desde a primeira vez que visitei o castelo de Pambre hai moitos anos. Cando observas a famosa fortificación -que agora se atopa no periodo máis crucial da súa etapa recente-, xusto enfronte, da outra banda do río Pambre, no alto do monte é doado apreciar un recinto arqueolóxico, cuberto de vexetación; parece vixiar desde a altura inmediata os habitantes do castelo. É o castro de Remonde. ¿Que se vería do castelo de Pambre desde alí? Queremos sabelo.

Un amable paisano dime por onde meternos ata o castro.

-Disque no tempo dos mouros -engade o señor sen eu preguntar- os mouros de Pambre estaban enfrentados cos mouros do castro. E os mouros do castro, á súa vez, estaban berrados cos das dúas mámoas que hai aló enriba -sinalou unha lomba tras del.

O señor bótache un riso.

-Éranche tempos complicados, eh?

Seguimos as indicacións do veciño de Remonde [ver a localización no mapa] chegamos ata a corredoira que entra nun bosque autóctono, ben indicada por este graffiti.


Fotos: Sole

Á esquerda deixamos a impoñente muralla do castro, inzada de carballos e xestas, dando a volta ao redor da fortaleza da Idade do Ferro. Ao chegarmos un chan, vemos algo emocionante.

Entre os piñeiros, xurden unhas almeas da torre do Homenaxe, como unha árbore máis na lomba do monte.

Ao achegarmos, vemos unha nova perspectiva do Castelo de Pambre, que pouca xente busca ou atopa. Unha perspectiva que nos fai ver unha nova dimensión do castelo, comprendelo doutro xeito. Desde aquí obsérvase a enorme masa que ocupa a torre da homenaxe en relación ao resto do recinto. Tamén o que deberon ser as orixes do lugar, que nós xa apreciaramos cando andiveramos polo seu interior. Este debeu ser un castelo roqueiro, unha torre chantada entre penedías graníticas, con grandes desniveis ao seu redor. As obras medievais e a perspectiva coa que o vemos encubren que era un pequeno niño de aguias no seu momento.

Pero cando miramos con calma as defensas medievais levantadas polos Ulloa no XIV, comezamos a descubrir detalles que a típica vista do castelo non desvelan. Detalles humanos, detalles psicolóxicos. Fixádevos ben.

En primeiro lugar, como vedes á dereita, a gran cerca que rodea a torre da homenaxe non ten en todas as partes a mesma altura. É unha sorte de decorado militar! A altura da muralla e a complexidade da súa decoración é notablemente máis alta pola parte máis pública, pola parte que coñecemos de sempre, preto da cal pasaba o camiño real e os visitantes chegaban ata a fortaleza. Gonzalo de Ulloa aforrou uns maravedís recortando a elevación da muralla pola banda do río, o desfiladeiro e o castro, onde ninguén a podía ver, e dotándoa de menos decoración.

O segundo aspecto ben curioso é esa xaneliña gótica no centro da torre da Homenaxe, feita só para os habitantes de dentro, e non para lucir, xa que non podía ser vista. Os propietarios do castelo construírona só para eles. É un ornato, en realidade, interior, que lles permitía asomarse a unha paisaxe fermosa. En plena Idade Media, xa existía o pracer da observación. Neste caso, construída como un capricho íntimo.

Ou, ao mellor, para insultarse dignamente cos inimigos, os mouros do castro de Remonde.

Aquí tamén podes ver a nosa viaxe fotográfica ao interior do castelo de Pambre.

11 Comments

  1. 11 / Xaneiro/ 2010

    Algun día avemos de quedar e facer unha visita guiada por ti, que de seguro ache de ser un pracer. Eu poño a empanada e os postres XD Saúdos e apertas

  2. tocajuevos
    11 / Xaneiro/ 2010

    Creo que moitas veces se menosprecia a influencia da guerra nos castelos galegos. Aquí houbo guerras, e algunhas moi duras, onde a xente pelexaba pola vida e pola facenda. Tamén creo que non se pode negar a función de representación dos castelos, é evidente, pero neste caso creo que a explicación das diferentes alturas do castelo habería que buscala na orografía do terreo que facilita moito o ataque na parte onde as murallas son máis altas. Na parte do rio seguramente son máis baixas por aforrar custos.
    Este castelo tamén ten algo moi curioso, o feito de que moito del estaba cuberto de tella, (como algúns dos castelos suizos que aparecen nas postais, Chillon por exemplo), cousa que pasaba con outros castelos, pero a iconografía do castelo nos medios galegos está moi influida por modelos alleos.

  3. 11 / Xaneiro/ 2010

    Desta vez coincidimos no tema, señor Gago.
    http://www.blogoteca.com/arqueoloxia
    É unha mágoa que o castelo de Pambre estea como está. A quen se lle diga que é un BIC…
    Un saúdo, e feliz ano!

  4. 11 / Xaneiro/ 2010

    Ola Magago, teño entendido que tralo recente pasamento do último propietario, o Conde de Borraxeiros, o castelo está agora en mans dunha entidade relixiosa benéfica. Sabes algo do asunto? De ser así, supoño que estarán desexando enaxenalo. Supoño que acabará en mans públicas e que de algún xeito se solucionará o tema do acceso (xa había un principio de acordo co seu anterior propietario) e do seu estado de conservación, que non é o mellor.

    Un saudo.

  5. 11 / Xaneiro/ 2010

    tocajuevos, interesante apreciación co tema da tella. Temos un magnífico exemplo que agora non dou localizado -iso pásame por non publicalo no blog, maldita memoria- nun castelo que seica ten orixes no século IX e que aínda continúa habitado en Lugo. Unha vez tentamos achegarnos a el e saíronnos uns cans aínda máis bravos que o que había en Pambre.

    Gran artigo, O’Padín! É un excelente punto de vista sobre Pambre.

  6. 11 / Xaneiro/ 2010

    Bernardo, efectivamente, o conde de Borraxeiros testou en favor dos Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres, unha orde que opera en Vigo. Os relixiosos piden o valor do tasado, 10 millóns de euros, e queren pechar acordos con urxencia (hai que imaxinarse o tremendo imposto de sucesión que van pagar).

    Quero chamar a atención porque o noso goberno está a piques de cometer un tremendo erro histórico, e non esaxero cando digo histórico, que é a perda potencial deste enorme patrimonio do país. Os relixiosos estaban dispostos a negociar, e unha das súas primeiras manifestacións públicas é que non pretendían o cobro en metálico e inmediato da venda de propiedade, senón o establecemento de acordos a medio prazo para que a Xunta financiase e apoiase as súas obras benéficas en Vigo. Esta xente está especializada en asistencia social aos máis desfavorecidos.

    Con independencia do difícil estado financeiro no que se atopa a Xunta (que é un asunto moi real), o acordo non podería ser máis convinte para a Xunta. Nunha boa negociación, eses dez millóns de euros poderían baixarse a oito ou oito e medio con facilidade. E o establecemento de convenios concretos cos irmáns, con compromiso a quince ou vinte anos vista, permitiría non só adquirir o castelo a un custe moi levadeiro, senón facelo perfectamente asumible para a opinión pública. Vigo é a cidade galega con máis déficit en infraestruturas e redes de asistencia social, que é o ao que se dedican estes frades. Aínda que non coñezo a súa historia interna, dotar un equipo estable de infraestruturas e especialistas en asistencia social nunha cidade que os precisa con urxencia sería unha excelente contrapartida, un gasto ben feito.

    O Presidente da Xunta comete un erro histórico. Pambre podería ser unha enseña da súa política: adquirir un dos máis valiosos monumentos galegos, nun concello do rural con problemas de despoboamento, ao carón do Camiño de Santiago, e empregalo como plataforma de activación económica, co custe (?) de deseñar un programa serio de asistencia social nunha cidade na que o ano pasado morreron vinte vagabundos na rúa, que se di rápido. Non é o que se diría tirar os cartos.

    Poucas veces temos tido oportunidades tan claras.

  7. 11 / Xaneiro/ 2010

    Realmente paréceme unha oportunidade única de matar dous paxaros dun tiro que non se debería desaproveitar.

  8. R.
    12 / Xaneiro/ 2010

    Vaia mágoa. Vai unha tras outra. Perdemos as oportunidades históricas, perdemos a nosa historia. É realmente triste.

  9. 12 / Xaneiro/ 2010

    E que pasou co can do castelo? porque a derradeira vez que fun alí, casi salta da fiestra para atacarnos……..

  10. 12 / Xaneiro/ 2010

    Boa pregunta. Eu non estiven na porta principal estes días.

  11. Alex
    18 / Xaneiro/ 2010

    Confirmado. O can segue alí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *