10.000 pegadas cara o futuro

Foto: Castro de Fornelos / Mariña Patrimonio / patrimoniogalego.net

Estes días patrimoniogalego.net acadou os 10.000 bens catalogados. Para quen estea vinculado ao mundo do asociacionismo, ou dos movementos sociais en Galicia, sabe ben o fito que é iso: conseguir manter un proxecto en crecemento constante (aínda que con variacións lóxicas na velocidade, claro) desde 2011. patrimoniogalego.net foi un soño e un desafío: parte dunha convicción cada vez máis reafirmada. O único xeito de protexer o noso patrimonio é facendoo visible (aplicando, obviamente, salvedades en relación a algúns sitios sensibles), facéndoo coñecido, popular e accesible. En todos estes anos, patrimoniogalego.net contribuiu, en numerosas ocasións, a frear agresións ao patrimonio de todo tipo: o importante é que se convertiu nun instrumento con múltiples usos. Tamén houbo quen nos intentou usar, por suposto, en leas políticas ou locais. Unha das cousas máis relevantes que aprendimos é a ter unha boa formulación de normas e reglas que, simplemente a partir de transparencia, claridade e reparto de responsabilidades, evitan moitos problemas.

Que en todos estes anos a administración autonómica, que é a detentadora das competencias en materia de patrimonio cultural e se aprobou a si mesma leis que a obrigan á transparencia no ámbito da localización dos bens, non fora quen de propoñer ningún tipo de fórmula institucional satisfactoria, evidencia con feitos que ese é un proceso que se quere retrasar, de maneira voluntaria, o máximo posible. Os motivos? Pois aí xa estamos entrando en terreos máis complexos e especulativos que requirían unha análise máis ampla. Como sempre dicimos, nós continuamos traballando. Cada vez que a Xunta anuncia unha millonada para xeolocalizar e publicar en liña o patrimonio nacional, nós seguimos traballando. E ao cabo dos anos, cando non se sabe nada deses proxectos nin deses millóns, nós seguimos aquí con máis fichas, con máis visibilidade. E a Xunta volve anunciar outro proxecto millonario con fanfarrias e altofalantes. E nós seguimos traballando, facendo fichas. Esta historia si que é cíclica e o tempo dános perspectivas.

Todos estes anos leváronme a aprender moitas cousas. Desgrazadamente, estes meses estou tan liado que son difíciles de desenvolver. Pero hai unha que me leva dando voltas á cabeza nestes meses. Galicia é un país curioso. A todos nos gusta a retórica da sociedade en marcha, soñamos con pobos, con colectivos, con multitudes autoorganizadas. É todo retórica: a realidade é que as grandes iniciativas deste país, as cousas que saíron adiante, foron sempre cousa de moi poucos. Eses poucos teñen por característica a teimudez, as ideas claras. Pero sempre son tres ou catro os que sacan as cousas adiante ata que cansan, se desesperan ou se fartan. Ás veces sucédenos outros, e outras veces os proxectos ou as ideas simplemente morren. Este é un país que lle gusta pensarse como tal pero que sempre mantén con vida un pequeno puñado de xente.

Queremos unha retórica de traballo colectivo, pero en realidade, só un reducido grupo de persoas está disposta a continuar por todos, moitas veces sen un beneficio persoal claro. Isto é o que aprendín nestes anos: na afouteza dos que son capaces de dar un pouquiño deles para os demáis, de maneira sistemática. Que están preocupados polo presente e sobre todo polo futuro do inmenso e valioso legado cultural que nos deixaron os nosos ancestros. En patrimoniogalego.net vémolo moito a diario: o sitio ten moita audiencia de amadores, veciños, xente que chega a través de Google. Pero é usado de maneira recurrente por profesionais do patrimonio e funcionarios do ramo. Sen embargo, quen publica fichas, quen continúa no traballo, quen o fai medrar, son uns poucos e poucas. Son auténticos titáns que están dispostos a compartir polo común. Dispostos a que isto continúe. Pouco dados a teorizar, a agardar, a “había que”, e máis dados a facer. Non é tan raro: isto é habitual dos sitios de edición colectiva en Internet (está moi estudado na Wikipedia) e foi a máis coas redes sociais tipo Facebook. patrimoniogalego.net, como ferramenta, evidencia ata onde queremos chegar todos, quen pasa das palabras aos feitos. Que estamos dispostos a dar polo que recibimos. Como queremos construír algo para todo o país, alén da nosa localidade, da nosa comarca, do noso interese persoal.

Así que isto vai por eles. Porque alén da retórica -necesaria- do colectivo e da comunidade, patrimoniogalego.net é o traballo dun pequeno grupo de xente con nomes e apelidos. Están ciscados por toda a páxina, tanto no equipo que sustenta o sitio como nos catalogadores. E iso fai máis incrible, máis enorme, a súa tarefa e a súa xenerosidade. Iso fai que un sinta orgullo por este conxunto de persoas, dos que moitos apenas nos coñecemos en persoa. E así seguirá patrimoniogalego.net: aberto a quen queira participar, con todos os brazos, portas e mans para os novos, pero sabedor do mérito de aqueles que fixeron a elección e deron un pouco do seu tempo para crear este pequeno universo da nosa identidade e da nosa memoria. Un proxecto único que queremos que continúe. Como mínimo ata as 40.000 fichas, non?

2 Comments

  1. Anónimo
    7 / Maio/ 2018

    Eu son un dos que a cotío consulto a páxina…e algunha ficha que outra tamén subín (aínda que poucas..)

  2. Xose
    17 / Maio/ 2018

    Un post bastante agridulce Manuel. Por unha parte vexo o orgullo de levar este proxecto adiante con todas as limitacións e problemas que tendes, así como unha tristeza polo gran traballo feito e o pouco recoñecemento que ten por parte da sociedade.

    Pregúntome porque non oficializades unha asociación que aglutine este proxecto.
    – Dende o plano social poderíades ter un seguimento da xente que sigue e podería participar no proxecto, así como ser un altavoz das vosas accións que dabos publicidade e facilítaos ser coñecidos por máis xente e desa xente posibles colaboradores.
    – Dende o plano económico poderíades ter un lugar para que as administracións galegas (Xunta, deputacións, concellos,…) aportasen o proxecto se o usan, así como que aporten os datos que eles teñen para que a base de datos que manexades sexa máis rica e completa.
    – Dende o plano cultural por ter localizado a información que se xera a partir dende o voso traballo base, darlle publiciadade e axuda, así como aproveitar para captar xente interesada en axudar grazas a eses proxectos novos, máis locais, que usan os datos de patrimonio galego. Poderíanse facer agrupacións de bens que fosen visitables mediante rutas de senderismo, outras en bicicleta,…

    Respecto o recoñecemento a pequena familia que compoñedes patrimonio galego, creo que é cuestión de que recopiledes esa información de cada membro do equipo e a poñades nun lugar de fácil acceso como pode ser “quen somos” e ahí ter unhas poucas palabras de cada membro e o motivo de porque está no proxecto ou senón entrevista a cada un como pasou con algúns catalogadores, aínda que iso levaría máis tempo.

    Moito ánimo e ata as 40.000 catalogacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *