



Fotos: Sole
Pasamos dúas horas fantásticas falando co artista Paco Lareo, o alma mater da Solaina de Piloño, na aldea do mesmo nome en Vila de Cruces. A Solaina reúne hoxe o conxunto de alpendres e edificios da vella casa familiar de ferreiros que tiñan o obradoiro na aldea de Piloño, e Paco transformouna nalgo moi diferente, nun centro cultural e artístico pensado desde o rural e para o rural; aquí séntese unha sensación de liberdade caótica, apetécete ir buscar ferralla e tentar contar algo con ela, observar sen moverse como se vai oxidando ao longo das estacións. Eu non sei canto hai de efémero e canto de duradeiro nas pezas de arte que ducias de artistas van deixando nas súas estadías nesta pequena finca, pero teño a sensación de que lle outorgaron a duración que decida dar o propio tempo, as propias estacións.
Con Lareo falamos de linguaxe, e levo desde onte dándolle voltas a esta conversación. Porque esta arte, esta idea, parece nacer desde embaixo, encanada directamente coa arte popular. Non, non quero dicir que alguén con formación urbanita decidira facer algo que parecera que xurdira desde embaixo. Non. Refírome a que efectivamente, nesta historia da Solaina de Piloño, a visión moderna da arte, e dos materiais, é totalmente coherente cos canteiros, cos ferreiros, cos carpinteiros e labregas. Ten un sentido, unha lóxica, unha linguaxe compartida. E unha tolerancia, esa tolerancia respectuosa que ás veces sobresae nas aldeas coa que se asumen proxectos un tanto excéntricos para a sociedade tradicional como A Solaina, pero no que se identifican. Nalgunhas comarcas galegas, hai outros Alephs coma este, con guías como Paco Lareo. Abres unha cancela e se desencadea, sen medo e anárquica, a interacción entre a creatividade individual e sincera, a arte popular e a creación contemporánea.
-Somos millóns de labregos na Península Ibérica que non queremos renunciar a vivir coa Natureza e os seus ritmos -asegura Paco- Pero iso non quita que non teñamos dereito a máis.
Falamos con Paco de lingua e de códigos, dicía. De como os escritores contemporáneos de sona en Galicia son incapaces de comunicarse cos labregos nas tertulias destes centros do rural. De como estes mundos están distanciados. E vendo as obras, escoitando, lendo neses carteis, observo outra linguaxe para a creación contemporánea, a dos modernos rurais. Unha linguaxe sen esdrúxulas, con sinxeleza e rotundidade campesiñas. Sen medo á repercusión mediática. E silenciosa e humilde, coma os tempos do mundo. E é curioso, porque editando as fotos do post, dinme conta de como pervirto a lóxica na que todas estas pezas de arte foron colocadas na Solaina: xuntas forman un caos barroco e popular, sen ordenación aparente. Na miña edición das fotografías, tento individualizalas, separalas, para tentar comunicalas e transmitilas. Sabede que non é así: que en realidade, na Solaina, todo isto está relacionado sen explicación aparente, coma no patio traseiro das casas dos nosos amigos na aldea: máquinas, prantas, refugallo melancólico, obxectos fermosos, metal e vida.















3 respostas
Dubido que moitos dises escritores contemporaneos poderan facer un libro de viaxes pola Galicia rural. Haberia un abismo entre o ” peazo” intelectual e os labregos… Ganhando en cultura os labregos , home claro!
?Poderías maxinarte cantas Solainas de Piloño se poderían levantar cos cartos da cidade da cultura no monte Gaiás?
Pero claro, estas cousas non dependen dos cartos, só fai falla homes altruistas como o amigo Paco , autenticos filántropos da vida que renunciaron a vivir según os cánones da sociedade para entregarse os mandamentos do corazón. ¡E todo para seguir loitando e soñando cunha GALIZA RURAL E CULTA ao mesmo tempo, Casi ná…!
¡Longa vida a Solaina e a todos os seus amigos!
Soy de Piloño, y me alegra encontraros aqui, gracias por vuestra dedicacion, ¿Hay documentacion sobre el Santuario de nuestra Señora de Hoy-Vas, hoy es su fiesta y os recuerdo a todos y os pongo bajo su protección, Graciñas desde Pamplona Chelo Penas Varela
Coméntanos algo