Fotos: Sole
Había moito tempo que tiña gañas de visitar Ávila. A súa certa periferia con respecto aos camiños que levan a outras partes da Península fixeran que a foramos deixando aplazada para unha viaxe específica, que puidemos facer hai moi pouco. Foi unha visita con calma, da que disfrutamos moito, e na que volvín aprender, como na anterior de Navarra, moito ao redor das culturas da Península Ibérica, das transicións, as raiceiras, o pasado do presente pero tamén o presente do pasado. Irei contando nestes días.


Pero comezo pola capital, Ávila, que ademáis é o auténtico centro de referencia da provincia. Como todas estas terras casteláns, o territorio abulense sufre un gran despoboamento que fai que estas capitais de provincia sexan aínda moito máis referentes para as comunidades rurais que en tempos antigos. A cidade é preciosa. Xa sei que é un lugar común, pero a muralla é algo digno de ver, unha auténtica xoia do medioevo extraordinariamente ben presentada, e cun casco histórico no interior inzado de lugares curiosos nos que perderse. Coido, ademáis, que hai que ver Ávila con frío e neve, con esa ventisca xélida que procede da serra de Ávila, que corta a pel e converte os paredóns graníticos da defensa medieval nunha especie de refuxio mítico. É neses momentos onde é posible comprender moito do carácter destes territorios peninsulares conformados a base desa interacción entre guerra, poboamento e grandes movementos de poboación. Son moi singulares nesta provincia, por exemplo, a cantidade de toponimia e antroponimia vasca, resultado da poboación do territorio por xentes norteñas. Un atópaa no medio dos vales rurais e pensa que por un momento está no sur de Álava.
A muralla hai que camiñala. O aspecto máis espectacular, sen dúbida ningunha, é a integración entre esta e a catedral, un verdadeiro baluarte que, xunto co alcázar, xa desaparecido, se convertía no referente da parte máis alta da cidade. O ábside fortificado, sobresaíndo da muralla, é unha auténtica pasada. E se subes ao alto do paseo de ronda da catedral aínda máis: alí vese moito mellor a integración entre o gótico relixioso e o adusto deseño militar.




A catedral en si mesma vale unha visita: é unha xoia do principio ao final, cunha especial relevancia, se cadra, dos século XV e do XVI para o que son as obras mobles e do XII para a construción emprendida polo mestre Fruchel por encargo do conde de Galicia, Raimundo de Borgoña, tamén repoboador destas terras. Fruchel fixo un prodixio de fusión entre románico e gótico no que a xirola e a cabeceira son unha absoluta marabilla: cun deambulatorio de doble nave e o uso dun material espectacular que eu non vira antes en ningún outro sitio: a Pedra Sangrante, unha pedra arenisca ferruxinosa procedente das canteiras da Colilla, que están relativamente próximas. Pouca broma con esta pedra: outorga un efecto marabilloso ás estruturas, aéreas, separadas deste mundo a través do propio material. Fruchel sabía moi ben o que estaba facendo. Tanto fascinou esta pedra sangrante (é a que vedes, por exemplo, na foto que abre este post) que cando fixeron a igrexa de San Vicente, imitaron en plan un tanto cutre este mesmo efecto da catedral. Podédelo ver ben nesta foto:

Por certo, esta basílica de San Vicente, que está extramuros, é para min a definición de elegancia arquitectónica do románico. Crea unha impresión moi similar á que te podes atopar nalgunhas xoias do románico toscano, coma o cemiterio de Pisa. A sensación de que, fronte a ese discurso tópico e manido dunha idade media escura asociada ao románico fronte a outra luminosa, xa camiño do Renacemento do gótico, hai unha realidade distinta. O románico de San Vicente é o produto dunha visión luminosa, optimista e creativa do mundo, desafiante e elegante. O románico tamén é luz: outra cousa é que a xestionan e buscan unha linguaxe distinta que no gótico. En San Vicente, no interior, non deixedes de ver o magnífico cenotafio policromado dos Santos Irmáns Mártires, que veñen sendo Vicente, Sabina e Cristeta.




Detalles da basíllica de San Vicente
As orixes da cidade son incertos. Non se sabe ata que punto a cidade foi previamente un castro vetón. O que é espectacular, e non podedes deixar de facer, é buscar na muralla, especialmente na zona alta, a cantidade de lápidas e esculturas de época romana integradas na antiga muralla. É como xogar a un puzzle visual tentando localizar que é e que non é. Hai desde estelas indíxenas, inscricións canónicas, ata verracos vetóns. Todo integrado na cerca de pedra, pero de maneira moi consciente. A muralla construiuse sobre o pasado, pero deliberadamente integraron ese pasado. E este fenómeno, que é común en moitas murallas medievais, en Ávila acada un certo requintamento cos verracos vetóns, dos que vos falarei noutro post e que levan machacándome a cabeza moito tempo.

Lápida romana incrustada na muralla
Como digo, Ávila é un lugar fermoso para percorrer e visitar desde todos os puntos de vista. A gastronomía está moi centrada nas carnes locais, e supoño que moi mediatizada por un turista madrileño que vén de fin de semana a cumprir o ritual de tomar un chuletón de Ávila (sempre tenreira). Con todo, a oferta non é moi diversificada. Eu téñovos que recomendar un sitio moi interesante ao que lle hai que prestar atención, e que é un vento fresco: o Soul Kitchen, no casco vello, un local propiedade de dous arqueólogos da cidade, Juan Pablo López e María Blanco, no que se come francamente ben. Pratos de cociña internacional, unha especial atención á preparación de verduras e vexetais e puntos fantásticos, acompañados de viños da zona e doutras (teñen para chateo por exemplo o amandi Santo Graal, do proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo, do que falei aquí o outro día). E prezos moi aquelados.
Estes días ireivos contando máis historias da provincia de Ávila. Falareivos de algún sitio que xa quedou para sempre no meu corazón. Un territorio duro e fermoso para percorrer e entendernos, mesmo os galegos, un pouco máis.

Be First to Comment