Restaurante Solla: cando a humildade é o resultado da mestría


Navalla lima-limón. Fotos: Sole

Non volvera a Casa Solla, en Poio [T:986 872 884 / localización] , desde o 2007, nunha das primeiras Xantanzas. Eu non sei vós, pero aínda que adoro o pracer de comer en grupo (ruidoso, gargalleiro e bullangueiro), a percepción do xantar non é a mesma que cando volves a un restaurante doutro xeito, máis íntimo, só con un ou dous acompañantes, e podes repartir con tranquilidade a túa atención entre o que falas e o que comes.


Sopa de peixe asado (pargo)


Caballa lañada, chícharos e xamón. Na zona de Poio, lañada significa co peixe aberto para salgalo.

Civet de lebre sobre unha torrixa de millo

E iso fixemos este pasado 1 de maio. Volvimos a Casa Solla, en Poio, a ver que lle acontecera á comida de Pepe e a ver que nos acontecera a nós neste tempo, nestes intensos dous anos gastronómicos que vivimos. E pasaron moitas cousas.

Sentamos na mesa, ollando o verde e minifundista paisaxe que baixa por unha encostiña ata a ría de Pontevedra, nun dos primeiros días de sol deste ano realmente invernal. E comezaron a saír pratiños sinxelos, de elaboración humilde, minimalistas, lixeiros, pero ao mesmo tempo cheos de alma, de identidade e de sabor mariño. A cociña de Solla recibe todo do mar, e co estilo tan respectuoso que caracteriza á nova cociña galega no respecto polo produto, o cociñeiro e o seu equipo aplican unha sabiduría case invisible. Eses pratos de produto, de peixes complementados coa horta próxima, aos que se lle aplican técnicas sinxelas que acaban por crear un xeito case perfecto de enfrontarse á nosa despensa mariña. O tratamento, a cociña do peixe e do mar sufre moitas variacións segundo os mares e os homes que viven nas súas costas. No caso de Solla, aquí está toda unha linguaxe tan próxima que parece falarnos ao oído, como unha confidencia da nosa cultura. Todo moi antigo, todo moi avangardista ao mesmo tempo: unha consecuencia desta estraña balsa temporal na que vivimos en Galicia, na que o inmemorial e o moderno conviven estreitamente en cuncas e ferrados de proximidade. Aquí, nestes pratos, nesta sinxeleza, nesta aparente humildade chea de sabedoría, nesta discreción, está o mellor de nós mesmos.


Tarta de Santiago 09


A mazá. Tres texturas coa mesma base froital. Unha marabilla para rematar un menú


“Petit” Fours

De viños, Pepe foinos facendo un excelente maridaxe no que comezamos co magnífico e pouco coñecido Leirana A Escusa e continuamos con A Torna dos Pasás Escolma -e un terceiro viño do que non tomei nota e non lembro. E, por certo, nos postres pódese solicitar (3,50 euros) queixo do país cos seus doces. É un queixo que Pepe trae de Ourense e é dos mellores galegos que teño probado, con diferencia. Se podedes, pedídeo e non vos arrepentiredes.

Ao repasar este texto antes de publicar, decátome de que volvo a Solla despois de ver, probar e catar con grandes profesionais e en míticos establecementos nestes dous anos ao longo do Estado, e algo en Europa: se cadra foi neste restaurante, nunha cea, hai dous anos e algo, onde aprendín a vivir a gastronomía de xeito emocional, a marabillarme co esforzo dos profesionais da cociña e a comezar a entendelo. E pónseme a pel de galiña ao saber que, tempo despois, sinto nesta mesa aínda máis sensacións e emocións que a primeira vez.

O menú degustación do Restaurante Solla está en 65 euros. Hai un menú exprés por 49 euros e tamén carta.

4 Comments

  1. arume dos piñeiros
    6 / Xuño/ 2009

    Comparto ese mesmo retrato de Solla do final: foi aí onde moitos aprendemos a aprender. Pero volvín hai pouco por aí e non tiven a súa fortuna. Haberá que probar de novo. E o soufflé? Xa non o hai?
    O imperdonable é que vostede pendure este post a estas horas da mañán.
    Un saúdo moi cordial.

  2. 6 / Xuño/ 2009

    Ñam Ñam Ñam. El primer restaurante gallego al que fui. Un gran día, por cierto.

    saludos

    P.D: preciosas fotos

  3. 6 / Xuño/ 2009

    Si, si hai o soufflé, pero a min nunca me entrou no menú degustación (e quedeime con gañas del, porque vino servir a outras mesas e parecía de vicio).

  4. 7 / Xuño/ 2009

    Estiven onte e tomei un menú semellante.
    Por certo, si que segue a haber soufflé e nestes días está como postre do menú express.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará