Moraima: nace un novo Albariño

moraima.jpg

¿Que agardas dun viño que descoñeces? ¿E cando ese viño faino unha amiga e estamos a días da súa estrea comercial? Outra sensación, desde logo. Especialmente se te falaron dese viño con cariño, en seguidas ocasións, se máis que unha noticia é unha confirmación, se nel hai unha carga de ilusión persoal e case un proxecto vital. Non podes desrolar igual unha botella dun industrial Marques de Cáceres que o viño dunha amiga. E este sucedido fala exactamente desa opción. O viño de Moraiminha.

Abrimos, con moita curiosidade, a elegante botella de Moraima, esta nova proposta de albariño que chega do concello de Barro, ao solpor, sentados na terraza. Mirámoslle a cor: palliza. Cheirámolo: flores blancas, prado verde. E probámolo: no padal aparecía claramente a frescura e a acidez do albariño nun primeiro momento pero, de súpeto, na punta da lingua, manifestouse a ánima real deste viño: un distintivo, orixinal, intenso, un sabor claramente doce. O Moraima é pera, é pexego, é melón maduro ao remate de cada trago. Unha sensación persistente que marca a este viño excelente, de trago longo e corpo xentil, untuoso abondo para ir con el máis alá do marisco, un viño para degustar por si só. Asinaría aquí mesmo se un día me poño a facer un viño e arrinco así a aventura. Non puiden agardar, tras unha primeira copa tiven que levantarme e mandarlle a Salomé Cancela un correo -ela ben o sabe-, que se podería definir, como pouco, como entusiasmado. Case coma se fora meu.

Moraima é o froito dunha vontade familiar de rescatar a vella tradición da venda do viño. A familia dos Cancela, de Barro, vendeu durante décadas as súas colleitas a outras adegas, reservando unha pequena parte do cultivo para a elaboració propia, pero perderan o último chanzo do proceso, o vender directamente o seu viño. Hoxe, 11 membros uníronse na Sociedade Cooperativa Moraima e queren arrincar de novo a tradición de principios do século XX. Salomé Cancela é a representante para o mundo e parte da estratosfera: coñecímola primeiro na rede, co seu blog De Pinchos, e logo nas Xantanzas dos Blogastrónomos, e alí soubemos das angueiras por sacar adiante o proxecto, por facer un viño moi vinculado á terra, cunha filosofía de facer que a uva se exprese totalmente, evitando un deseño excesivamente comercial do proxecto. “O que lles dea a viña é o que van embotellar“, aseguran desde a adega, case como un principio de combate.

O 18 de setembro do 2006 comezou a colleita, cunha uva moi madura, o cal se cadra sexa, xunto co repouso nas lías, a explicación dese final prolongado de froita branca madura. Ese carácter, tan estraño, sitúaos nun punto intermedio entre as dúas grandes áreas da Denominación de Orixe Rías Baixas. A acidez inicial é puro Salnés, a flor branca do olor é o Rosal, a vinificación sobre lías outórgalle esa carnosidade e dulzor. O máis parecido que teño probado é o Nora que fai Alastair Gardner nas Neves. É un viño para padais novos, un viño que se recoñece facilmente. Se todo vai ben, terá moita sorte.

Iso parece indicar o seu nome: unha invocación en tempos difíciles de novas adegas e viños. Moraima era a muller de Celso Emilio Ferreiro. Pero tamén era o seu mantra persoal de poeta. En 1975, Celso Emilio escribiu con versos sinxelos unha emoción sinxela pero auténtica. Un pequeno himno que hoxe tamén saúda o nacemento dun novo viño, e que encaixa ben con el: emoción sinxela, matices directos, amor polas cousas próximas e pequenas.

Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.

5 Comments

  1. Anónimo
    9 / Xuño/ 2007

    Cando quero xantar
    digo Moraima
    Digo Moraima
    cando quero pensar
    Que sae a colleita
    da nosa Terra………Saude

  2. 9 / Xuño/ 2007

    Desexalle sorte da miña parte na sua andaina vitivinicola :)

  3. 9 / Xuño/ 2007

    Sobor deste marabilloso poema de Celso Emilio Ferreiro, non deixedes de escoitar a versión cantada por Ana Belén no disco “Auga de Maio”, de Milladoiro (1999).

    Un saudo,

    Bombardino

  4. 10 / Xuño/ 2007

    Grazas por compartir e entender a miña (nosa) ilusión con este proxecto.
    Só facer unha pequena aclaración: a parte da miña familia que sempre se adicou ó viño non foron os Cancela, senón os Buceta (os de Mariño, como eran coñecidos por todo o mundo), apelido da miña nai que eu xa non levo.

  5. 10 / Xuño/ 2007

    Grazas por compartir e entender a miña (nosa) ilusión con este proxecto.
    Só facer unha pequena aclaración: a parte da miña familia que sempre se adicou ó viño non foron os Cancela, senón os Buceta (os de Mariño, como eran coñecidos por todo o mundo), apelido da miña nai que eu xa non levo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará