O vindeiro xoves 28 de maio ás 19.30 terei o pracer de dar unha conferencia por streaming no facebook de Mariña Patrimonio. O asunto é unha vella teima miña, coa que me enfrento con moita frecuencia ao longo do territorio do país e do seu patrimonio cultural, pero ata agora nunca falara en público sobre este tema. Garántovos historias sorprendentes, anécdotas e algúns desenganos, que tamén son parte da vida. Para participar, tan só tedes que entrar no perfil de Mariña Patrimonio na data e na hora! Aquí vai un resumo para facervos unha idea.
OS MISTERIOSOS ESPELLOS DA TRADICIÓN. CONEXIÓNS ENTRE HISTORIA E IMAXINARIO NA TRADICIÓN ORAL GALEGA.
Manuel Gago.Universidade de Santiago de Compostela.
Cando no século XIX, os etnógrafos galegos comezaron a recoller o rico acervo de tradicións e lendas do país, moitas veces procuraron neles as pervivencias de antigos mitos, feitos traumáticos do pasado e prácticas e crenzas que chegaban de tempos remotos. Pero, en que medida a tradición oral garda realmente a memoria do pasado? Que decide preservar de antigos mundos, que esquecer, que transformar? Por que algúns recordos parecen pervivir no imaxinario colectivo e outros desaparecen sen aparentes trazas? Nesta conferencia, analizaremos a través de numerosos e fascinantes exemplos como a tradición oral galega xestiona, inventa e transforma a memoria das comunidades.
Este é o facebook de Mariña Patrimonio.

Comments are closed.