Pola Serra do Candán e Aciveiro seguindo o PRG-100


Fotos: Soledad Felloza

Camiñamos 18 quilómetros baixo un sol de xustiza no Candán, a través do PRG-100 Aciveiro-Candán [punto de partida]. A luz cae a mecha sobre estas terras. Eu creo que presta máis visitar o Candán con frío e neve, no medio do inverno, e chegar a Aciveiro, e se a hostelería do mosteiro fose doutro xeito, pedir unha cunca de caldo co pánico aínda dos lobos e dos osos metidos no corpo. Hoxe non é así. O Candán está atravesado por pistas, coroado por muíños, e a fasquía de illamento desapareceu, pero segue sendo un bonito lugar para explorar no corazón da Terra de Montes.

Destas terras atráeme o interesante equilibro medio ambiental que se aprecia, malia a obstinada destrución do contorno no que está metido todo o mundo por aí. Nestas alturas, a vexetación tradicional do interior galego sobrevive refuxiado nos microvales que forman os regatos que caen desta serra augacenta: as discretas lombiñas de uces, carqueixas, de toxos molares e cachares, como se lles pasaran un lápis, convírtense en vizosas fragas a media altura, asegundo baixa o regato cargado de auga dos montes. Ademáis do verde, a fronteira é esencialmente acústica. Pechas os ollos baixo o sol, escoitas os merlos e a auga á túa esquerda, e o vento peiteando o monte baixo e os pequeniños paxaros de montaña á túa dereita. Imaxino os osos andando por estes despoboados: fican algunhas alvarizas, as curiosas construcións para protexer os panais do seu gusto larpeiro. Serían moles pardas baixando pola aba do monte, ou xogando a media altura. As alvarizas perviven, malia os últimos osos seren cazados a principios do século XX, e por outro motivo. Teñen unha excelente orientación para a cría das abellas.



Unha alvariza aínda con colmeas ao seu interior e carballos musculados de soportar o peso dos muros destas construcións

O PRG-100 non está ben deseñado. Prívate de moitos deses oasis fragueiros no medio das abas do monte, pero o Candán é un bo sitio para aprender cousas a quen queira escoitalas. Durmimos nun prado despois de comer un bocadillo.

Ao espertarnos, observamos un curioso outeiro que se despeña de súpeto sobre o verde da herba. Por suposto, dános feeling. Un home dubida ao dicirnos o nome que se lle dá a este monte en Lamasgalán de Abaixo, como se lle dera reparo confesalo a uns estraños.

-É…nós chamámoslle o Coto Que Berra.

Eu teño a teoría de que todos estes accidentes de nome parladoiro no país no seu tempo deberon falar máis do que hoxe o fan. Hoxe repiten ecos, pero na Prehistoria, con certa axuda botánica, fúnxica, o seu vocabulario debeu ser máis amplio e se cadra tiñan unha maior iniciativa en seren explícitos de seu. Como xa tiña a experiencia da Pedra que Fala, activei o “modo arqueolóxico” ao pasarmos no vello camiño ao carón do Coto que Berra. E tate. Velaí estaba, alomenos, unha mámoa, ao pé do falador outeiro. Non aparece indicada no roteiro, malia pasar o carón [localización].

O mundo tradicional, o mundo do que vimos, é sobre todo un mundo de palabras. Se as escoitaramos con atención, comprenderíamos que o noso universo está formado, esencialmente, por sustantivos, adxectivos e verbos e só, en segunda instancia, pola materia física aos que nomean. Hai unha aldea no Candán, veciña do mosteiro, no que sempre que vou se repite a mesma escena, con caras diferentes. Sube unha vella cargando un carriño. Dámoslle as boas tardes. Ela pousa o carriño e comézanos a contar unha historia vella. E eu sempre aprendo unha palabra nova. É como se nesa aldea houbera un ciclo raro da vida, no que vellas diferentes exercitan sen medo a transmisión oral da tradición a partir do mesmo ritual.

A vella desta volta sinálanos un prado. Desde alí vemos o fermosísimo ábside abacial do mosteiro de Aciveiro, e os campos verdes que o rodean.

-E aquel é o Prado do Touciño. Mi padre e o Padre de Mi Padre sempre contaban que para poderen usar ese prado tiñan que levarlle aos frades un anaco de touciño.


A ponte de Andón

¿Estará recollida a relación entre labregos e monxes que aínda está, case dous séculos despois, tan viva nas xentes destas aldeas do Candán? Pregúntolle por Loureriña, a moura da Ponte de Andón, ponte erguida polo abade Gonzalo das Penas (pétreas, non das outras) no século XV. Di non coñecela, pero da ponte si que sabe ben cousas. Sabe ese ritual fascinante que a min sempre me sorprendeu. E a palabra.

-Os matrimonios que non daban tido fillos viñan á Ponte de Andón a enxemprar. E alí, pola noite, bautizaban ao neno que aínda non nacera. E o padriño tiña que ser a primeira persoa que pasara por esa ponte.

Enxemprar, que nalgunhas zonas de Galicia significa lastimarse, na Terra de Montes ou en Cuntis é a acción de botar auga de socorro a un non nato, para protexelo a el e á súa nai dun aborto que se sospeita por ter sucedido xa antes a esa muller. Iso é o que se facía na Ponte do Andón polas noites.

-E aínda viven un par de homes na aldea de Andón que moito ben teñen feito e son padriños de moitos fillos.

…consecuencia, sen dúbida, de vir tarde do chollo ou da taberna. O bautismo pre-natal paréceme un costume insólito nun país de seu tan desconfiado con respecto ao outro. Pero alí está. Enxemprar. Andamos, andamos, andamos. Soan as campás en Aciveiro, pero nesta ponte de maio, os turistas non puideron visitar o mosteiro nin a igrexa porque o concello careceu da visión de manter aberta a oficina de turismo. Así que máis soedade. Gustaríame que fora o inverno, para sentir o frío montañés e o quencerse ao entrar no coche. A miña pel queimada pola marcha, con todo, gosta desta dura terra do Candán.

3 Comments

  1. 4 / Maio/ 2009

    Unha dubida que teño eu… Tiña ganas de darme unhas camiñatas, pero teño a dúbida de se é posible seguir estes roteiros sen GPS nen nada, só basandose no sinalizado (digoo porque xa me pasou no pasado de descubrir que a sinalización dun roteiro desapareceu). E este que parece bastante longo….

  2. 4 / Maio/ 2009

    xmanoel, este roteiro está perfectamente sinalizado e, ademáis, é circular, que sempre é unha avantaxe. O inconvinte é que é pouco sombreado, así que se fai sol vaste tostar. De Aciveiro tamén sae o Roteiro polas Pontes do Lérez. Son vinte e pico quilómetros sombreados.

    En Capítulo 0 están recensionados bastantes roteiros. Os que están mal xa se indica de xeito explícito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *