Solpores e penumbras ao redor do Coto da Amoreira

Última actualización o 22 / Outubro/ 2010

Chegamos á Fonte Sobreira pouco antes do solpor. Aló enriba, o outono non ten a temperatura agradable da beira da costa. Aquí zoa duramente, é como se chocara contra o macizo da serra do Barbanza e collera velocidade nestas penedías que sobresaen sobre a caída antes de coller carreira polos chans cheos de megalitos. Queremos vir aquí, ao outeiro de Fonte Sobreira, porque Jorge Guitián nos sinalou aquí a ubicación dun espectacular petróglifo moi conectado visualmente co Coto da Amoreira, o castro queimado do outro día que revelou a estraña estrutura da que falabamos hai pouco. É un rochedo cunha fonte ao carón e sitio axeitado para refuxiárense os cabalos bravos.

O sol baixa rapidamente polas ermas lombas do Barbanza, e ao facelo revela as maravillosas escrituras destas laxes, moi desgastadas se cadra pola acción destes ventos inclementes, son os petróglifos a máis altura de todo o Barbanza -canda o raro antropoide do dolmen da Casarota do Fusiño-; estes petróglifos son como unha fotografía que se nos esvae nas mans, que obriga a camiñar con coidado ao carón delas, porque cada pegada pode levar un anaco de tempo, varios séculos encaixados no Goretex. Coviñas e motivos circulares, nos que sobrancea para min estes motivos que vedes aquí:

As coviñas beirean o borde dunha pía natural, establecendo unha misteriosa e fermosa relación con ela: mirándoo con máis calma parece, ademáis, que ao redor desas coviñas, e desde a pía, saen dous círculos concéntricos que as envolven. Non é o primeiro petróglifo que vexo no que o artista relaciona esteticamente pías naturais e coviñas artificiais, pero este de aquí ten unha significación especial para min, ao comparalo coa propia relevancia da pía do Coto da Amoreira. Levanto os ollos, e velaí está: un monte negro no que comezan a aparecer gromos verdes, xusto enfronte. Paréceme imposible que non haxa relación entre un e outro, petróglifos e castro.

Aquí, na Fonte Sobreira, ocorre algo máxico, ademais. Teste que poñer no centro, no máis alto do curuto. Ao teu redor comezan a aparecer os petróglifos rodeándote, nun caso case único. En certo xeito, o lugar precisa de ti para funcionar. 13 petróglifos organizados ao redor dun punto central, fronte as vistas da terra toda. Un lugar para soñar.

-Manuel, ¿andiveches por aquí? -dime Carlos.

Agora, volvimos ao Coto porque quero que vexa o lugar. Cantos máis ollos, mellor. Pero estamos aos pés da muralla, no exterior, nun campelo. Hai que mirar, cada vez máis, fóra dos castros. Despístome mirando para as pedras de Fonte Sobreira, aló enfronte.

-Manuel?

Doume a volta. Xa case é penumbra. Vexo a Carlos axeonllado. Miro extrañado.

O lume permítenos achegarnos ata algo aos pés da muralla, entre as penedías. Alí parece ter habido, ao pé da acrópole, unha fonte nalgún momento. O extraño é que está delimitada aínda por valados. Son muros antigos? Arriba, no interior, o proceso de rexeneración natural do monte xa comezou, dunha forma tamén fermosa. Os fentos medran polas murallas, tapándoas á vista dos que non están moi acostumados a recoñecer ruínas castrexas. O verde tapa primeiro as murallas: debe ser alí onde hai máis humidade, entre as pedras. Nun mes e medio a Moreira posiblemente xa volverá a cubrirse de vexetación, e a súa interesante configuración volverá desaparecer.

Case atoutiñamos polo castro, partindo troncos ciclópeos de xestas. Coa baixada da luz na Moreira acontece algo curioso, ou se cadra son os meus ollos que xa coñecen mellor o espazo. Apreciamos o urbanismo do lugar. As plataformas, pero sobre todo os camiños. Seguimos un camiño que bordea o barrio superior, o único recoñecible de toda a Moreira, que ten as casas aínda con alturas de entre 50 e 70 centímetros despois de dous mil anos ou máis. Este camiño foi, en certo xeito, construído. Aterrazouse a superficie do outeiro e achairouse, e empregouse a muralla como muro de contención da terra. Abaixo, ao Leste, cae un precipicio. ¿Remata o camiño de súpeto? Vemos unha curiosa casa circular cunha medianeira que parece bloquealo, nas beiras da plataforma máis alta do castro.

-Non leva ata as terrazas do sur. Pero mira!

Algo que non apreciara na visita anterior. O camiño segue, está aterrazado, permite moverse ata chegar a un lugar. Un lugar do que aínda non vos falamos na Moreira. Un lugar que nos ten coa mosca trala orella.

A noite espesa o mundo. Aquí na Moreira vai frío. Pero a penumbra revela o que o sol oculta.

5 Comentarios

  1. carlos
    18 / Outubro/ 2010

    D.Manuel en Bustelo (ó lado da Muralla)hai uns petroglifos a uns 550mts de altitude.Todavia lle estou dando voltas ó que ollamos antonte.

  2. 18 / Outubro/ 2010

    Non me estraña, Carlos, non me estraña. A ver se conseguimos atoparlle un sentido.

  3. Manuel Santos
    19 / Outubro/ 2010

    Moi interesante. Polo deseño do gravado e pola asociación á pía eu diría que son petróglifos neolíticos, áinda que farían falla máis datos para afirmalo. De tódolos xeitos isto non impide que haxa unha relación entre o castro e pètróglifos máis antigos, hai varios precedentes.

  4. 19 / Outubro/ 2010

    Claro, claro. O que é apreciable a simple vista ten toda a pinta de ser moito máis antigo que o que se ve no Couto da Amoreira en plan superficial. Pero a relación, unha vez que estás aí, é tremendamente suxestiva.

    Eu sempre o digo: non sei de que nos asombramos. En Compostela temos unha catedral construída hai 800 anos nun espazo sagrado que ten máis de mil, e segue en activo nas súas características esenciais aínda que a xente de hoxendía xa non recoñeza á xente de hai 800 anos ou a catedral non vira obras de ampliación desde finais do XVIII.

  5. Manuel Santos
    20 / Outubro/ 2010

    Ben traído o exemplo da catedral. Esa é unha constante nos espazos sagrados, por elo non só é importante coñecer o momento de construcción dunha estructura senón tamén canto tempo está en uso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *