Soledad Ríos Santomé realizoume unha extensa entrevista para o Boletín Galego de Literatura sobre O Anxo Negro, no seu número 52 correspondente a 2018. Podedes consultala aquí. E publico aquí o inicio para abrir boca:
SOLEDAD RÍOS SANTOMÉ. Aínda que vostede. ten unha longa experiencia como activista cultural e con xa diferentes publicacións no seu haber, esta é a súa primeira novela, longa por certo. Cando comeza a xestarse en vostede a idea de darlle corpo a esta historia?
MANUEL GAGO. É certo que me estreo na ficción xa con certa madurez, aos corenta anos. Supoño que a diferenza entre comezar aos vinte e pico e facelo con corenta é que xa tes máis claro cal é a liña literaria que queres seguir, o programa, o que queres contar na cción durante ese breve tempo no que os seres humanos dispomos de enerxía creativa abonda. Así que coa primeira novela quería experimentar coa fermentación da memoria. Eu creo que a imaxinación é memoria fermentada. Algúns escritores déixana levedar máis e outros, menos, iso xa é una cuestión de estilo. Do que non hai dúbida é de que o maxín procede da experiencia, sexa vivida persoalmente ou adquirida nou- tros relatos. En O anxo negro están mesturadas numerosas historias que eu vin desde a infancia e, sobre todo, en máis de vinte anos percorrendo todo o país. Así que a resposta a esta pregunta é sinxela e complexa ao tempo: levo escribindo esta historia desde que nacín, como pasa realmente con todas as historias.
SRS. Teño lido comentarios moi eloxiosos da súa novela: historia monumental, engaiolante, magnífica, trepidante, intensa, que recolle o mellor da tradición oral galega, que eleva a cultura galega… Semella que a recepción está a ser boa malia as súas case 500 páxinas.
MG. A verdade é que estou moi contento coa recepción. Acostumado como estou ao texto electrónico, entrar no mundo da literatura en papel, e en especial, a nova experiencia de lectura colectiva a través de clubs de lectura etc., resultoume unha experiencia do máis fascinante, da que estou a aprender moitísimo. O que máis me interesa, teño que recoñecelo, son os comentarios dos lectores, xa que os libros, desde o momento no que saen do prelo, deixan de ser teus e comezan a ser, un pouco, de todos os que os len. Iso signi ca, para min, que comezo a ver con outros ollos, os ollos da lectora, algunhas partes da novela que mesmo chegan a cobrar novos sentidos. Pero, ademais, eu estou convencido de que é preciso renovar e ampliar a base da literatura galega. Esa é a batalla do noso tempo: non só resistir para non acabar na marxinalidade absoluta, senón a de gañar novos públicos e lectorado. Así que para min ver os comentarios dos lectores e, especialmente, daqueles que non len habitualmente en galego, foron moi alentadores.

Be First to Comment