Xentes e tempos da Pobra do Caramiñal: un mapa para tomar conciencia do patrimonio

Eu son da teoría de que son os mapas os que crean o mundo, os que de súpeto nos dan unha visión de conxunto que cambia cousas. Lembremos, por exemplo, o profundo impacto que tivo o mapa de Galicia de Domingo Fontán na xeración Nós, en todo aquel conxunto de rapaces que tiñan unha idea de espazo común a partir de ver o rostro de Galicia naquel gran mapa.

Por iso decidimos facer o mesmo na Pobra do Caramiñal, aproveitando que organizabamos as xornadas “A Pobra do Caramiñal no tempo”. Queriamos amosar aos pobrenses o numeroso e diverso patrimonio do concello dunha maneira visualmente impactante e divertida. O concello da Pobra do Caramiñal encargoulle ao ilustrador Juan Pablo Venditti a elaboración dun mapa do patrimonio cultural da Pobra do Caramiñal. Pero non queriamos un típico mapa, case administrativo, con monumentos. Buscabamos un mapa que insertara historias, sucesos que aconteceron nalgúns dos lugares representados; a idea deste mapa é que “faga falar”. Que un lle dea a volta e busque no reverso ese edificio ou ese xacemento arqueolóxico que non coñece. A idea do mapa é activar linguas e memorias. Xa que logo, é un mapa no que se ven moitas persoas, de diferentes épocas, en diferentes medios. Os mapas son ferramentas esenciais para xenerar unha conciencia do patrimonio.

E ese é outro dos puntos. Tanto José Carlos Vidal coma min, que coordinamos os contidos deste mapa, queriamos facer unha ilustración diacrónica, que reunira no mesmo espazo bens culturais que pertencen a épocas moi distintas, e non renunciar tampouco a introducir chiscadelas míticas. Queriamos dar a idea de que todo iso é patrimonio cultural: non só os vellos megalitos ou os castros. Deste xeito, atópanse desde as mámoas ou os castros do concello, ata pazos, igrexas, tumbas medievais, espazos industriais coma o barrio dos cataláns ou a Fábrica da Luz, ou esquencidos lugares de memoria coma o campo de concentración de presos republicanos. Mesmo apostamos por lugares que se “disolveron”, coma o Castelo do Deán, derrocado polos irmandiños, e que se mudou nun barrio enteiro (de maneira literal, porque os veciños levaron todas as pedras da fortaleza). O traballazo de Juan Pablo Venditti consegue que na exigua superficie dun A2 se consigan dúas sensacións: a do amplo patrimonio da Pobra do Caramiñal, pero ao mesmo tempo, a facilidade de lectura. Houbo que sacrificar, polo tanto, unha chea de lugares. Isto é tan só unha escolma. Pero foi marabilloso ver a cara dos veciños cando viron por primeira vez o mapa e comezaron a “lelo”, cada un deles polas proximidades da súa casa.

Todos os veciños que asistiron ás xornadas recibiron unha copia do mapa. E quen queira tamén unha, de balde, pode ir recollela á biblioteca da Pobra do Caramiñal. Apurade que quedan moi poucas!

Aquí podes descargar o mapa en pdf

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *