Unha memoria oculta (e aínda viva) dos Irmandiños

Last updated on 10 / Setembro/ 2018

A Pobra do Deán cara 1465.

Como sabedes, estou sempre moi interesado na relación entre lenda e realidade. En como os feitos se transmiten ao longo do tempo, en como se esvaen, mudan, ou mesmo se transforman. En como hai memorias que están pegadas como lapas ao seu territorio, e outras que van esvarando, movéndose.

Sempre me intrigara un asunto. Debido á miña querencia e interese polas fortalezas medievais galegas, teño visitado unha boa chea delas ao longo de todo o país. E sempre que é posible, tento recoller as lendas e as memorias sobre estes lugares. Téñoo comentado con amigos: no caso dos castelos baixomedievais, que sabemos foron derrubados polos Irmandiños, sempre me estrañou non ter recollido nunha, ningunha historia, ao redor do feito de que os antigos vasalos tiraran os castelos dos señores.

Isto sempre é complicado. A partir do XIX, e sobre todo nas primeiras décadas do século XX (e máis aínda nos últimos 40 anos) tense falado moito da revolta irmandiña, ata o punto de que esta ten sido sen dúbida mitificada, convertida nun antecedente para as esquerdas, sobre todo, nacionalistas. Pero o impacto da revolta na súa época foi, sen dúbida, moi grande. O profesor Carlos Barros ten estudado moi en detalle a traza da revolta nas mentalidades, a través das interesantísimas declaracións das testemuñas do pleito Tabera-Fonseca: anciáns todos eles que viviran a revolta irmandiña cos seus propios ollos (e as veces coas súas mans) durante a súa mocidade. Que botaran aos señores do país durante dous anos non foi, desde logo, asunto menor.

Pero nada diso quedou, aparentemente, na memoria oral da nosa sociedade tradicional. Cando visitas un destes antigos castelos (hoxe unicamente outeiros agachados baixo os bosques e a frouma do país), as lendas que recolles teñen que ver cos nosos amigos os mouros, as trabes, o acervo clásico das lendas do país. O que eu non sabía, non me podía imaxinar, e que posiblemente o resto máis vivo da memoria irmandiña de Galicia estaba literalmente a escasos metros da miña casa familiar na Pobra do Caramiñal, na ría de Arousa.

Un día estaba traballando, como un exercicio persoal, un experimento no uso de 3D, nunha posible recreación virtual do que sería a pequena vila da Pobra do Deán máis ou menos no período 1465-1467; quería representar un anaco da poboación unhas semanas antes da destrución por parte da Santa Irmandade do Reino de Galicia do castelo local, o castelo do Deán, que aínda pervive no nome do barrio actual. É esa recreación que vedes aí arriba, aínda sen rematar (hai que tocar uns muros, mellorar árbores, meter xente), e agradezo a Mercedes Fernández, Rebeca Blanco e Antonio González Millán os seus sabios consellos en relación a edificios e disposición. No gráfico represento a torre que pertencía ao cabido na punta da Covecha, aínda que a discusión sobre a súa ubicación (ben sobre o mar, ben nunha casa que está uns metros máis para arriba) dista de estar pechada. Eu preferino poñer aí por comparación co modelo de ubicación das fortalezas señoriais da mesma época no Barbanza, colocadas no litoral, das que si sabemos con seguridade a súa ubicación: o castelo de Palmeira ou o castelo da Lúa en Rianxo. Tamén representei a famosa oliveira da Pobra, que vedes á esquerda ao carón da igrexa, baixo a cal o concello local tomaba as súas decisións. E máis detalles.

O caso é que traballando coa documentación da época batín co nome do líder irmandiño que trouxera ao exército central da Santa Irmandade ata o Barbanza para derrocar a fortaleza máis ominosa: a Torre de Xunqueiras, do cabaleiro bravo, prototipo do noble galego de finais do XV, Estevo de Xunqueiras. E na miña cabeza as neuronas conectaron de súpeto aquel nome cunha vella memoria que tiña gardada. Non pode ser, pensei.

E decidín consultar con Carlos Barros, profesor de Historia na USC e máximo coñecedor da revolta irmandiña. Un home afable e rigoroso, que é quen de combinar coma poucos o exercicio científico da súa profesión cunha vontade explícita de estender o coñecemento adquirido á sociedade.

Mencioneille aquel nome. Foi comezar a explicar e Carlos Barros riuse e cortoume:

-Si, é el.

O propio Carlos Barros estivéralle, no seu tempo, dándolle voltas a unha curiosa reviravolta entre a historia, a tradición oral, a relixiosidade, a construción de determinadas relixiosidades. Lembraba unha visita hai xa trinta e cinco anos á parroquia do Castelo para investigar sobre este tema que vos vou contar. Alí, no despacho de don Nicolás Garrido, transcribiu o documento do que falaremos. Unha historia tremendamente local pero, ao mesmo tempo, perfecta representante das sutís, equívocas, ambiguas e procelosas sendas que ás veces segue a memoria para chegar ata nós.

Ofrecinlle a Carlos Barros vir contar esta historia nas xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo, que celebramos onte na vila, organizada polo concello da Pobra do Caramiñal, e coordinada por José Carlos Suárez e máis por min. Unha historia que é relevante para a nosa vila pero, que en realidade, tamén o é para toda Galicia. Unha historia de como, de algún xeito, os irmandiños chegaron ata a nós. Escondidos, pero chegaron.

Volvamos a ese periodo da Santa Irmandade. A 1467, cando o reino se levantou contra os aristócratas que entraran nunha espiral terrible de extorsión, morte, tortura, violencia contra a poboación. O país enteiro estaba, literalmente, ata os fuciños dos nobres. Así que a burguesía, a baixa fidalguía e o campesiñado, apoiados politica e economicamente pola Igrexa do país –gran afectada da extorsión nobiliar- conseguen de El-Rei un permiso para derrocar as fortalezas nobiliares e restaurar a xustiza.


A Torre de Xunqueiras, destruída polo exército irmandiño.

Na Terra de Santiago vaise distinguir unha figura, un líder político importante, rexedor da cidade e burgués de clase social. Xoán Domínguez de Liñares. Liñares vai coordinar moitas das accións da Irmandade, vai ser representante naquela primeira Xunta do reino que se forma –antecesora da Xunta actual-, e vaise vincular moi claramente á Pobra ata se converter nun auténtico protector. Á cabeza do exército central irmandiño, virá ao Barbanza para botar abaixo aquel símbolo da opresión que era a Torre de Xunqueiras. Axudará á Irmandade local nos seus asuntos. E moitos anos despois, cando toda a revolta irmandiña rematara e os señores tentaban obrigar a que os concellos pagaran o custe das fortalezas derrubadas, el –seguramente xa moi vello- vai continuar aí. O Deán de Santiago pleiteaba co concello da Pobra do Caramiñal, pedíndolle unha fortuna para que o indeminazaran por tirar o castelo da vila. Pero o castelo, á altura de 1497, xa non existía. Todas as súas pedras e outros materiais estaban repartidos entre os veciños. E aí aparece Xoán Domínguez de Liñares, cunha frase que revela –apenas nun trazo- o que vai ser o seu carácter. Dilles que “non teñan temor algún”. Achégase e presenta os documentos, que el gardaba desde 1467, co permiso de El-Rei para destruír as fortalezas.

Así que moitos anos despois de rematar a Revolta Irmandiña, Xoán Domínguez de Liñares continúa axudando aos veciños da Pobra, facéndose cargo das consecuencias, freándoas, contendo as angueiras dos poderosos. Non teñades temor.


A procesión das Mortallas da Pobra do Caramiñal.

E aí está ese nome. Xoán Domínguez de Liñares. Cando o vin, lembrei inmediatamente a lenda que está na orixe da famosa procesión das Mortallas da Pobra do Caramiñal, e que se celebrará o vindeiro domingo. Lembro mesmo cando Nicolás Garrido, o cura da parroquia do Castelo, a parroquia na que estivera a antiga fortaleza do Deán derrubada polos irmadiños, ma contou. Tíñaa naquela carpeta azul, no despacho do arquivo parroquial, alí onde dúas décadas antes tamén a vira unha xornalista que escribira un libro de viaxes sobre Galicia. Esa lenda figuraba no libro da Confraría do Nazareno, organizadora da procesión.

E contaba basicamente que, no século XV, un rexedor da Pobra chamado Xoán de Liñares, estando moi enfermo, ofreceuse ao Nazareno. O Nazareno curouno e, para agradecelo, decidiu camiñar en procesión, vestido con hábito, descalzo, detrás de catro perigosos malfeitores, salteadores, que apresara e de aquela atemorizaban á Pobra do Deán. O rexedor perdoáralles a vida. Velaí estaba o nome, tan específico, de Xoán de Liñares. Velaí na orixe da procesión das mortallas. Cando me decatei, xúrovos que o corpo me deu un lategazo de impresión. De algún xeito, aquela procesión, na que moitas xentes da Pobra se ofrecen ao Nazareno, na que máis de dez mil persoas camiñan con cirios, ao redor de caixas de mortos, agachaba a memoria do home que destruíra a principal ameaza de opresión da vila, a cova de bandidos –torres de granito rodeadas de pantanos- Xunqueiras, e tamén colaborara coa destrución do castelo señorial da vila, o castelo do Deán. Como sempre, en Galicia, para que unha memoria perdure, debe mudarse en romería, en santo, en sagrado. A memoria dos irmandiños que eu andaba a buscar por todo o país estaba ao carón xusto da miña casa –vivimos xunto á igrexa-. E esa procesión que o terceiro domingo de setembro enche as rúas da miña vila, que nos esperta co rebumbio das xentes pola mañá, é, de algún xeito, unha homenaxe agochada, hoxe inconsciente, ao tempo no que os vasalos se libraron dos seus señores.

E aquí vén a seguinte parte, máis historiográfica, demasiado longa de explicar para este texto, pero que non ten unha “chicha” menor. Porque, explicounos Carlos Barros, na procesión das mortallas entrecrúzanse moitas historias: a confusión entre unha antiga procesión co culto ao Nazareno, que debeu comezar apenas a inicios do XIX; A potenciación destas relixiosidades populares nos inicios do franquismo –Franco foi feito cofrade do Nazareno pouco despois da Guerra Civil-, ou o propio texto, supostamente antigo, no que se conservaba esta lenda do rexedor e os salteadores que non comeza a aparecer publicada nos medios, asociada ás mortallas, ata o ano 1941 (creo lembrar). E aquí é onde está o desafío do historiador.

Na conferencia, Carlos Barros debullou o texto con precisión. O texto da lenda ten unha redacción de inicios do século XX, pero os datos que están nela, moi precisos, ás veces tamén deliberadamente ensarillados, lévano a pensar que ese texto procede de varias fontes, e algunhas anteriores. Dito doutro xeito, e importante para que quede claro: alguén cociña esta lenda a finais do século XIX, no inicio dun libro contable da confraría do Nazareno. A tese de Carlos Barros é que, para facelo, bota man de ingredientes anteriores, en gran medida hoxe descoñecidos. Non é, polo tanto, unha liña clara de tradición que vén desde o século XV ata hoxe, e iso o fai aínda máis interesante.

Quen escribiu ese texto en realidade bebeu de historias das que sae o destacado protagonismo de Xoán de Liñares, fontes textuais que hoxe en día, por agora, é difícil rastrexar. Hai cousas alteradas aí. Por exemplo: Xoán Dominguez de Liñares aquí chámase Xoán de Liñares. Desapareceu o apelido máis común e ficou o máis diferenciado. Na lenda da confraría fálase de que era rexedor da Pobra. Nunca o foi: era alcalde de Compostela. Aí é onde o relato se simplifica, se desbasta, se adecúa ao seu fin; puideron ser cambios nunha desaparecida tradición oral, puideron ser reescrituras en diferentes momentos, non o sabemos. Pero a lenda é sutil e coherente mesmo en determinados detalles: reflicte a tensión clásica entre os poderes civís e os relixiosos pola preeminencia en determinados eventos como as procesións. Aínda que a difusión do texto é posterior á Guerra civil, van ser os propios eclesiásticos os que tenten cambiar ese sentido no que o concello da vila parece ser o fundador da procesión. Van tentalo sen conseguir o éxito popular.

E aquí, nesta loita entre tempos, invencións, tradicións, documentos que aparentan ser antigos pero son modernos, documentos modernos que teñen trazas claras no seu interior de documentos antigos, é onde aparece a figura dun home, Xoán Domínguez de Liñares, que hai cincocentos anos socorreu con firmeza a unha poboación, que a liberou –aínda que fora momentaneamente- do terror, e que durante décadas continuou vinculado a ela, axudándoa nas tribulacións e nas represalias, sempre cunha frase: Non teñades temor algún. E tivo razón. Cando a revolta irmandiña caeu, cando os nobles retornaron, Xoán Domínguez de Liñares, que xa debía ser un autentico ancián, defendeunos (xuridicamente) e volveu gañar, e evitou as represalias aristocráticas sobre as xentes da Pobra. E, abraiante, o pobo non o esquenceu. Ano tras ano, de algún xeito, perpetuou a súa memoria.

Pensar que, de algún xeito, todo iso se garda na procesión que está na nosa memoria, pensar que unha longa busca de rastros de historias de irmandiños en realidade remataba nas portas da miña casa, é unha destas historias fascinantes nas que o persoal se cruza co colectivo. Como sempre acontece en Galicia, a memoria dos grandes feitos continúa pero só cando cumpre unha condición: camuflarse ata desaparecer, mixtificarse, confundirse ata que parece apenas unha inocente, pintoresca, turística, atávica e ancestral (apréciese a ironía dos adxectivos) tradición máis deste pobo aparentemente manso.

P.D.: Se tedes moito interese en coñecer detalles desta historia, recoméndovos tamén o traballo de Antonio González Millán sobre Xoán de Liñares e estas orixes irmandiñas do Nazareno no catálogo da exposición Nobiscum. Nazarenos, mortajas y resurgitados (2005).

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *