Repúblicas de Homes Libres: O Castelo da Fin da Terra

Last updated on 17 / Outubro/ 2012


Fotos: Sole / Gago

A primeira vez que visitei este lugar, querendo confirmar e asegurar o que vira nos mapas e na topografía, fiquei abraiado e marabillado, e non tanto pola arqueoloxía, senón pola dramática forza da natureza neste confín do mundo.

É un lugar case invisible, porque os camiños que levan a el son sendeiros confusos entre a vexetación. Hai que aparcar o coche no faro de Touriñán e camiñar pola ribeira occidental do cabo (mirando para o faro, á esquerda), alí onde os cantís baten con enorme crueza. Ao rebasar un outeiro, aparece Illa Herbosa, ou a Illa do Castelo, o confín do noso país, e o confín de Europa continental. E como non podía ser doutro xeito, no límite, no estremo, no lugar máis aillado, máis ao oeste, hai un xacemento arqueolóxico que se beneficiou das incribes condicións deste lugar.


A Illa do Castelo en relación a Fisterra e o propio Cabo Touriñán

Non fun o primeiro en soñar con este lugar. Sen moito fundamento práctico, pero bastante boa vontade e parte de razón, moitos procuraron en Touriñán -aínda que descoñecían a existencia deste sitio arqueolóxico nalgúns casos- o mítico lugar no que o Imperio Romano rubricou a súa conquista sobre os confíns da terra e o amosou aos barcos que emprendían os roteiros da navegación atlántica. Aquí ubicaron as Aras Sestianas, descritas por Plinio, Pomponio Mela e Ptolomeo. É Ptolomeo quen encaixaba milimetricamente na descrición de Touriñán como lugar no que Lucio Sestio elevou uns altares para “ilustrar terras antes ignoradas”, como dixo Pomponio Mela. Así dicía Ptolomeo: “tralo promontorio Nerio hai outro promontorio no cal están os altares de Sesti”. Se Ptolomeo estivera certo, está falando exactamente do cabo Touriñán. E veriamos, no ano 26 a.C., a un canso e batido xeneral romano, tras duras loitas, erguer o símbolo do poder do maior Imperio da Terra.

Cando cheguei diante do lugar fiquei, como dicía, abraiado. Porque todo o conxunto parecía estraordinariamente ben preservado. Mentres ondas enormes chocaban e ascendían polos cantís da Illa Herbosa e creaban unha nube de vapor sobre ela, como se fose un Leviathán mariño dos que soñaba Cunqueiro, puiden distinguir moitos derrubos.

Levado pola emoción, cheguei a tempo para o que agardaba, a marea baixa. Segundo o meu reloxo, o mar aínda estaba baixando, tiña tempo de sobra. Introducinme no itsmo e comecei a cruzar. Non era doado. A auga circulaba a toda velocidade entre as pedras, como se realmente houbera unha diferencia de altura entre o norte e o sur do itsmo. As ondas enormes rompían a poucos metros, entre uns farallóns da entrada. Segundo ía avanzando, miraba para atrás e notaba que o camiño que fixera xa non estaba. O mar corría e corría creando ondas. Cheguei a marearme. E de súpeto as pedras comezaron a desaparecer e unhas ondas enormes achegábanse máis do acostumado. A corrente ía tan rápido que fungaba.

A duras penas conseguín saír do itsmo e volver ao bendito continente, mentres a canle pechábase con toda rapidez. Observei o reloxio e as miñas notas. Confundírame nunha hora! A marea estaba subindo, e facíao rápido!

Alí quedei, ás portas da Illa, observándoa, mentres consultaba no tablet as vindeiras mareas vivas, para estar aquí fiel e puntual como unha primeira cita. As mareas vivas aseguraban o paso seco ata a Illa do Castelo e tempo tranquilo para explorala. O zunido do mar bravo e batendo na illa atraíame como nada. As mareas vivas protexeran o xacemento coma o mellor equipo de seguridade. A xente da aldea de Touriñán, con todo, visitábaa cada mes, cando o mar retrocedía e lles permitía pasar seguros a coller a herba. Pero pouco houberon de tocar no Castelo.

Coas mareas vivas de xaneiro de 2012 foi o momento de pasar á Illa e comprobar canto podía haber de certo nas lendas, e canto podía ser de certo. Castrexo, romano ou medieval?


Muralla sur


Detalle de sillares na muralla sur

Ao pasar, accédese á illa polo seu espazo natural, un paso ao sur. Aquí atopamos as primeiras evidencias dunha fortificación. Hai un lenzo que, no seu momento debeu ser rotundo, que na súa base dispuña de grandes sillares, como podedes ver no segundo detalle. No recanto oriental deste lenzo, onde a muralla continúa despois cara o norte, parece existir unha sorte de bastión ou torreón. Os bos sillares deste lenzo xa me permitiron descartar, ao momento, a orixe castrexa deste lugar.


Lenzo da muralla

No interior, a herba chega por riba dos xeonllos, e seguramente está agochando moitas estruturas que non podemos distinguir. Diría que se pode apreciar a estrutura dunha entrada, a partir dunha furna. A muralla, disposta sobre o cantil, resistiu de maneira desigual a intensísima presión dos axentes ambientais sobre a superficie insular. En xeral, está toda recuberta de vexetación, agás nun punto no que sobresae unha edificación adosada, como vén sendo habitual nas fortalezas altomedievais galegas que vimos investigando, nas que as modestas estruturas habitacionais amortizan alomenos unha banda da muralla para a edificación.

A muralla non é pequena, desde logo. A lonxitude actual do lenzo norte é de 66 metros, pero a miña hipótese é que acadou os 100 metros de desenvolvemento e pechaba todo o frontal da illa que daba cara terra. O problema é que os cantís ubicados máis ao norte -que é onde recibe máis presión do mar, provocaron derrubos na liña da muralla. Hai algún punto, con todo, no que se aprecia a estrutura artificial do terraplén. É dicir, podemos estar falando dunha muralla de máis cen metros de longo.

A construción da muralla é, con todo, e este é un dos misterios deste lugar, máis coidada e delicada que a maior parte das fortalezas medio perralleiras que habitualmente coñecemos. Ten un paramento de sillares ben labrados, dous metros e algo de ancho e despois, no interior, xa o clásico recheo máis indiscriminado de pedra. Pero é una muralla ancha, na que se investiu considerable tempo e esforzo e que complementa as inexpugnables condicións da illa cunha fortificación máis que interesante.


Atalaia do castelo

Pero este lugar ten outro punto fascinante. Unha sorte de atalaia fortificada no cumio da illa. Hai que subir aló enriba, batido polos ventos e pola escuma do mar máis bravo, hai que ver o cantil e a muralla que pecha ese cantil cara o baleiro. No interior parece existir unha chouza. Parecería un pequeno faro, unha fogueira, un refuxio ou unha garita de avistamento pero, como veremos máis adiante, hai tamén algúns puntos estraños aquí. Sen embargo, a factura dos muros é bastante máis cutre que abaixo: aquí non hai investimento en sillería de calidade, senón en cachote máis informe.

Así que a pranta do castelo vén sendo máis ou menos así:

A herba impídenos observar as estruturas da zona inferior, pero de seguro que deberon existir máis estruturas que a cabana anexa á muralla. A xa clásica ausencia de materiais en superficie impídenos concretar máis, pero aquí, neste castelo incrible, na máis espectacular paraxe que temos visitado na procura de fortificacións altomedievais, hai cousas que non casan. Tampouco parece romano, e síntoo polos entusiastas dos misterios sen resolver da arqueoloxía galega. Se isto fose romano, con este volume de estruturas, veriamos todo tipo de materiais mesmo en superficie. Por agora, non parece que se poida apreciar iso.

Son dúas: a visibilidade e a posición. O castelo carece de boas condicións de visibilidade, parece como se estivese escondido. O cabo de Touriñán imposibilita o control de todo o tramo da costa norte, a diferencia da inmensa maioría de fortificacións altomedievais que temos visitado, nas que hai un gran dominio visual do norte e, moitas veces, tamén do sur. E iso é importante porque, nas dinámicas de uso do territorio, sabemos que os veciños de Touriñán noutros momentos, cando querían mirar ao norte, sabían onde facelo.

Aquí podemos ver como por riba da aldea de Touriñán o topónimo Facho de Touriñán delata os usos deste monte en relación á navegación. O Facho -se cadra algunha estrutura de vixilancia, control e aviso do século XVI ou XVII, cando proliferan as partidas de vixilancia da costa por mandato real, é o tempo de Drake- atópase nun lugar no que tes control de 180º sobre o que agardas.

Pero hai máis factores. Este castelo está fóra de todo espazo estratéxico, aparentemente. Non hai camiños que partan de aquí. Só hai algo que podería encaixar, en teoría. Un porto natural próximo, na banda este de Touriñán. Non é bo porto, pero é o que hai nun tramo relativamente amplo de costa. Pero o castelo tampouco defende como tal o porto, de feito, nin se ve desde o porto. Está agachado.

A pista de Rosendo de Celanova

Non podo pensar na relación cun documento bastante estraño e curioso. A primeira referencia documental que existe, na nosa Idade Media, sobre Touriñán e o seu promontorio aparece nun documento de vital importancia. No ano de 942, San Rosendo, unha personaxe clave na Galicia do momento e membro dunha das máis poderosas e ricas familias do reino, funda na remota Celanova o mosteiro de San Salvador. No seu documento dotacional, é dicir, no protocolo no que cede parte dos seus bens para a propiedade do mosteiro, figura este intrigante detalle: “In Nemancos, ínsula Tauriniana”. San Rosendo dóalle ao mosteiro de Celanova a Insula Tauriniana. Que lle está a doar?

Aínda hoxe, máis de mil anos despois, a Península de Touriñán é coñecida polos habitantes da aldea como a Ínsua. É posible que San Rosendo lle estea a doar ao seu mosteiro privilexiado, ao lugar que el gobernará e no que morrerá máis de trinta anos despois, o confín do mundo. Que podía haber aquí de valor para ser doado a Celanova? Hoxe vemos toxo, pasto, pero non moito máis. Que habería aquí de importante para San Rosendo? Algún tipo de pesquería?

Se cadra teñamos que entender este castelo neste contexto das grandes familias feudais, e na de San Rosendo en particular, aínda que non comprendamos o seu valor estratéxico, e non entendamos as claves que fixeron construír aquí este lugar, no que a vida non debía ser doada. Aínda que a terra comera parte do paso, non é doado chegar ata aquí debido ao mar e os trebóns. Con diferencia, é o xacemento máis invivible que coñezo.

En termos de control, se aos construtores do Castelo lles interesase controlar a costa, tería moito máis sentido ubicalo noutro punto da Península, entre as grandes penedías. De algún xeito, a este lugar interesáballe pasar desapercibido. Interesáballe estar na fin do mundo.

O veciño porto, un coído bastante alterado, ten na súa microtoponimia recordo aos “pescos”, pero na súa banda norte, a unha zona lle chaman enigmaticamente “trozo dos difuntos”. Quen sabe se foron afogados, quen sabe se eses difuntos nos puideran falar de que é o que fai un castelo altomedieval no último confín de Europa.

NOTA: E por que conto isto hoxe? Pois porque este sábado e domingo hai mareas fortes, e por primeira vez en bastantes semanas se poderá pasar ata a Illa do Castelo. Poden consultar as mareas aquí. Ollo: moitísimo coidado ao cruzar o coído e tamén no xacemento arqueolóxico, que é moi sensible.

31 Comments

  1. ...
    11 / Outubro/ 2012

    Impresionante, pois non, non sabía onde era

    Se é a illa máis occidental do fin do mundo entón o illote herboso non é outro que a illa Eea. Por ahí pasou Odiseo, ben seguro. E do illote herboso obtivo a maga Circe as herbas para preparar o brebaxe que lle dou a Euríloco.

  2. Elixio Vieites
    11 / Outubro/ 2012

    Moitos parabéns pola artigo. Cruzar o coído pode ser o peor, as pedras escorregan moito e hai que ter ollo coa volta e o horario de mareas, moito coidado. Eu tiven a impresión que parte no que había no cume da illa estaba caído polo gran acantilado da cara oeste. O dos perpiaños cuadrangulares na entrada é fascinante, asi coma toda a muralla que a envolve. Cabería a posibilidade que nalgún tempo estivera máis accesible e houbera algún tipo de camiño?.

    Hai nas illas de Arán un “forte”, pero este seica é da idade do ferro, con ritos e fachos de druídas: Dún Aonghasa. http://en.wikipedia.org/wiki/D%C3%BAn_Aonghasa.
    Foto: http://xurl.es/fqx4o
    Aínda que non teña nada que ver gustaríame tamén ir aló, sempre e bo ter presentes os “fins do mundo”

  3. 11 / Outubro/ 2012

    Coincido con Elixio, MOITO COIDADO co coído, MOITO COIDADO coas mareas -hai que pasar con tempo, se ides xustos NON PASEDES porque quedades aló ata o día seguinte e non é bo sitio, podedes sufrir hipotermia ou peor e alí non hai quen vos quite do lugar- e MOITO COIDADO tamén co precipicio na atalaia superior. Eu non recomendaría ir con nenos para nada.

    Con respecto á accesibilidade, se é da época da familia de San Rosendo, estamos falando de 1000 anos. Non debera haber demasiada variación na altura do coído. Sabemos pola muralla norte que alí o cantil xa debía estar alí e que foi aproveitado para o sistema defensivo. Pero claramente a erosión traballa, e cepillouse uns cantos metros de lenzo.

  4. bea
    11 / Outubro/ 2012

    Maravilloso o Dún Aonghasa. So aportar que nas illas de Arán hai máis dun forte dese tipo. Concretamente en Inis Mór, a maior das illas, onde Flaherty filmou o seu famoso documental, hai alomenos outro, o Dún Dúchathair o Black Fort. Un dos sitios máis fermosos nos que teño estado na miña vida, sen dúbida.

  5. 11 / Outubro/ 2012

    O noso Dún Aonghasa témolo a penas poucos quilómetros máis para abaixo. É espectacular, recoméndovolo moito:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/03/24/castrominan-un-desconecido-tesouro-do-patrimonio-natural-e-historico-de-galicia/

    Aí, nese lugar, preto de Castromiñán, tamén hai unha sorpresiña arqueolóxica que me reservo e que non é prudente publicar aquí (un claro exemplo dos límites da información sobre localización de xacementos no blog).

  6. 11 / Outubro/ 2012

    Unha pequena estructura de pedra nun lugar inhóspito e que quere pasar desapercibido? Podería ser un eremitorio, unha cela de reclusión para monxes ou algo así ao estilo irlandés?
    Cando vivía en Irlanda visitei varias, nas illas Aran e nas Skellig, pero tamén en terra firme, en lugares de difícil acceso, nos extremos das penínsulas que hai en Kerry e West Cork.

    A descrición da península de Touriñán lembroume moito aqueles lugares.

  7. Magago
    11 / Outubro/ 2012

    O tema é a clara finalidade defensiva do recinto inferior, e mesmo do superior. Non hai só unha estrutura aillada, é máis ben un conxunto e é fortificado. A propia toponimia xa o di: illa do castelo.

  8. Magago
    11 / Outubro/ 2012

    …bonita relación coa odisea!

  9. 12 / Outubro/ 2012

    Una información estupenda, como siempre :) La verdad es que desconocía por completo la existencia de este tipo de fortificaciones, creía (como la mayor parte de los aficionados a la toponimia) que el topónimo Castelo hacía referencia a penedos con formas que recordaban a un castelo, pero que en realidad no había fortificación. Tienen mucha razón los que mencionan el parecido con el Dun Aengus irlandés, en los dos sitios la fuerza del mar ha erosionado la costa hasta hacer picadillo la mitad de los castelos, y eso no sucede en un par de días, ni siquiera en cientos de años. He consultado el mapa de Francisco Coello (en la cartoteca del IGN) y la isla se llama Castelo de Adentro, el facho, de Touriñán o de las Yeguas, no sé si de aquellas yeguas que, cerca de Olisipo, eran preñadas por el viento según contaban los clásicos.

  10. Magago
    12 / Outubro/ 2012

    Ola, Andregoto, a miña perspectiva é que cando soa un topónimo Castelo, pedra leva…

    Tes unha ligazón directa do mapa de coello? Ollo, porque o monte facho está arriba, pero se tamén está na illa e do máis interesante, ao igual que o topónimo das éguas…

  11. Elixio
    12 / Outubro/ 2012

    Ese verán tiven o atrevemento de ir en cayac a outra illa murada, hai máis muro do que eu pensaba, tamén houbo capela (e un bosquiño de cerquiños¡¡¡). Outra quedoume, pero ten a misma pinta ca do Castelo cando o mar avisa, tamén aquí a marea manda. Por este país e máis dificil nun atopar nada nun cume ou nunha illa que darte de fronte con eles. Outra cousa e dicir algo sobre eles estamos orfos de información. Un día pódese ir. Aquí tamén hai que escoller a marea.
    Tamén estiven lendo o que hai sobre a Illa Coelleira, no Vicedo, e é moi interesante cos monxes bieitos do ano 1000 (e antes outros) e os ataques vikingos.Aquí hai que ter barco, directamente.

  12. Magago
    12 / Outubro/ 2012

    Grazas! Vemos que o toponimo facho non esta asociado ao castelo, pero hai algo intrigante. Fixádevos que no monte por riba de Touriñán está o Vixía, pero o novo e o vello…iso indica a existencia de dous puntos de avistamento distintos e separados no tempo no alto do monte…

  13. alamas
    12 / Outubro/ 2012

    Cantos recordos me trouxeron este post.

    Lembro que pisei o coído por primeira vez con 5 anos, e foi unha experiencia incrible xa que se mezclaban, por partes iguais, o medo ó mar bravío coa fascinación por ver tan de preto esas antigas murallas.

    Sempre é máis recomendable acceder en verán, xa que aínda que non coincidan mareas vivas, o mar soe estar máis tranquilo, e a temperatura do auga é máis agradable no caso de que toque darse un pequeno chapuzon para cruzar de volta :-)

  14. Antón
    13 / Outubro/ 2012

    No Concello de Ames hai outro topónimo de Castelo,de feito este verán ou no anterior atoparon algo máis do alto do monte ao arder o monte.Digo algo máis porque hai restos arqueolóxicos dunha ermida creo recordar,non sabería dicir de que época.
    É un lugar curioso,e a min tenme pinta de ter sido algo parecido á ”Fortaleza de Altamira” en Brión.
    Embaixo do monte hai tamén un castro,a verdade non sei si catalogado.

  15. Estevo
    13 / Outubro/ 2012

    Tirei esta imaxe o 7 de abril de 2009 e tamén se podía acceder á illa, pero non estaba moi ao tanto das mareas e non me atrevín:

    gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Illa_do_Castelo,_Touriñán.jpg

  16. 13 / Outubro/ 2012

    Que recordos, Estevo! Foi xustamente esta foto hai tempo a que me fixo pensar que se podía pasar con mareas fortes ou vivas!

    Grazas polo esforzo por subila á Wikipedia. Esa foto foi clave para min no seu momento.

  17. karl
    13 / Outubro/ 2012

    A de Touriñán é espectacular, pero moito máis illadas son as Skellig nun máis un pouco peor (ou bastante peor). E eran un eremitorio. Se a Insua foi doada a monxes habería que pensar nalgo relacionado con eles? non? o topónimo Castelo non creo que en Galicia signifique sempre castelos, tiña entendido e teño visto que as moitos Castelos que son montes pedregosos (habería castelo en todo?) Por exemplo por pór un exemplo aleatorio, o monte Castelo de Cans no Porriño tiña un castelo? Paréceme imposible que algo nesta illa de Touriñásn gardase nada, unicamte que fose un faro, pero un faro un pouco torpe, e o norte? nada, non pode ser..non poden ser estruturas de contención ou preventivas para roubos? Saúde

    p.D: en galego é choza, chozo, chousa, chouso é outra cousa…parabéns polo blog

  18. karl
    13 / Outubro/ 2012

    Skellig nun mar moito peor, quería dicir

  19. karl
    13 / Outubro/ 2012

    Agora que me lembro, un pouco ao leste do Facho de Touriñán o concello se cargou unha mámoa hai anos ou algo así que había por alí..

  20. 13 / Outubro/ 2012

    Nun 80-90% das ocasións, pola miña experiencia, os topónimos Castelo informan basicamente da existencia dun…castelo. Ás veces o castelo non está exactamente no topónimo, como nalgún caso da Costa da Morte, senon nuns penedos que están por riba del. Os topónimos, ás veces, “escorregan”, pero o lugar referido, se non está no sitio, está nas proximidades.

    Con respecto ao Castelo de Cans, por suposto que houbo un castelo nel. E se vas ata alí, vas ver as marcas de asentamento dos muros e dos edificios, que ademáis son ben curiosas. Sábense cousas del, por certo (propietarios, tema irmandiños, etc.).

    Home, podemos pensar que o topónimo “castelo” non se refire a “castelo”, senón a outra cousa. Pero, por que “eremitorio”? Xa postos, eu preferiría que se referira a “taberna”, que tería moita máis coña en época medieval. :)

    Agora en serio, polo que sabemos hoxendía, un recinto sagrado medieval adoita conservar moi ben os seus topónimos (mosteiro, capela, convento, etc.).

  21. Antón
    13 / Outubro/ 2012

    Exactamente eses Elixio!

    Nunca topara o castro de Castelo, hei de facerlle unha visita.
    Por certo, tes catalogadas en patrimoniogalego.net un par de mámoas nos arredores do Picón.
    Resulta que nunha entrevista cunha concelleira do Bloque,despois do ano dos incendios,penso q foron en 2006 ou 07 faloume dunhas 13 mámoas/túmulos que apareceran nese monte,entre Framil-Quistiláns e Biduído,máis non quixo decirme en donde estaban nin o fixeron público ”pola súa protección”.
    Non sei se ti as atoparías,pois é moi curiosa tal aglomeración de túmulos nesa zona,na que eu non coñezo ningún castro nin xacemento.
    Saúde

  22. karl
    14 / Outubro/ 2012

    Se todos os topónimos Castelo refirese a castelo en Galicia, eses homes non facían outra cousa que construír fortalezas…serían torres de vixilancia? pero qué vixiaban? como non fosen persebes..

    Graciñas polas respostas

  23. karl
    14 / Outubro/ 2012

    E simplemente sicía eremitorio prque en Irlanda hai varios nesas situacións. Onde están os eremitorios de Galicia?

  24. 14 / Outubro/ 2012

    Karl, efectivamente hai unha chea de castelos, fortificacións, atalaias, alertas, fachos e outros sistemas de defensa en Galicia, construídos ao longo de centos de anos. Bótalle unha visual á serie Repúblicas de Homes Libres neste blog e aquí atoparás algunhas respostas (e moitas máis preguntas).

    Do mesmo xeito, hai centos de conventos, mosteiros, capelas, eremitorios e pequenas comunidades monásticas ao longo de toda Galicia. Só por facer un repaso rápido das illas do mar galego, había pequenas comunidades monásticas altomedievais seguras nas illas Cíes, en Tambo, na illa de Arousa, na illa da Coelleira e na illa de San Martiño (estas dúas no Vicedo), e con máis ou menos probabilidade en Ons, na illa da Creba e na Illa do Medio de Santa Columba, en Cobas.

  25. 3 / Novembro/ 2012

    E un lugar senlleiro ,e un bo lugar pra os percebes ,fai uns anos fixemos un bo documental cos amigos de touriñan…..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará