Verraco de Mingorría (Ávila). Fotos: Sole
Como dicía o outro día cando comecei a falar de Ávila, non é nunca o mesmo saber algo que ver algo, que se incorpore á túa experiencia. Pasoume con estas curiosas esculturas repartidas por todo o territorio abulense e provincias limítrofes, os verracos. Grandes porcos e bois de granito repartidos por todo o territorio, moitos deles trasladados da súa ubicación orixinal. Hai que estar alí para decatarse da singular concentración de esculturas deste tipo que hai en Ávila (aínda que chegan ata Galicia).
Desde logo, é un exemplo clásico de como Lázaro tiña razón: non hai só que crer, ou saber as cousas unicamente porque as les nos libros. En relación aos elementos do pasado, moitas veces só os entendes cando visitas os espazos nos que tiñan sentido. Cando visitas Ávila, tanto na capital coma no resto da provincia, os verracos son omnipresentes. Atópalos nos espazos públicos urbanos, en prazas, parques ou entradas a institucións. Os arqueólogos calculan máis de cen verracos na provincia. Continúan ocupando, dándolle sentidos e significados á paisaxe, máis de dous mil anos despois, e dunha maneira moi densa, insistente. Aínda que poucos verracos se atopan na súa posición orixinal, a densidade é para min unha das percepcións máis interesantes en relación a estas esculturas. O territorio enteiro é transformado por elas, gardianas da abundancia, do equilibrio e da prosperidade das comunidades agrícolas que os crearon; a densidade é tamén sinónimo de stress. Os verracos, conxurando se cadra males e escasezas, nos falan dun medio duro e difícil no que a interacción coas divinidades era parte fundamental do benestar físico da comunidade. É como a abundancia de cruceiros en Galicia, que de maneira indirecta non só revela devocións e relatos de poder das casas labradoras do país, senón tamén da tensión na explotación e na humanización dun territorio intensamente fragmentado.
Porque iso é o máis fascinante dos verracos. Non hai en Europa, que eu saiba, un territorio con tal cantidade de elementos simbólicos procedentes da Idade do Ferro aínda en uso (simbólico) hoxe en día. É unha absoluta xoia cultural, inxustamente descoñecida. E que, ademáis, nas lóxicas cambios de significación e uso destas esculturas prehistóricas, nos fora facendo un importante relato ao redor do poder, a permanencia e a memoria.
Hai un consenso xeneralizado ao redor da orixe dos verracos na Idade do Ferro. Estas figuras preséntansenos moitas veces como exemplos certamente un tanto brutalistas, bastos, de escultura prehistórica, especialmente se a contrapoñemos cos parámetros da escultura clásica mediterránea. A verdade é que, cando os ves in situ, outra vez volve cambiar a túa percepción. Porque o que descubres nos verracos e nas súas proporcións é unha ollada precisa, naturalista, do escultor. É un artista que vive nunha comunidade gandeira, que é quen de levar ao granito con moitísima precisión as proporcións e volúmenes de cada animal. Ocorreume algo bonito nese sentido. Tras ver unhas cantas destas esculturas, empezabas a entender mellor as formas, acostumas a vista e, cando ves os seguintes verracos ao lonxe (porque son esculturas que se ven ben de lonxe) xa te decatas inmediatamente se é boi ou porco. Imaxino que para un gandeiro, isto sería aínda máis evidente. Outro detalle de finura estilística nas esculturas son o detalle nos arneses e decoracións que teñen os animais, e que se parecen moitísimo aos galanos cos que hoxe se lle visten a vacas e bois no día da festa da aldea. Debido a que estes motivos decorativos están moi erosionados, non adoitan distinguirse nas fotos turísticas. Pero están aí, embelecendo e cargando aínda máis de sentido simbólico as figuras. Se os vemos desde o que nos queda de cultura agraria hoxe, eses animais conxelados na pedra estén engalanados, son o orgullo da súa comunidade no día da festa. Estamos vendo, no fondo, animais con coroas de flores e arneses de coiro, pintados e fermosos, mentres soan músicas ao seu redor, tratados con agarimo e respecto polos homes que os coidan.
Un dos elementos que nos resultan máis chamativos aos galegos é a ubicación destas esculturas. Aínda que unhas cantas é posible que estiveran asociadas directamente a castros, o cal as aproximaría ás prácticas do noroeste, o certo é que boa parte delas parecían estar ubicadas no medio dos campos, quizais en puntos de paso pero tamén de pasto. Téñense atopado mesmo verracos a medio facer, aínda emerxendo como pantasmas das pedras informes. A hipótese máis habitual é a da protección desas pradeiras vitais para o mantemento da cabana gandeira. Unha antiga deidade animal protexendo aos animais.
Os verracos seguiron tendo usos na época romana, e aquí comeza o seu intrigante baile cultural. Porque varios destes animais conteñen inscricións funerarias, que levan a pensar que pouco a pouco o verraco foi cambiando de sentido para estas comunidades da meseta, pasando a converterse nun símbolo, nun vínculo íntimo de identidade, un pouco como os símbolos astrais tan presentes nas estelas galaicorromanas. O verraco comezou a cambiar e a mudar.

Touros de Guisando
Pero o fascinante é o que pasou moitos séculos despois, cando se cadra a partir do século XV e, desde logo, no XVI, a nobreza abulense comezou a mover os berracos. Se cadra o feito de que non fosen formas humanas axudou a que a Igrexa tolerara a exhumación e uso destas estrañas figuras. O caso é que aqueles fidalgos e nobles comezaron a adoptar os berracos cun sentido case fundacional, de prestixiar. De algún xeito, o vínculo coas comunidades orixinais desaparecera, pero non a súa relevancia como símbolo. Os fidalgos considerábanos romanos, da época das guerras lusitanas se cadra, unha sorte de trofeos. E viñéronlles de marabilla: no século XV, aquela nova clase nobiliar que vai xurdindo tralos Trastamara, a que prospera á sombra do novo equilibrio de poder dos Reis Católicos, precisa construír o seu propio pasado. Precisa alicerzar o seu poder en prestixio. E aí aparecen os verracos, como estraños símbolos atávicos en pedra, se cadra provistos nesa época medieval de todo unha armazón simbólica popular que os nobles convertiron en relato aristocrático. O simbolismo de aqueles verracos era tan relevante que o reino de Castela e o seu futuro decidíronse á beira dos touros de Guisando, onde Isabel a Católica convertiuse en herdeira do trono. Iso non é casual, como que ao seu carón, posteriormente, se erguera un fermoso mosteiro hoxe camuflado, en ruínas, no medio dunha boscosa ladeira.
Non sería a última fase. Porque os touros e porcos seguíronse movendo, e ao longo do século XX moitos trasladáronos para ocuparen espazos públicos, prazas, entradas de pazos adquiridos polas administracións, sempre en lugar preeminente. O relato dos verracos no século XX continúa dun xeito singular. Dinlle moitas voltas a isto durante a miña visita en Ávila. Os verracos son empregados polas administracións públicas como un emblema da xestión do pasado e do patrimonio cultural público. Mentres a arqueoloxía abulense adoece de recursos e hai pouca investigación científica actual sobre os hábitats da Idade do Ferro, os verracos convertéronse nun suxeito presente dentro dunha paisaxe de ausencias de coñecemento. Os verracos están intimamente asociados á identidade dos abulenses. É un patrimonio que levan con orgullo, aínda que existan tantas lagoas sobre a sociedade que os construiu; sono porque seguen representando unha función para unha sociedade do século XX, unha función distinta que a do Renacemento, a do mundo romano ou a da Idade do Ferro.
Pero sería interesante saber que ocorrería con estas figuras apareceran en territorios cunha identidade política actual en conflicto, como Galicia ou no País Vasco. Penso na representación de petróglifos ou de trisqueis asociados a movementos políticos actuais galegos, ou as formas das estelas vascas asociadas ao mesmo. Non me cabe dúbida que, se cadra, o relato sobre estas figuras de tanto poder icónico sería notablemente distinto, así como a súa presenza en todo tipo de contidos de cultura popular (banda deseñada, novelas, audiovisual, etc.). Son especulacións, en fin, pero indicativas do poder suxestivo destas magníficas pezas.
Os verracos, aínda que estean demasiado duros para comerlles o chuletón, son sen dúbida un dos elementos máis singulares, máis fermosos e tamén máis intrigantes de Ávila, e un dos patrimonios máis fascinantes (e descoñecidos) da Idade do Ferro europea. Recoméndovos buscalos por todas partes. E un truco: en Ávila capital, se podedes, ide a ver todos os que teñen amoreados na igrexa de Santo Tomé el Viejo, unha especie de almacén musealizado da Deputación. Alí pode ser un punto de partida para namorarvos destas fermosas e singulares esculturas.

Estou pensando nos porcos que había fai anos na ponte que divide Pontedeume e Cabamas, que agora cambiaron para xunta o concello, e tamén noutro que apareceu mergullado nunha beira do río aló en Naraío; poderían ter algo que ver cos verracos castellanos??. Sempre se dixo que eran medievais e animais totémicos dos Andrade, e nas súas terras é onde aparecen pero no escudo deles creo que non figuran. Se cadra os nosos “porcos” teñen a misma orixe…