Mesón O Pote, en Piloño: ou como dar un paso máis alá da tradición

o_pote_1.jpg

o_pote_2.jpg

o_pote_3.jpg
Chipiróns á feira, arroz con pato e boletus e bolacha de castañas no Mesón O Pote, de Piloño (Vila de Cruces). Fotos: Sole

Os sábados pola noite, unha tropa de coches tripulados por congregacións das comarcas do Deza e da Ulloa, percorre as pequenas estradas comarcais, inadvertidas para quen conduza por unha das estradas principais de Galicia. Son traballadores da semana, que enterran seis días de traballo no taller mecánico, na perruquería, na granxa ou no polígono a golpe de prato contundente, viño e gintonics de Larios ou cubatas de Johny nalgún dos restaurantes recónditos que se poden atopar nas pistas parroquianas do país.

Son unha Santa Compaña moderna, de faros antinéboa que volven abrindo en canle, pasada a medianoite, as brétemas invernais que nacen no fondo destes vales e prenden nos soutos coma se os carballos foran silveiras. O Mesón O Pote -situado cando remata o ascenso da Ponte Ledesma en dirección a Piloño en Vila de Cruces, xusto entre o mosteiro de San Salvador de Camanzo e A Solaina de Piloño– enche a golpe de xoves as 120 cadeiras que ofrece nos seus comedores para a noite do sábado con esta grea de peregrinos do pracer. O Pote, que ten nome como para merecer un local nos arrabaldos de Zurich ou Barcelona, consegue tal éxito a golpe dunha carta intelixente e única neste país de parrilladas. É un santuario gastronómico, sen dúbida, pero aquí non lles apareceu o miragre de súpeto.

-O Pote leva como mesón aquí toda a vida, pero nós dímoslle este aire hai oito anos -di José Luís Santiso, un dos promotores-, e os primeiros foron duros de verdade. Agora xa non, por sorte.

Santiso e os compañeiros elaboran unha carta de platos absolutamente recoñecíbeis, pero nos que se vai un paso máis alá, enriquecendo unha carta tradicional con produtos do bo xantar no sentido ibérico da palabra, coidando as presentacións e incorporándoos a unha tradición gastronomía ancestral de economía de medios e de sinxeleza no aderezo dos produtos. Todo se coñece, pero é distinto, e iso é o que se cadra sexa a clave do éxito do Pote na súa comarca. Velaí un exemplo, eses excelentes chipiróns á feira. ¿Como non se nos tiña ocorrido antes? -pensaremos moitos. Exactamente.

-Veredes que na nosa carta non hai polbo -coméntanos o camareiro- facémolo así porque sabiamos que non seriamos quen de mellorar o que fan as polbeiras deste país. Así que escollimos os chipiróns.

Soa a consigna de marketing, desde logo, pero por aí van os tiros. Polos patés de queixos. Por eses arroces a base de produto de Calasparra que fan felices aos camioneiros e os avós amantes dos guisos. Polas carnes á grella, ás que se lle engaden todo tipo de aderezos. Por unha táboa terra-mar para compartir entrantes que, despois de enumerar dez ou quince produtos diferentes, remata cun etcétera. Un etcétera nunha carta de restaurante! Pero é que hai máis: no Pote teño a sensación de que a cociña de mercado non é tan só un termo de moda, senón de verdade. E máis que de mercado, de estación. ¿Ensalada de codorniz?¿Sargo?¿Arroz con pato e boletus, cunhas fabiñas pochas engadidas case ao final, cando comeza a repousar? No Pote a sensación é que a carta é só o punto de partida para unha descuberta de delicatessens. Non hai que cometer o pecado de escoller os pratos da carta ata que o camareiro non che recite toda a comida outsider que moven ese día na cociña, porque este calendario gastronómico sempre ten unha excelencia que ofrecer. ¿O catálogo de púdines caseiros? ¿Unha bica con augardente e chocolate? Ou, máis ben, ¿esas excelentes bolachas de castaña da foto, servidas como croquetas de postre entre nata caseira?

E todo iso, complementado cunha adega máis que digna para estas xeografías, un excelente servizo do viño (aínda que as copas non son as axeitadas), e unha esmerada atención de sala. Por menos de trinta euros por persoa, aguantando os prezos para seguir recibindo a esa Santa Compaña dos sábados á noite e a quen teña a boa sorte de caer de chiripa nese lugar, a penas a vinte minutos de Santiago, pero que debera figurar nos itinerarios gastronómicos do país. Por certo, un pouquiño máis adiante, está a panadería do Rei das Rosquillas, Remigio, nas que se venden unhas famosas ídem.

Nota: Para os desconfiados, non me financia o Concello de Vila de Cruces nin outro tipo de entidade promotora do turismo comarcal ou provincial.

O Mesón O Pote en Capítulo 0 Mapas

9 Comments

  1. 1 / Novembro/ 2007

    Un dos mellores sitios onde teño comido eu en toda a miña vida, abofé.

  2. 2 / Novembro/ 2007

    Fixéchesme a boca auga… Haberá que facer esa peregrinación a terras de Carbia…

  3. 30 / Decembro/ 2007

    ¡Deus, e como se me escapou a min este post…!
    Cada verán, moitos días teño que artellar unha farsa para ir comer á casa do meu amigo Xosé Luis. O pote está no medío do camiño da casa da minha sogra e da casa de minha nai e dígolle a minha nai, hoxe non fagas comida para nós que ímos comer á casa de minha sogra e a minha sogra dígolle, hoxe non fagas comida para nós que ímos comer á casa de minha nai e todo, para ir a disfrutar da arte dos Santiso.
    Este pasado verán tamén tiven o pracer de compartir mesa e mantel con Mario. Espero que para 2008 sexa contigo Gago?
    Unha aperta.

  4. 30 / Decembro/ 2007

    Encantado, Paco, será un pracer. Xa me avisas!

  5. 12 / Outubro/ 2008

    lin non hai moito nun post publicado en capítulo 0 que a santa compaña morrera coa lautricidade (coma dicía a miña aboa María) mira ti por donde me entero hoxe que NON é certo, que mudou, transmutouse dende os fachos andando polas corredoiras aos bixenon andando polas estradas

  6. lorena lampón
    10 / Novembro/ 2009

    un sitio encantador, con mucha magia, y una atención soberbia

  7. ANAPINK
    31 / Agosto/ 2010

    Este é sen dúbida un dos meus sitios preferidos do país. Atopeino de casualidade, desas cousa boas que che gardan os camiños da vida e, dende aquela vou alomenos unha vez ó ano, sempre perfecto.
    É o sitio ó que levo aqueles ós que teño que impresionar, nunca falla.

  8. Anónimo
    12 / Novembro/ 2010

    me pongo tibio

  9. María
    3 / Agosto/ 2014

    Desde O Pote, tras disfrutar dunha maravillosa comida grazas as tías recomendacion. Os licores tomamolos a tua saude! (Sinto as faltas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará