O Castro Valente e os Castelos Baleiros

Last updated on 27 / Novembro/ 2012


Buscando no interior de Castro Valente

Hai unha semana e media, Xosé Ramón Angueira, lector de Capítulo 0, pasábame unha ligazón a un PDF dunha catalogación arqueolóxica pretérita de Padrón que figura no PXOM da vila. Na última páxina da catalogación, algo chamou a miña atención: un lugar chamado Castro Valente. Non era só o nome, senón os datos que se ofrecían na carta. No alto dun monte próximo a Herbón, unha muralla de pedra de quilómetro e medio pechaba un recinto dunhas dez hectáreas, pero non se sabía moi ben a que época histórica correspondía: un dilatado abano histórico que podía ir da época castrexa, romana ou medieval. ¿Quilómetro e medio de muralla de pedra, dixen?¿Que protexen 10 hectáreas de terreo no alto dun monte? Lembremos que o castro considerado máis grande da Galicia actual, San Cibrán de Lás, en San Amaro, Ourense, ten unhas dimensións similares. Pero a Castro Valente non o coñecía ninguén.

Non tardamos nada en achegarnos ata este lugar. Cando subes ata alí desde Pontecesures, o primeiro que sorprende é a enorme mole montañosa que acada os 400 metros de altura, distante de calquera núcleo habitado. Chegar andado desde a aldea máis próxima, o Confurco, pode levar uns corenta ou corenta e cinco minutos. O castro está situado no cumio dunha considerábel montaña que forma un meandro do Ulla, alí onde remata a parroquia de Herbón e o Ulla tórnase agresivo e encáñase antes de saír, máis tarde, aos suaves campos de Vedra; a súa superficie é fría, varrida dos ventos, húmida, pero sínteste no medio dunha encrucillada visual. A última hora do serán brilla o Ulla, ves como conflúe co Sar, como o camiño de prata desemboca a ría de Arousa; ves a sombra de Sálvora e o Grove, a entrada do Océano. Se das a volta, decátaste que estás á altura do Pico Sacro, ábrese o val de Vedra e a Ulla ata o paso de San Xoán da Cova. Non sabemos quen fixo isto, pero sabemos que a orografía do lugar á moi especial e privilexiada, confluencia da terra e do mar, hábitat do río e da montaña solitaria, lugar de encontro ou de límite dos diferentes pobos que habitaron a Gallaecia antes da invasión romana, segundo os detallou Plinio.


Muralla NW

Estamos na cimeira do Castro Valente. Malia a salvaxe destrución cometida pola construción dos cortalumes e as pistas forestais e a espesa capa de toxo que xa vai medrando despois do incendio do 2007, quedas pasmado cando ves esa gran muralla de pedra, de máis de dous metros e medio de espesor, rodea e cingue ata onde a perdes coa vista estes chans do cumio. É unha vasta extensión en lixeiro descenso cara o suroeste coa sobria paisaxe típica do alto das serras galegas: tres outeiros pedregosos, brañas, mananciais que crean regatos que logo baixan pola montaña, herba, toxo, árbores deitadas polo vento. E nada máis, en apariencia.

Agás en determinadas áreas próximas á muralla, non se aprecian outras estruturas que esta muralla que cingue unha superficie lunar. Raro: habitualmente nos castros de montaña é doado apreciar restos de construcións. Pero aquí non sabemos que defende exactamente esta enorme cerca. Vaiseche quedando cara de parvo. Unha ollada máis detida permitiunos apreciar algunha actividade humana, moi lene, sobre superficie lunar. Entre os outeiros pedregosos e a muralla oriental uns muretes parecen pechar as brañas, con finalidade imprecisa, pode que agrícola. Na primeira visita, a penas nos deu tempo a chegar ao alto do monte e saudar a Xosé Ramón, que entrara pola banda sur. O vento comezara a zoar como tolo alí arriba, e había previsión de temporal. Baixamos con múltiples interrogantes, coméndonos a cabeza co lugar toda a semana.


Excursionistas na Curota, Pobra do Caramiñal, con Valle Inclán, nos anos 20. Foto: Museo Valle-Inclán

Debullando nos arquivos

Decidín comezar a investigar a ver que nos contaban os papeis. Descubro que o castro estivo de moda nos anos 10 do pasado século, e debeu ser tema común en moitas conversacións eruditas da época, nun momento no que comezou a interrogación científica, a exploración en campo do noso pasado e o excursionismo ilustrado a lugares emblemáticos do noso patrimonio arqueolóxico. A xulgar pola documentación -escasa- que atopei sobre o lugar, deume a risa: os nosos ilustres antecesores en facerse preguntas sobre o lugar viviran a mesma sensación que nós: o asombro, a estrañeza, a sorpresa, o non entender, tan estraño é este lugar. Na cultura cibernética, diriamos que o lugar é un WTF, un what the fuck…!. A primeira referencia que atopei foi do docto coengo da Catedral de Santiago, López Ferreiro que, na súa monumental historia do arcebispado [ler orixinal en PDF], tenta explicar este “formidable” castro deste xeito:

No sabemos si sería un campamento romano o un lugar de refugio para los Irienses en caso de apuro.

O non saber será tónica de todos os textos que atopemos. O historiador Manuel Murguía debeu pasar aquí enriba, sufrindo ventos e soles, algunhas horas. A Murguía, na súa Historia de Galicia [ler orixinal en PDF], sorpréndelle a muralla, que segue a sobresair no recinto “harto maltratado por el tiempo” xa a principios de século. Pero Murguía danos unha clave dalgo que non apreciaramos na nosa primeira visita: os torreóns. Segundo o historiador, na muralla de pedra ábrense varias portas, algunha delas máis solemne e cada pouco sobresaen do muro cubos, torreóns:

“(…) Los cuadrados se encuentran todos en la parte más notable de la edificación y los redondos en la que parece más antigua”.

Recoñezo que sentín unha emoción particular ao ler isto. ¿Sería un excesivo entusiasmo visual de Murguía? Non. Leo unha crónica dunha visita que fixo Jesús C. Rodríguez en 1913 a Castro Valente, publicada en El Barbero Municipal, o xornal conservador de Rianxo que acollera os primeiros pinitos editoriais de Castelao [ler orixinal en PDF]. Si, existían os torreóns. Pero hai máis. Nesta viaxe a través dos curiosos da década dos 10 nos confirma que os torreóns sobresaían da muralla, que había uns 30, que eran máis altos que a muralla (que debía ter uns dous metros de altura, ou algo máis), e sabemos algún dato interesante sobre as portas. Había cando menos catro.

Hay dos portalones casi juntos que miran hacia la Ulla, una esquina casi en ángulo recto que mira a Barcala y otra puerta que está orientada a Poniente

Jesús C. Rodríguez tamén fica atrapado nos mesmos interrogantes que o resto:

No nos atrevemos a conjeturar siquiera la época en que fue y por quien fue construído.

Por agora, e despois dunha busca relativamente exhaustiva, non atopamos nada máis de relevancia alén dos anos 10. Como digo, de aquela, o tema debía estar de moda, mesmo entre os membros da Real Academia Galega. Rodríguez asegura que se estaba preparando unha excursión de académicos da RAG ao lugar, organizada por un académico de Padrón, Ramón Tojo, pero non hai nin rastro de tal viaxe no Boletín da RAG, segundo me confirmaron esta semana desde a Real Academia. Sen embargo, os académicos sabían do lugar. Lugrís Freire, no seu famoso Diccionario Enciclopédico, exemplifica cun achado dun altar romano no Castro Valente o termo ara.

¿Por que esta ausencia documental con posterioridade a estes anos? Non mo consigo aclarar, aínda que sospeito que a culpa teñan a estraña ambigüidade temporal do monumento. Unha terra de ninguén histórica.

A volta

Con Carlos de Rianxo, un gran coñecedor sobre o terreo de boa parte do patrimonio arqueolóxico do Barbanza rianxeiro e as terras que suben o Ulla, e Xurxo, subimos un xoves de tempo escuro. Percorremos á fin un 70% do perímetro total da acrópole de Castro Valente, e corroboramos o que dicían os visitantes de primeiros de século no estremo NW da muralla, o tramo sen dúbida mellor conservado. Efectivamente, esmorecidos, alí estaban as trazas de cubos de torreón, separados entre si uns dez metros ou algo menos. Os tramos norte e leste están en moi mal estado pola apertura dun cortalumes, que se abriron no interior da muralla sen ningún tipo de contemplacións. Observamos o estremo sur, se cadra a zona de acceso máis doado á acrópole, e onde hai unha sinrazón delirante de pistas forestais. Ademáis, os canteiros deberon traballar moitísimo nesta zona, e moita pedra da muralla baixouse para os vales para edificar. Disque alí hai unha inscrición que non atopamos, pero tamén hai unha certeza. A muralla parece seguir criterios estratéxicos bastante definidos.


Muralla Sur

No sur, os construtores optaron por elevar a muralla nunha zona máis aberta cando podían ter pechado unhas graves penedías e reforzar a defensa. A decisión estaba clara: se tal cousa fixeran, terían deixado fóra do recinto a fonte de San Xoán, que esta na base da muralla actual. Ou sexa, que pensaban en asedios. Carlos busca petroglifos ou algo entre os penedos e prende un pitillo mentres se pregunta:

-¿Por que?¿Para que?¿Quen tería capacidade de defender isto?

E non sabemos respondelo. Hai anacos de tella por todas partes. Unha excavadora fendeu a muralla no NW. No interior da muralla, para liala máis, tamén hai tella romana coma esta.


Tella do interior da muralla

As grandes riquezas e gobernos da tradición oral

En canto rascuñas, nas aldeas veciñas xorde a memoria do Castro Valente. Unha memoria enorme, con toda sorte de lendas e coplas. Unha memoria vinculada á noción de goberno, de poder e de riqueza. Na Negreira unha señora sempre recorda a Cerca co seu interior baleiro de piñeirais e brañas. Un lugar habitado polos mouros, que marcharan. No seu interior, asegura, está soterrada unha igrexa chea de ouro e riquezas. A vella ergue o dedo e recita:

Castro Valente,
rico e prudente

Dous atributos do bo goberno clásico. E logo sinala cara as estribacións do monte Meda, da outra banda do río Ulla:

Pena de Miranda,
moito mira e pouco manda

Da outra banda do monte, nunha illada aldeíña chamada o Confurco, outra vella abonda nas riquezas.

-Cando nos marcharon os homes á Guerra de África, os mouros de alá dicíanlle aos paisanos: “España, España. Alí está o Castro Valente, onde lle tirabamos ás cabras con croios de ouro”. Eu nunca atopei tanta riqueza nin tanta cousa, pero iso foi certo.

No Confurco parece que todas as lendas de Galicia están aló enriba. Comezo a disparar.

-¿E hai unha galiña con pitos?
-Saen a beber cando hai lúa chea.
-¿E non vivirá aí unha serpe?
-Unha serpe encantada que sae duns penedos.
-¿E hai mouras?
-Tamén gardan moitas riquezas.
-¿E como fago para desencantar aos mouros e á serpe?
-Fala cos mouros, rapaz, pero ¡como non vaias para África! Un home chegou á aldea un día cun libro e pediu brazos para axudar a desenterrar. Pero nunca máis se soubo nada del.

O nome

O nome do lugar pode inducir a confusión. O lóxico é pensar que valente sexa un adxectivo valorativo, pero non é tan sinxelo. Valente pode ter unha orixe romana, a mesma que Valencia ou Valença do Miño. Valente pode ser Valentio. Xa teño visto algún texto que imaxina as valentías dos defensores (castrexos) contra os invasores (romanos). Nada hai para asegurar isto. Valente pode ser o nome dalguén, ou facer referencia á ubicación xeográfica do lugar.


Muralla do Castro Lupario

Os Castelos Baleiros

Daban título a este post. Son outra das moitas sombras da nosa Historia, facilmente desvelábeis se se exploraran de xeito científico. Chámolle Castelos Baleiros a enigmáticas fortalezas que avanzan desde a ría de Arousa ata Santiago de Compostela. Xacementos arqueolóxicos que comparten tres factores: illamento, grandes dimensións para o común dos castros e murallas ciclópeas que se manteñen, insolitamente, en pé.

O primeiro é o Castro das Cercas, na parroquia de Isorna (Rianxo), un lugar espectacular, do que un día farei fotos. O segundo é este Castro Valente. E o terceiro é o Castro Lupario, en Teo. Recintos dos que non sabemos case nada, a pesar da súa espectacularidade, agás que no seu interior case non hai trazas de edificacións, de edificios, e nos que a rocha nai dos outeiros nos que se asentan amosa que pouco se esconde baixo a terra. Só hai murallas enormes, resistindo os tempos. Lugares Baleiros aos que non sabemos darlle un significado científico ata agora, pero que parecen responder a un patrón cultural similar. Se cadra, castros reconvertidos posteriormente noutras cousas. Se cadra, no caso do Castro Valente, un campamento romano (hipótese puramente persoal), como parecen confirmar os cubos (redondos e cadrados) e mesmo a doble porta que se menciona en El Barbero Municipal. Se cadra un refuxio eventual para os irienses e para o bispado no escuro tempo das invasións sarracenas. Se cadra todo ao mesmo tempo.

Datos prácticos

Se despois desta apaixoada descrición do Castro Valente queres visitalo, ten en conta varios aspectos. En primeiro lugar, é precisa certa experiencia na localización e visita de recintos arqueolóxicos non musealizados para poder disfrutar da visita e non frustrarse. Para minimizar este problema, podes observar o tramo mellor conservado na zona NW, entre as ruínas da caseta forestal e o estremo norte do castro. Na zona sur tamén hai algúns centos de metros facilmente visibles. Outra das cousas curiosas é explorar o outeiro central. Alí poderás ver un par de círculos delimitados con esteos levantados, e unha pequena cova. A localización de Castro Valente e o acceso podes velo desde aquí:


21 Comments

  1. 8 / Febreiro/ 2009

    Hola,
    non sei se xa o xoñecerás, pero senón merce unha visita a muralla do Monte Aloia en Tui. Pola descripción dos castelos baleiros q fas podería meterse no mesmo saco… non hai epoca corrobarada de costrucción, non e dificil atopar tégulas e hai unha ausencia case total de construccions no seu interior. O seu perímetro é considerable (varios kilometros) e tamén fai grandes modificacións no seu recorrido para cubrir fontes. E nalgúns tramos está bastante ben conservada, con mais de 3 m de altura e grandes bloques ciclópeos (que incluso podes ver en google maps)
    Non hai moita cousa publicada e ningún estudio serio, ainda que fai uns anos se fixo algunha excavación. Se queres mais información non deixes de contactar conmigo. E faime caso, merece unha visita se non o coñeces :)
    Saúdos

  2. 9 / Febreiro/ 2009

    Si, esa muralla é exactamente o mesmo caso. Nunca estiven, aínda que hai pouco iamos achegarnos ata alí e nos parou a chuvia. ¿Houbo unha excavación?¿Tes máis datos sobre ela?

  3. 9 / Febreiro/ 2009

    Pois creo que os datos da excavación aínda non foron publicados… Excavouse un tramo de muralla de varios metros, preto dunha das portas do recinto protexida por unha dobre liña de muralla, e algunha das construccións interiores (hay catro restos cuadrangulares, con grandes bloques inzados no chan).
    O último que lin foi no libro de Silvia Glez. Soutelo “O Tui antigo: unha aproximación histórico-arqueolóxica”, que non cria posible o seu uso militar pola dificultade de defender tan grande perímetro. Pola falta de material típicamente castreño tamén desbotaba calquera posibilidade de identificación co Monte Medulio.
    Pero presentaba unha interesante hipótese de que sería máis ben unha muralla ritual bordeando un lugar sagrado. Neste caso concreto tería bastante sentido, xa q foi lugar de retiro do ermitaño San Xiao, hai unha capela barroca de San Xulián con “fonte de namorar” e romaría construida sobre os restos dunha anterior románica, e unha pedra chamada “do Sol” onde se ergue unha enorme cruz monumental desde principios do XX.
    A noite desde casa mándoche algunah foto para despertar a tua curiosidade

  4. 9 / Febreiro/ 2009

    Xa que me puxen, aqui tes o mapa:
    Muralla ciclópea do Monte Aloia

  5. 9 / Febreiro/ 2009

    Non che deixa meter código con includes iframes. Mellor envía unha ligazón normal ao mapa en Google Maps.

  6. carlos
    9 / Febreiro/ 2009

    Simplemente, D. Manuel Gago

  7. 9 / Febreiro/ 2009

    Entón, a famoso Castro Valente vén ser o monte que se ve desde o Lapido (estrada Pontevea-Padrón) na outra beira do Ulla, o que ardeu hai dous anos, non? Coidaba que era otro monte, e tíñao diante dos ollos… Entrando por Sinde pódese coller unha pistiña asfaltada que leva por esa banda do río ata chegar a Moroño, e desde aí vin que saen pistas de terra monte arriba, pero non sei se chegan arriba de todo. En todo caso, se fora así, quizais sería un punto de partida menos lonxe que a aldea do Confurco, ou alomenos unha ruta “alternativa”, non sei.

    Enorme post, por certo. Outro máis. Noraboa (outra máis)

  8. Chianti
    9 / Febreiro/ 2009

    Xa que vas ata Tui, recomendoche que cruces a ponte internacional e que vaias ata a Quinta do Prazo en Valença, un dos restaurantes con mellor “garrafeira” de todo Portugal.

    Un saudo e parbéns polo magnífico blog.

  9. lughaid
    10 / Febreiro/ 2009

    hola manuel
    cando vin a foto aérea que deixaches no post nada mais que o vin antollóuseme un campamento romano. A ver se atopas unha foto de meirande definición, quizaves no sixpac, ti que coñeces a zona.

    Se se ve algunha entrada en “claviculae” con meirande definición, entón dá por seguro que diches cun campamento.

    “las claviculae, que consistían en una prolongación del agger hacia el interior o hacia el exterior del campamento en forma de cuarto de círculo, con la finalidad de desviar hacia la izquierda a los posibles asaltantes que intentasen irrumpir por las puertas y obligarles a que dejasen desprotegido ante los defensores el costado derecho (libre del escudo) y las espaldas58. Estas puertas, como recuerda Peralta (2002, p. 55), quien las ha estudiado en los campamentos del Bellum Cantabricum, se basaban en el principio de Vitrubio de que “los accesos de las puertas no sean rectos sino en curva, y podían ser, tanto internas como externas”

    aquí che deixo unha foto á man dun campamento romano cunha entrada en clavícula ó frente. En cantabria descubrironse mais de 5 campamentos pola forma da porta en clavícula. A ver se atopas algo semellante.

    http://www.nd.edu/~sheridan/Jerusalem%202005/Jerusalem%202005-Images/135.jpg

    Un saúdo e graciñas por amosar esas fotos tan interesantes : )

  10. 10 / Febreiro/ 2009

    Ricardo, si, é ese como podes no mapa que deixei. Eu subín dúas veces: a primeira foi infernal. O camiño chega ata un curioso chan intermedio cun curuto de penedías chamado Portabana, e a partir de aí ata arriba foi unha toxeira inmunda.

    O camiño normal é coller, en Pontecesures, o desvío cara esquerda cara o Mirador de O Pino e A Estrada. Segues, segues, segues, ata que chegas ao alto dos montes e hai unha pista sen asfaltar á esquerda. Pódeste meter co coche uns 50 metros, pero despois recoméndoche que o deixes. Camiñando desde aí serán uns vinte-vintecinco minutos. Sabes que te pasaches do desvío se te atopas coa capela de San Xoán, na mesma estrada.

  11. 10 / Febreiro/ 2009

    Chianti, queda fichada a Quinta do Prazo.

  12. 10 / Febreiro/ 2009

    lughaid, estiven vendo algo de morfoloxía de campamentos romanos para ver se lle atopaba sentido a todo isto. Aparentemente, non hai estruturas defensivas recoñecíbeis por fóra da muralla (agás unha zona do sur que, ao mellor habería que recoñecer sen toxos). Xa vin que en Cantabria se teñen atopado claviculae, pero creo que a referencia hai que buscala máis preto.

    Nin nos campamentos romanos de Sobrado dos Monxes e Aquis Querquennis en Bande hai estruturas defensivas en claviculae. Sen embargo, no de Bande si que hai unha estrutura que me resultou sospeitosa ao comparala cun dos textos sobre o Valente que lin estes días. A porta principal tiña dúas entradas con dous arcos, un de entrada e outro de saída. Aquí, no Castro Valente, aínda que eu non as atopei, nos anos 10 aínda eran visibles:

    “(…) dos portalones casi juntos que miran hacia la Ulla”

    ¿Sospeitoso, non? Haberá que seguir investigando.

  13. Moncho
    12 / Febreiro/ 2009

    Tardei en escribir pero aquí estou… (moito chollo estes días!)
    Menudo labor de investigación! Impresionante… Xa tiveches que bucear para atopar toda esa información, porque eu en internet non atopei absolutamente ningunha sobre este castro, a non ser a súa simple mención…
    Lástima que o outro día, polo mal tempo que facía, só puideramos pouco máis ca saudarnos. Quédanme as gañas de inspeccionalo palmo a palmo… e non menos interesante sería botarlle unha ollada ós valiños que poida haber polo monte arredor, que as veces poden dar máis dunha sorpresa…

  14. 12 / Febreiro/ 2009

    Si, hai dúas zonas extramuros, no poñente e no sur, que teñen bastante boa pinta, aínda que por desgraza houbo unha salvaxe acción antrópica, forestal, que sei eu… un desastre. Con todo, o que haxa debe ser complicado de ver. Na zona sur eu vin unha depresión curiosa…pero estaba ata o pescozo de toxo. Mágoa que non puideras vir o outro día, pero cando volva (volverei na primavera), xa te aviso por se te queres achegar.

  15. Ana
    17 / Xaneiro/ 2013

    Boas! Si, xa sei que choveu dende que se escribiu este post, pero o corazón deume un chimpo cando o atopei, tendo en conta que coñezo o teu blogue dende fai tempo, non sei como puiden perderme esta entrada e as seguintes adicadas ao meu querido Castro Valente!!!!
    Ao caso, que acabei nestes días dando con isto.
    E se che escribo é porque medrei ao carón deste monte, non sei como expresar a miña gratitude por sacalo á luz.
    Vin noutro post do 8 de abril de 2009 que contas algunha lenda máis, lendas que levo escoitado dende nena.
    Que máis? Que me lío e non vou ao grao, sáenme as palabras todas á vez. Supoño que dende sempre os barcaleses (pois son de San Miguel de Barcala) soupemos que o monte que nos vixiaba albergaba miles de palabras e historias do pasado.
    Da maior parte da desfeita que viches me lembro perfectamente aínda que era unha cativa, foi en torno a 1989 (ano arriba, ano abaixo, jeje), cando as palas creo que do ICONA, arrasaron gran parte da muralla abrindo pistas, se o lembro foi porque en Barcala foi algo traumático (ou así o vivín), por varios motivos: o obvio do arqueolóxico e outro máis mundano: os viciños vimos coma o monte barcalés (concello de A Estrada) fora enaxenado polo concello de Padrón, algo plasmado na brutal agresión cometida coa apertura de pistas. Só hai que tirar de hemeroteca para ver o ocorrido plasmado nos diferentes xornais (o que non sei é se se fixo nestas crónicas fincapé no seu interese arqueolóxico): a bote pronto “La Voz de Galicia” e “Atlántico Diario” (e neste último pousamos para a foto sinalando no alto do monte as lindes que debían ser), tamén saíu o tema na Tvg nestes anos, o dito, que o que non lembro é se se falou do seu interese arqueolóxica. A día de hoxe este problema de lindes segue sen resolver, e supoño que isto ata pode traer problemas para a investigación arqueolóxica (non o sei, supóñoo): http://www.orgaccmm.org/xCOMUNIDADES/COMPONT/BARCALA/COMPON-11-xBarc.htm
    Non sei se me liei moito explicándoche isto, pero quería ubicar convenientemente a data dos maiores destrozos no conxunto.
    Non foi a única desfeita soportada polas pedriñas (obviando lumes coma o de 2006), senón que o seguinte feito traumático que lembro foi o da destrucción da fonde de San Xoan, si, les ben. Non sei exactamente, pero foi nos anos noventa, con posterioridade a 1994, cando os veciños de Confurco, a levaron por diante na súa busca de auga para canalizar para a súa aldea (xa que dicían descoñecer o seu interese…). Alucinante, verdade? Foi outra desas tropelías que se quedou gravada na miña mente. Neste caso si houbo intervención de Patrimonio, como pode verse actualmente, pero nada que ver coa imaxe orixinal da fontiña, entre herba verde e manando auga… A data de 1994 seina porque daquelas fixera cunha amiga un traballo para o cole no que falabamos (e fotografamos) as marabillas barcalesas, jeje, incluíndo a foto (e aí si que non podo conseguila agora, por outros temas), ao que ía, que cando aconteceu este feito, en “El Correo Gallego”, Suso Souto publicou un artigo coa foto orixinal da fonte, que eu (meu pai máis ben) lle achegara. Douche os datos por se che interesa ou podes acceder a eles.
    E nada máis, xa que acabo de escribir unha parrafada ben longa. Fai ben de tempo que non subo polo monte, debe ser que a última vez, a aventura de baixar polo cortalumes cheo de toxos, perderse e acabar case en Morono (e caendo a noite) non me resultou moi grata, jeje. Pero débolle unha visita e non ha tardar.
    Un último apunte, un póster presentado por un xoven arqueólogo co tema: telo no enlace que che poño cara o final: http://usc-es.academia.edu/DavidAbella
    Saúdos e estarei atenta ao tema, porque me interesa moito, gracias polo teu post.

  16. 17 / Xaneiro/ 2013

    Magnífica información a que achegas, Ana! Publiquei máis cousas sobre Castro Valente. Recoméndoche que explores contidos a partir destaq ligazón:

    http://www.manuelgago.org/blog/?s=castro+valente&x=0&y=0

    Sobre o estado de Castro Valente, é unha auténtica vergoña. Non dá tempo a todo, pero quería falar co alcalde ou o concelleiro de Cultura de Padrón para explicarlle un pouco a relevancia do monumento, que eu creo que non teñen moi clara. A ver se nalgún momento deste semestre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará