Olite: a restauración do presente

Fotos: Sole

Vivimos nunha cultura na que a viaxe moitas veces se confunde cunha colección de fotografías de lugares bonitos para poñer en Instagram e Facebook, momentos satisfactorios de relax nunha praia na que como te aburres fotografías os teus pés e primeiros planos de platos de comida e fotos brindando. Non podo estar máis en desacordo con isto. Non porque as viaxes non deban ser pracer e visitas a lugares bonitos (claro que deben) senón porque non deben ser máis ca iso. Para min as viaxes son sempre exploración e, moitas veces, máis que aprender, busco comprender.

É o que me aconteceu coa visita ao Castelo Real de Olite, no sur de Navarra. Resultoume tremendamente perturbador. Isto en si mismo pode soar esaxerado, pero crédeme que aínda hoxe estoulle a dar voltas a este lugar, e xa pasou un mes desde que o visitei.

O castelo atópase nunha pequeniña vila tirando para o sur de Navarra. É un dos monumentos máis visitados, senón o que máis, de Navarra, e ao chegar a el enténdese por que. O seu perfil, se aparcas o coche, coas súas torres de diferentes alturas, os seus volumes un tanto caprichosos, a súa construción excéntrica, os seus pináculos e tellados en punta, xa te advirten de por que. É un castelo ideal, un castelo de contos, de Disney, de películas. É o castelo que a xente espera ver. Entre os visitantes, destacan o gran número de familias con nenos pequenos, moito máis que no resto dos destinos turísticos de Navarra. Por que? Isto é interesante. Os pais colaboran na idea de levar aos nenos a un castelo ideal, participan e axudan a alimentar (sen dúbida de maneira inconsciente) nos fillos a idea de que o destino turístico debe ser así, que a Idade Media debe ser así. Eles mesmos consideran que esa é a visita interesante.

Olite é un orgullo navarro. Foi residencia de reis, e acadou un importante grao de sofisticación na súa decoración e, sobre todo no seu estilo de vida cortesán a principios do século XV, cando Carlos II o Noble convertiuno na súa sede oficial. Había ata un zoolóxico no seu momento. Olite non é exactamente un castelo con fins defensivos. En pequena escala, lembra moito á idea de pazos coma o papal de Aviñón, eses pazos que teñen forma de castelo malia ser basicamente residencias oficiais e espazos administrativos medievais. É outra volta da tremenda influencia francesa da Navarra medieval, que nós vemos por todas partes pero que nos sorprende que apenas estea destacada ou indicada na información turística e nos elementos explicativos.

A cuestión é que cando camiñas polo castelo de Olite, que ben paga unha visita, decátaste de que hai algo bastante raro aquí. Non é difícil saber que pasa. O castelo foi abandonado trala conquista de Navarra en 1512, chegou ao século XX destrozadísimo e a súa reconstrución, iniciada en 1937, responde aos estándares e á mentalidade desa época. Nese sentido é como a vila medieval de Carcassonne, en Occitania. Son en gran medida resultado de como a xente desa época vía e interpretaba a Idade Media. Curiosamente, moitos dos monumentos medievais máis visitados en Europa son, en realidade, constructos do século XX. Que esas agresivas intervencións que convirten as vellas ruínas medievais en decorados de superproducións en technicolor e libros ilustrados de contos de fadas teñan tanto éxito fainos pensar que en realidade non queremos visitar o pasado, senón os relatos do noso presente.

E aquí vén a cuestión. A musealización do propio castelo non engana nunca ao indicar que a visita que estamos a ver ten tanto de como no século XX se vía a Idade Media como da Idade Media en si mesma. Pero, se vos fixastes no parágrafo anterior, puxen unha data nada inocente: 1937. Si, ese foi o ano no que a Deputación de Navarra iniciou a recuperación de Olite (aínda que as obras comezaron no 40). A ninguén se lle pode escapar que datas son esas. Ano 1937, ano 1940…obras ciclópeas de restauración de ruínas na Guerra Civil e na primeira posguerra?

E esa é a segunda historia de Olite. Durante a Guerra Civil e a posguerra, en Navarra iniciouse un vasto programa de recuperación de patrimonio histórico que tiña como obxectivos a recuperación de sitios emblemáticos da monarquía e do reino de Navarra, como Olite ou Leire. Nos primeiros tempos de Franco? Pois si. Non entenderiamos esas accións como vinculadas a algún tipo de nacionalismo identitario oposto ao centralismo franquista? As cousas non son tan simples. E aí vén o interesante, porque Olite fainos ver claramente moitas cousas do noso pasado inmediato, pero tamén do presente.

Olite permítenos entender que non houbo unha España franquista e outra republicana, dividida de maneira literal polo mapa inicial do Alzamento durante 1936 e 1937. Na época na que os rexionalistas navarros conseguían financiamento e favor político para recuperar certos monumentos históricos vinculados ao seu reino, conquistado por Fernando o Católico, en Galicia se producía unha durísima represión de todo o que significaba a cultura e a lingua do país. Ambos os dous territorios estaban baixo dominio de Franco, pero desde logo non eran o mesmo. Que Galicia estivera na retagarda do bando franquista non significaba que os franquistas percibisen o apoio que recibiron dos dereitistas navarros (lembremos que os requetés combatiron contra o cinto de ferro de Bilbao, na fronte aragonesa…).

Restauracións patrimoniais de gran custe económico, no momento cruento da Guerra e na terrible posguerra, indican que había algo máis que o interese artístico por parte do réxime. Visibilizan os apoios, as decisións, e o sistema de excepción fiscal que tanto beneficiou a Navarra, procedente de tempos anteriores, e que se mantivo coa Constitución de 1978, ese sistema de Facenda que continúa a debate nestes momento no Estado autonómico. Son todas lecturas incómodas e difíciles de manexar, de beneficios económicos, política, división cultural. Pero de algún xeito, non se entenden moitas cousas sen comprender estas tarefas de restauración dun vello reino ibérico, aparentemente cun discurso propio con respecto ao relato imperial da España de Franco, sen vir a velas. Cando se ven, cando se le un pouco, decátaste -e iso é o inquedante- en que non hai demasiada contradición entre este culturalismo navarrista dos anos 40 e 50 e o resto da política do réxime de Franco.

Cando un visita Olite, pode crerse o conto de fadas que a arquitectura restaurada pretende representar, facerse unhas fotiños e dicir que cousa máis bonita, ou pode admirar un magnífico exemplo de arquitectura baixomedieval e, ao mesmo tempo, comprender como esta enorme edificación fala moito sobre nós mesmos, mesmo sobre Galicia. Entender que os monumentos agochan múltiples lecturas, e que van máis alá do que as guías de turismo din e comentan en plan amable. Explicar isto, por suposto, require numerosos matices e contextos que a brevidade dun post non permite abordar; o meu coñecemento do mundo navarro é tamén escaso, así que animo a todos a profundizar nestas cuestións se son do voso interese e pido desculpas se apreciades que din trazos moi grosos. Pero eu considero moitas veces os posts, como sabedes, como “Capítulos Cero” a partir dos que comezar a camiñar.

Para saber máis sobre a relación entre navarristas e franquismo, podedes consultar a estupenda tese de Iñaki Iriarte: Saltus y Ager Vasconum. Cultura y política en Navarra (1870-1960).

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *