Terma do sábado noite

Este sábado pasado, despois dunha opípara cea no restaurante Lusitano de Lobios, volvimos a durmir ao balneario. Nada máis chegar, atopámonos esa estampa que tanto me fascina: a terra que ferve. Bafaradas de vapor termal ascendían ao ceo na noite como se se gardara alí o alento dun monstro subterráneo. Os ourensáns que me lean amosarán na cara, nestes momentos, un aceno tan aburrido como podemos poñer os habitantes de Compostela cando nos comezar a falar do Camiño de Santiago. Nese sentido, non podo solucionalo. Vexo ese prodixio das augas fumegantes ao carón dos ríos, moitas veces solitarias pola noite, que é cando eu as vexo, como algo máxico e único. Para os oriundos das Rías Baixas é un espectáculo tan exótico como ir ver unha corrida de touros.

Apetecíame darme un baño nocturno tras o magnífico arroz con corzo e cogumelos do Lusitano. Os baños noturnos son tan imposibles no mar do noso país que se convirten, para min, nalgo excepcional. E ao pararme diante da terma pública de Lobios, cal non sería a miña sorpresa a esas dúas da mañá dun sábado que estaba ateigada de bañistas. Case ata o punto que non resultaría fácil atopar un acomodo. Comenteillo aos ourensáns presentes e observeilles unha certa prevención, unha advertencia paternalista a que de meterme aí dentro podía tomar contacto con todo tipo de seres vivos con querencia por apousentar na miña pel. Comecei a sospeitar deses consensos que non definen concretamente unha ameaza: neses casos sempre é máis cultural e imaxinaria que real.

Efectivamente, nesa madrugada a piscina de Lobios estaba ateigada de xente. Pero non recoñecín ningún galego agás nós mesmos. Eran todos rapaces, xente nova portuguesa dos que moi poucos superarían os trinta anos. Fiquei pampo. O mesmo nos acontecera había uns meses nas termas públicas e gratuítas máis chulas do país: as que se atopan nas ruínas da pousada romana, a mansio, de Aquis Querquernnis, en Bande, non moi lonxe. Mozas e mozas portugueses disfrutando dos baños. Algún tiña un cigarro na man, é certo que se podía ver unha botella na parte de atrás da que de cando en vez acudían a aprovisionarse. Pero nada máis. Toda unha auténtica rave de portugueses bañistas e mozos, disfrutando das augas coa tranquilidade dos pensionistas, en voz baixa e en grupiños de amigos. Falei con algúns deles. Unha rapaza explicoume que viñera cos seus amigos desde Porto. 140 quilómetros e dúas horas de estrada de Porto ata Lobios! “Ah”, preguntei, “pasades aquí a fin de semana?”. Ela miroume con sorpresa: “non, non, volvemos despois, ao rematarmos!”. “Pero por que vides ata aquí?”. Ela encolleuse de ombreiros. “Son de balde!”.

Na miña vida concibiría -e creo que moitos estarán comigo- en que, con vinte e poucos anos, un bo plan de sábado noite podería ser ir a unha terma a deitarse en auga quente, botar un cigarro e unha parrafada. Pero así é nesta mocidade portuguesa que é quen de facer dúas horas de coche desde unha populosa área urbana europea para compartir augas caldas no máis profundo do rural do noroeste ibérico.

O Xurés non se distingue especialmente polas súas posibilidades de diversión noturna no sentido máis convencional, ou máis ben convencional para nós. O conto é precisamente ese: alí onde un non se agardaría, un grupo de xente non local aproveita un equipamento e, de algún xeito, o reinventa, o convirte en parte dunha oferta de lecer difícil de ser concibida desde arriba. O termalismo está asociado sobre todo a xente de certa idade. É certo que a xente nova do rural ourensán tamén vai ás termas, pero o que non é habitual é que a terma sexa o seu punto de encontro para as noites do sábado: iso só se fai se cadra nos días de festa e con certa euforia etílica.

Isto é outra cousa. Esta paixón da mocidade portuguesa polas termas galegas (gratuítas) revélanos que, moitas veces, na promoción e dinamización de destinos non está todo inventado. Que hai factores culturais que permiten reinventar destinos de xeitos sinxelos e insospeitados. E que moitas veces as oportunidades están onde non se agardan.

Descanso metido na auga, entre os vapores, alumeado por unha lúa ben ampla no céo, cun gran pracer de benestar, disfrutando do bo gusto da comida, dunha copa ben servida, nun lugar único como é o Xurés. Penso nas advertencias que me fixeron os locais sobre os “perigos” desta terma aberta e, como me reiteraron unhas cantas veces sen eu pedilo, chea de portugueses. Estou no medio de voces baixas que falan cos diversos acentos do seu norte e do noso sur, aquí onde as montañas galegas se volven portuguesas e viceversa, a escasísimos quilómetros, na Portela do Home. E creo que aínda que as fronteiras físicas caeron hai tempo, hai moitas outras, xeneracionais e territoriais que, inexplicablamente, custa crebar.

Realicei a visita ao Xurés no marco do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, reserva da biosfera transfronteiriza, organizado pola Deputación de Ourense.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *