As Repúblicas de Homes Libres (3b): máis sobre castelos e mosteiros

Last updated on 9 / Abril/ 2010

No anterior post das Repúblicas de Homes Libres, Pero da Ponte non vía clara a relación entre mosteiros e castelos na Alta Idade Media. Empraceino a outro post sobre a cuestión, que será o 3b (para o cuarto aínda tardaremos).

Unha explicación: Para facer estes post que aquí publico, sigo un vello método de traballo histórico. Busco nas fontes, leo bibliografía, contrasto e comparo, fago análises de conxunto, reviso material crítico e, cando é posible, recoñezo in situ o lugar. Por iso, non teño a percepción de que esa sexa unha historia alternativa ou crítica, senón que se incardina nunha reflexión xeral sobre o espazo medieval e as súas divisións funcionais e que me parece con bastante lóxica neste tipo de procesos. O que é moi diferente, por suposto, é o resultado final, que en Capítulo 0 oriéntase á divulgación, e non ten nada que ver co convencional (e moitas veces aburrido) texto histórico. A divulgación require técnicas comunicativas e estratexias discursivas ben diferentes. Iso non quere dicir que en Capítulo 0 publique cousas que non estean ben medidas previamente. De feito, no tinteiro quedan moitas ideas e suposicións para as que non atopo indicios. Tómome os posts sobre Historia tan seriamente coma as investigacións sobre comunicació, pero, obviamente, non son traballos históricos: son crónicas de investigacións e exploracións persoais. E como tales, deben ser tomadas. A partir de aí, un debe xulgar por un mesmo.

O que sorprende dos castelos altomedievais aos que nos referimos é, precisamente, como se sitúan fóra do compartimentado espazo rural galego: non creo que sexa de xeito consciente, senón que obedecen a que son telescopios orientados nunha determinada dirección, con funcionalidades moi concretas. Ubicados en serras, distantes, ás veces superpóñense sobre castros pero outras moitas están sós; algunhas mámoas poden estar aos seus pés. Pouca cousa. En moitos casos, a construción humana máis inmediata é o mosteiro, monte abaixo. Como isto é divulgación, evito as táboas estatísticas, pero no observado ata o momento, nunha significativa parte dos casos, os castelos atópanse a unha distancia máis ou menos similar con respecto aos mosteiros. Supoño que é a distancia que pode ser percorrida nun tempo concreto. Mosteiros altomedievais e castelos sitúanse, ademáis, no mesmo impreciso arco temporal: desde o Reino Suevo ata o sécuIo IX ou X.

Ao explorar mapas buscando os castelos que rodean os mosteiros altomedievais galegos, aparece outro tipo de topónimo con moita frecuencia nas proximidades dos recintos sagrados: A Granxa. Sabemos -supoñemos- que estas dependencias eran a zona de produción agrícola do mosteiro. Con coherencia, as granxas están próximas ao mosteiro, como para chegar a el en 10 ou 15 minutos, pero próximas ás terras de labranza, posiblemente as máis fértiles do val. Con facilidade, percíbese o patrón que guía a ubicación dese espazo agrícola en relación á unidade central: o cenobio. Ubíquense as granxas preto do mosteiro pero no centro da unidade de explotación agrícola. Cos castelos acontece algo similar.

Por se continúan quedando dúbidas, imos poñer oito exemplos máis (e poderían ser aínda bastantes máis, pero non quero matar á xente de cansazo). Ollo: isto funciona só con mosteiros altomedievais, é dicir, mosteiros fundados no século X ou, mellor, antes. Nos mosteiros fundados a partir do século XI -que son os máis dos actuais- estas casualidades xa non se dan, curiosamente. Tomei bastantes exemplos de toda Galicia, por un comentario que no anterior post fixo Certo. Fixádevos que todas estas relacións aparecen a partir de mapas que non recollen, nin de lonxe, todos os topónimos das áreas representadas. Estou convencido que traballando a microtoponimia in situ aínda aparecerían máis cousas.


Figura 1. San Paio de Sabugueira e o Alto do Castelo
O mosteiro altomedieval de San Paio de Sabugueira (Santiago de Compostela) ficou ‘fosilizado’ no xeito moi curioso de urbanización da aldea de San Paio, ao redor do primitivo recinto monástico. O Alto do Castelo, aínda que lonxe, é o punto máis alto e de máis visibilidade, en calquera dirección, da contorna. O monte que o rodea tamén ten esa denominación.


Figura 2. San Antoniño de Toques
O fermosísimo mosteiro de San Antoniño de Toques, ubicado no profundo do río, ten este castelo nas proximidades, como sempre monte arriba.


Figura 3. Samos
O antigo mosteiro de Samos ten un castelo sobre un dos picos do seu estreito val. Noutro próximo hai un castro.


Figura 4. Sobrado
En Sobrado temos un dato curioso. Non hai castelo, pero coincidindo co noso patrón, próximo ao mosteiro hai un “Monte Torreiro”.


Figura 5. Santo Estevo de Ribas de Sil
Moi próximo ao mosteiro de Santo Estevo, está o Castelo de Litoria, do que hai documentación altomedieval e unha inscrición na pedra dun tal Dux Leovigildus datada nada menos que a fins do século VI: rollo suevo/visigodo. Está sobre un antigo castro. (Nota: estouno ubicando aí porque hai un topónimo Castelo, pero ao mellor está máis próximo ao mosteiro, nunca subín á fortaleza)


Figura 6. Pico Sacro
Traio aquí a colación o mosteiro de San Esteban do Pico Sacro por unha historia curiosa. O bispo compostelán Sisnando -obsesionado con instalar mosteiros nos lugares da lenda xacobeo- funda este mosteiro no século X. Non sabemos cando se constrúe o castelo que estaba sobre o cumio, se xa estaba, se o fixo el ou foi despois. Pero o castelo seguiu estando activo ata os Irmandiños. No pleito Tabera-Fonseca, un documento imprescindible para coñecer a revolta, é especialmente interesante a declaración das testemuñas sobre o castelo. Afirman que non ten valor ningún que sexa reconstruído por dous motivos: era un lugar perigosísimo, xa que os lóstregos caían contra a torre e mataban os homes. A penas cabía dentro unha guarnición de doce homes e, ademáis -e isto é o que nos interesa- non comprendían que utilidade podía ter reconstruír o castelo do Pico Sacro xa que estaba lonxe dos camiños e do val.

Figura 7. Mosteiro en Meis
O mosteiro de Meis -do que sobrevive unha igrexa románica- ten este castelo nas proximidades.

Figura 8. Mosteiro da Armenteira
O mosteiro da Armenteira ten este interesante castelo ao carón, mirando para a ría de Arousa. O curioso de Armenteira é que foi fundado no XII como tal, creo, pero nel hai laudas anteriores, altomedievais.

En resumo, que temos un tomate de coidado aquí. Creo que con estes 15 casos xa hai material abondo para traballar. E podería seguir, pero imos concentrarnos nos Lordimani…

13 Comments

  1. 20 / Outubro/ 2009

    Manolo,estou abraiado e enganchado coa serie. Confeso que ten algo desas conspiracións paranoicas as que son tan afeccionados os ianquis eu mesmo
    Todo isto, unha vez que rematedes, hai que novelizalo. Vai por moi bo camiño, azos!

  2. 20 / Outubro/ 2009

    Por certo, curiosamente nas proximidades destes mosteiros altomedievais, xunto cos topónimos “A Granxa” tamén se atopan curiosamente moitas veces montes chamados “Montecelo”.

    Os franciscanos, por exemplo, designan sempre un monte próximo ao lugar no que se instalan como “Monte Carmelo”, é dicir, renomean a toponimia para encaixala na mitoloxía cristián. Pero Montecelo…se alguén sabe algo sobre tal toponimio agradezo ideas.

  3. 20 / Outubro/ 2009

    Facendo unha busca rápida, en textos franceses interpretan Monciel como Monte do Céo e en italianos Montichello coma o mesmo. Din que ven de Mons Coeli, Monte do Céo. Nos textos españois din que Montecelo é “monte pequeño” en galego.

    XDDDD

  4. LuiSinHo
    20 / Outubro/ 2009

    E penso eu… cal é a visibilidade dos castelos desde os mosteiros e viceversa?

    Coméntoo porque probablemente para dar un aviso fose máis interesante dar sinais aos mosteiros con reflexos da luz do sol ou con lume e non baixar correndo dar o aviso… a non ser que tamén interesase poder subir igual de rápido… ou que o castelo non se vise desde o mosteiro.

  5. 20 / Outubro/ 2009

    Luisinho, na case totalidade dos casos existe contacto visual entre os dous recintos.

    Agora ben, os seus usos…Non es o primeiro que aborda esta cuestión estes días. Ata aí non temos datos. O que quero dicir é que da maior parte dos casos un vixía podería baixar con máis información que a meramente por sinais -non moi operativa en Galicia- ou por lume, en moi pouco tempo ata o mosteiro. En boa parte deles, en 20-30 minutos como moito estaba abaixo.

    Con respecto a subir do mosteiro ao castelo, os tempos son variables, evidentemente, e dependen de máis factores. Pero están próximos.

    A outra hipótese máis habitual é a coordinación enre castelos. É dicir, o emprego de fortalezas como sistemas de comunicación e transmisión de información a longa distancia. Non teño moita bibliografía de sucedidos reais de comunicación entre máis de dous castelos, pero tamén é unha idea suxestiva.

  6. 20 / Outubro/ 2009

    O topónimo Montecelo parece vir, tal como comentan máis arriba, de Mons Caelum. A relación coa ocupación relixiosa é obvia. Tampouco é infrecuente o topónimo Bembibre (e variantes) nas inmediacións destes lugares.

    En canto á toponimia das zonas con mosteiros altomedievais, tamén son habituais outros como Albariza, Souto, etc. que probablemente fan alusión a terras explotadas pola comunidade monástica. A perda desa relación coa contorna que apuntas no post probablemente ten que ver coa implantación en Galicia, xa moi a finais da alta idade media, da sistematización das dependencias que chega da man da orde bieita e que marca o esquema clásico dos mosteiros baixomedievais.

    Teño moita curiosidade por esa relación cos lordimani. Paréceme perfectamente posible, pero penso que cronolóxicamente vai irse moi cara finais da etapa que estás a traballar. Espero á túa proposta.

  7. 20 / Outubro/ 2009

    Evidentemente está claro que o material debullado por Manolo ven a demostrar, claramente, a relación existente entre os castelos e os mosteiros nunha etapa aínda por definir da Alta Idade Media. Precisamente a cronoloxía imprecisa e a falta de estudios sobre o terreo, que sería traballo dos arqueólogos, fai que sexamos prudentes á hora de sacar conclusións.
    Pero quero felicitar a Manolo pola minuciosidade do seu traballo e sei, porque o coñezo, que é moi coidadoso cando escribe as cousas e cando plantexa hipóteses de traballo. Eu, que o acompañei nalgunha das súas excursións polos montes da contorna de Santiago, estou convencido de que nunha época aínda por precisar, a relación entre castelos e mosteiros era moi estreita e definiría, moi as claras, un momento político e social determinado da Edade Media. E boa mostra disto son os casos cos que ten ilustrado esta información xa que, para os que non lles chegou o publicado onte, hoxe volve con máis material que avala o que di.
    Agardo que o seu traballo e a súa meticulosidade nos axuden ben pronto a peneirar os amplos ocos que existen sobre a historia galega durante a Idade Media. E de seguro que pronto o fará. Agardamos, logo, Manolo, por esas apetitosas entregas ;)

  8. 21 / Outubro/ 2009

    Grazas, Xurxo!

    E imos anunciar unha cousa. O patrón castelo-monasterio xa valeu para algo práctico. Un lector localizou un mosteiro na súa aldea que a bibliografía ubicaba noutro lugar. Mañá contareino en detalle.

  9. 21 / Outubro/ 2009

    Só unha nota en canto a cronoloxía. Tanto no caso de Armenteira como no de Sobrado (e pode que tamén Samos, ainda que aquí falo con máis prudencia), a data fundacional do mosteiro vaise moi a finais da alta idade media. Concretamente en Sobrado, se non recordo mal, falamos de mediados do S.X. E son fundacións relacionadas coas grandes ordes europeas. O digo porque salvo que houbese un cenobio previo de “regula mixta”, cousa que neses dous casos descoñezo, eses casos sairían un tanto do patrón.

  10. cesar
    21 / Outubro/ 2009

    Teño entendido, o carón do comentario do Sr Gago sobre a comunicación entre castelos, que as torres da Pena, do Castro, de Porqueira e de Congostro, na Limia Orensana, comunicabánse entre sí por medio do lume, pra avisar dos perigos ante os ataques dos portugueses, e mesmo dos ataques nas loitas Irmandiñas. A torre de Porqueira foi donada os Jerónimos. Actualmente as tres primeiras conservanse, non así a de Congostro que quedan pedras soltas; seguramente andarán polas paredes das fincas. http://www.celtiberia.net
    A película de Agorá, pra min, a parte da historia e dos magníficos decorados, ten a vantaxe de que os diálogos sobre astronomía parecenme interesantes e o que e mais importante, comprensibles. Todas as teorías que se expoñen resultan intelexibles, cousa que non sempre ocurre.
    Simplemente hai que ir vela.

  11. 21 / Outubro/ 2009

    Gourmet, hai unha inscrición en Samos no que consta que o mosteiro fora “restaurado” polo bispo de Lugo no século VII. Mesmo ten tradición de ser fundado polo Dumiense.

    No caso de Armenteira, no mosteiro hai algunha lauda altomedieval que podería ser anterior (aínda que como ben sabes con esas laudas hai unha certa polémica) ás datas da súa fundación como cenobio cisterciense no século XII. Polo que teño visto, en Galicia era unha práctica bastante habitual refundar mosteiros anteriores -mesmo abandonados- e esa lauda podería estar indicando exactamente iso. O topónimo do Castelo tamén o fai pensar.

    No caso de Sobrado, púxeno como curiosidade, dentro do discurso xeral. O mosteiro aparece mencionado na documentación no século IX con seguridade. Parece o máis “novo” a priori, dos que puxen, aínda que dentro do marco temporal que estamos delimitando. Pero tamén é o que presenta un topónimo lixeiramente diferente.

  12. 21 / Outubro/ 2009

    Gracias polo dato de Samos. Con razón era o que máis dúbidas me provocaba.

  13. Xose Manuel Garcia
    24 / Outubro/ 2009

    Diosss Manolo. Estoume enganchando a esto cousa fina. E recoñezo que os comentarios dos contertulios tamen. Voto polo de facer unha novela histórica en base a todo estés datos. Un saudo deste abraiado e fervente seguidor. Unha aperta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará