Fotos: Sole Felloza
Navarra ofrece numerosas sorpresas. Conserva, por exemplo, esta marabillosa cidadela medieval que foi inspiración de numerosas películas. Artajona é ante todo unha estampa marabillosa, especialmente cando se chega desde o leste, atravesando uns outeiros. Nós subimos primeiro por pistas sen asfaltar ata unha necrópole megalítica que está nos altos. Alí se poden visitar uns fermosos dólmenes que teñen unha característica ben peculiar: as portas de acceso ás cámaras estaban labradas no seu interior redondeando as curvas, e debíanse tapar con portas das que conservamos os sucos nos que encaixar o entramado, como podedes ver.



Apreciade os rebaixes para encaixar unha porta de madeira ou similar.

As escavacións arqueolóxicas na necrópole de Artajona permitiron evidenciar o que me segue a resultar ben interesante. Ao carón dos túmulos, nada lonxe, estaban os poboados. Aquí estas xentes do Neolítico escolleron un promontorio bastante empinado que revela que tiñan necesidade de controlar o seu contorno, as vías de comunicación e quen sabe se algo máis.
Logo hai que baixar pola solitaria estrada ata toparse de fronte con esta magnífica visión. Eis o Cerco de Artajona, definido e recortado contra estes ceos inmensos e azuis do interior da Península. A acrópole defensiva era un recinto militar de manual. Estaba unha igrexa fortificada (cun curioso sistema de captación de augas no tellado), de aire afrancesado. De feito, todas estas estruturas foron construídas por franceses, que é unha cousa interesante, porque aínda que un pode saber que o reino de Navarra tivo moita influencia dos veciños do Norte, un non se decata do tremendo impacto francés na arquitectura medieval navarra ata que a visitas.







Artajona é unha pequena xoia medieval. A cidadela está escasamente habitada, convertida nun sobrio e austero monumento do feudalismo, coas súas torres abertas polo interior para facilitar a súa función defensiva e aforrar custes. A vila “moderna” esténdese aos pés da cidadela, como un pouco ausente á fermosura deste cumio fortificado.

Be First to Comment