A Xunta, o derradeiro monstro da tradición oral galega

Last updated on 18 / Maio/ 2009

Decateime o o outro día cando faciamos un roteiro polo Candán. Unha vella coa que pararamos a conversar sinalou ao lonxe o mosteiro de Aciveiro e contounos unha historia.

-Cando vivían os monxes, un día chegou a Xunta e quíxolles levar as neveiras para Santiago. Os monxes non querían porque eran súas. E desde aquela hai un home que, noite e día, sen durmir, coida das neveiras para non as leven.

Referíase ás neveiras, os almacéns de neve que os monxes construíran nas ladeiras do Candán para preservar o prezado xeo que despois vendían aos señores de Santiago. Facer convivir os monxes, que tiveran que marchar do mosteiro en 1842 coa Xunta é un curioso exemplo do mecanismo de reciclaxe histórica que rexe as fantasías da tradición oral. Asegún escoitaba a historia, de súpeto viñéronseme moitos recordos á cabeza, de ducias de conversas no rural, que de súpeto cobraban sentido dun xeito inagardado para min. O denominador común de todas esas historias contadas canda outras de mouros, meigas e defuntos, era que a Xunta chegaba e roubaba parte do patrimonio e da memoria do rural, levábao para un lugar algo impreciso chamado Santiago ante a inacción ou a pena dos paisanos, que vían como se marchaban os seus símbolos máis preciosos. Lembro unha especialmente emotiva. Un vello abriunos unha antiga ermida para que puideramos admirar un enorme cristo gótico que seica participou na exposición Galicia no Tempo. A Xunta devolvera o Cristo despois de sometelo a unha restauración crítica, pero o vello, ao contalo, volveu botar anos despois un respiro de alivio.

-Pensabamos que non volvía – concluiu o vello mirando para nós cunha enorme sinceridade.

A Xunta, neses relatos, caracterízase como un monstro de imprecisa forma que vive nunha abstracción chamada Santiago, un lugar que reúne os tres elementos importantes das cidades para as xentes do mundo rural: os avogados, os médicos e os políticos. En todos estes relatos, a Xunta é algo alleo, algo que chega de fóra, algo que non ten vínculos coa comunidade, nin familiares, nin territoriais, e que se leva o máis preciado. A Xunta, nestas historias, actúa case coma o peor dos montros da nosa tradición oral. Nunha sociedade tradicional de estrutura minifundista como a nosa, no que posuír algo (un ferrado de terra, unha vaca, un porco) significaba sobrevivir, boa parte dos nosos contos tradicionais se basean en tal dualidade obter/quitar. Esta Xunta dos nosos relatos desposúe en contraposición aos mouros que ofrecen riquezas. Se non souberamos que a Xunta é a Administración, ese nome inspiraría relatos de medo para nenos pequenos e álbumes ilustrados, igual que a Compaña ou a Estadea.

¿Por que é tan allea a nosa sociedade rural á Xunta que a goberna e administra os seus impostos? Hai moitas causas de todo tipo que darían para un blog enteiro, pero fanche pensar. ¿En que medida é a nosa cidadanía consciente de que o goberno, a Xunta, son unicamente un organismo administrador do seu diñeiro, e non é unha institución de poder caída do céo? Pensei na vergoñante victoria do referendum do noso Estatuto, do ano 1981, que rexistrou unha participación mínima, tamén no mundo rural. Pensei en que temos un Estatuto porque unha parte do país loitou por telo, mentres que a outra llo deron. Que esa parte non confiou na Autonomía porque pensaba -se cadra con razón-, en que a Xunta era un cambio de nome para un poder que se perpetuaba, algo que funcionaba alleo a eles. Pensei en como se xestiona a política local neste país, con alcaldes que se atribúen os méritos do financiamento autonómico e lle botan a ese monstro-Xunta as culpas dos seus problemas de xestión. E miremos tamén para San Caetano. ¿En que medida a Xunta fixo sentir aos cidadáns do mundo rural como cidadáns da res publica?

Todas as semanas percorro as vellas carballeiras, as aldeas nas que un mundo, unha cosmovisión desaparece, os vellos morren, unha rica tradición oral marcha, que mudan a un mundo radicalmente diferente; en Galicia, a modernidade chegou acompañada pola maior cota de autogoberno da nosa Historia recente. E non deixa de darme calafríos que ao último monstro imaxinario incorporado ao rico catálogo de medos da nosa tradición oral se lle chame a Xunta, o monstro roubador dos tesouros patrimoniais e queridos das parroquias. Dáme vertixe, resultame conmovedor e conmocionador.

Porque, de xeito literal, ese monstro somos nós mesmos. O noso goberno. O imaxinario é un estraño espello das verdades e mentiras da nosa sociedade nos últimos trinta anos.

Se fora ilustrador, e tivera que facer ese álbum para nenos (10-12 anos) sobre a Xunta das nosas lendas tradicionais, representaríaa como un Enterrador.

12 Comments

  1. Xabrés da teixeira
    16 / Maio/ 2009

    Noraboa polo articulo, gustoume moito, e creo que está cheo de razón.
    Eu tamen me pregunto as veces, que qué clase de persoas son as conforman os organismos oficiais e as grandes compañias, pois parece que teñan vida propia, e os que as conforman so sirvan para alimentalas.
    Non sei, se cadra xa vou demasiado vello.
    Apertas.

  2. 17 / Maio/ 2009

    Bueno. Algo así pensamos en mi tierra. A veces no se sabe que el ciudadano tiene el poder para cambiar las cosas. ¿Que es difícil? Sí, más aún cuando las administraciones quieren dirigir la cultura, el patrimonio y la voluntad de los ciudadanos a su antojo.
    En tradición oral, aquí, en Valladolid, hay un sitio fantástico regentado por Joaquín Díaz, que se ha ocupado y ocupa de estas cosas. Está en el pueblo de Urueña, un sitio, por otra parte, al que hay que ir a ver atardecer una tarde de verano…….
    Me gustó tu post aunque refleja melancolía y desazón……
    Un saludo

    P.D: te dejo el link

    http://www.funjdiaz.net/index.cfm

  3. 17 / Maio/ 2009

    O certo é que os nosos organismos políticos están disociados de moitos cidadáns que, moitas veces, non teñen acceso a eles, e que ás veces cumpriría facer máis porque a xente percibira que a Xunta -e calquera administración- emana dos seus impostos e votos. E si, é posible facelo. En arqueoloxía, por exemplo, non é difícil implicar á comunidade local na súa relación cos xacementos e o papel da administración. Outra cousa é que a administración se deixe levar por inercias burocráticas que só amosan o papel máis gris do seu traballo.

  4. tocajuevos
    17 / Maio/ 2009

    Chapó, Manuel! un texto para gardar.
    Eu non cho vexo así, polo texto corre a melancolia de quen ve morrer unha forma de vida, e é certo que morre, pero se pensas na mesma situación no 1900, por poñer, a cousa non teria moita diferencia.
    Quero dicir que non é a Xunta, é o Poder.
    O Poder alleo ao mundo da aldea.
    É algo/alguén externo que nos asoballa, ou que o intenta. Agora co patrimonio (cousa impensable en 1900), antes con outras cousas de valor.
    A idea do externo, e a idea do traidor, para explicar “a perda” é algo moi vello: Viñeron levaronnos … porque fulano lles axudou/deixou.
    A pregunta sería se é posible que a correcta actuación da Xunta poidera romper ese mecanismo. Eu non estou seguro.

  5. José Luis Louzán
    17 / Maio/ 2009

    Boa fotografia da mistura entre real e imaxinario na que vive este país dende sempre.

    Eu penso que non se trata tanto de que a xente descoñeza que eles son, supostamente, a administración. É que, simplemente, non queren selo. ¿alguen preguntou en serio o galego medio si queria ser dono e portador do seu destino, elixindo os seus mandatarios?…

    Porque a min, elección tras eleccion, e volta atras tras volta atras, pareceme que cada vez mais, o galego medio demite de esa facultade, e obta pola opción que menos pide a sua opinión para nada… e tamen, claro, a que menos o responsabiliza de esas decisions cando son equivocadas…

    Nese aspecto, dende esa optica, é normal que a Xunta sexa para alguns unha abstraccíón a quen botar a culpa de saqueos e desfeitas… como ti dis, un monstruo informe que reside alo en Santiago…

  6. 17 / Maio/ 2009

    O certo é que máis que unha melancolía polo que acaba, o que sempre tento transmitir é o xeito no que se está a rematar. A cuestión é que temos a sorte de ser un dos últimos países de Europa en conservarmos unha rica tradición oral aínda viva. Que a nosa sociedade tradicional finalice é inevitábel e obvio: o que me amola é o xeito no que se xestionou esa finalización: unha fractura xeneracional que provoca que as novas xeracións descoñezan o imaxinario, a toponimia do propio espazo no que habitan. É certo que as funcións dese imaxinario son diferentes: pero no mundo contemporáneo, os antigos relatos seguen a funcionar. Non hai máis que ver a Harry Potter ou o Señor dos Aneis.

  7. 18 / Maio/ 2009

    ¿Recordas o caso das serpes de Baldaio-Razo? Os veciños dicían que a Xunta lanzaba reptís á lagoa desde helicópteros.

  8. 18 / Maio/ 2009

    Pois non me das unha mala idea para un libro para nenos…agora que topase quen mo quisese editar XD Saúdos e apertas

  9. Jose
    18 / Maio/ 2009

    Son unhas estupendas apreciacións. O tema efectivamente daría para unha tese. Un par de anecdotas persoais: Teño oido falar ao meu pai de 90 anos de moitas vivencias súas, as dun pobre neno galego: dende a construcción – sendo neno- dunha central electrica polas terras de acibeiro ata peripecias no entorno da guerra civil. Esas vivencias del teñen algo de imaxinario, coma unha novela, elaborada e reelaborada. Para facerlle un regalo busquei algúns deses mesmos temas na frialdade das bases de datos historicas da Gaceta de Madrid. A visión administrativa daquelas anecdotas quitáballes singularidade e vitalidade quedando en meras rutinas de procedemento administrativo como as de hoxendía se poidan aplicar pola Xunta, e tan alleas a eles e á verdadeira historia por eles vivida. Naturalmente non lle fixen o tal regalo.
    Nunha ocasión, alá polo final dos oitenta, vin na Xunta de Galicia a dous pobres paisanos que intentaban darlle á unha funcionaria vinte pesos para agradecerlle que lles dese unha información sobre algunha axuda da Xunta polo seu fillo minusválidos. Eses mesmos óbolos tamén os vin cuns médicos rurais da seguridade social, que os aceptaban. Afortunadamente eso foi cambiando.
    Resumindo: A administración en Galicia ainda ten por facer unha reforma real que a poña ao servizo dos cidadáns “individuais”, e que segue sendo, có PP, PSOE e BNG un ser extrano e perigoso.

  10. 18 / Maio/ 2009

    Si, lembrei agora tamén outros casos do imaxinario nos que a Xunta ceiba animais salvaxes para facerlles a vida difícil aos labregos…

    Segundo avanzan os comentarios, o monstro vaise perfilando máis. :-)

  11. 18 / Maio/ 2009

    e que ceiba escaravellos dende avións :)

  12. coque
    20 / Maio/ 2009

    Antes de que a Xunta de Galicia comenzase a súa andaina en Galicia xa había aldeas abandonadas por razóns evidentes que calquer fillo de veciño coñece e que no fai falla expoñer. Todo o mundo fala, di e especula coas bondades do agro, pero nin Dios se queda nel, e iso quere dicir que a volta dunha década a maioria da poboación desta comunidade será urbana e descoñecedora da tradición oral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *