Britannia, o relato dun Outro interior

Acábase de estrear Britannia, unha serie producida por Sky que trata sobre a conquista romana de Britania iniciada no ano 43 d.C. a cargo do senador Aulo Placio por mandato do emperador Claudio. Aquí podemos vela en HBO. O argumento central é a conquista de Roma e as accións militares precisas para levar a cabo; porén, como en todas as series contemporáneas, o argumento está construído sobre unha serie de tramas e liñas mestras que se entrecruzan e garanten a continuidade e a prolongación da historia. Deste xeito, as rivalidades entre os diferentes pobos britanos son importantes, feblezas que os romanos aproveitan; as relacións familiares entre irmáns e demáis familia, e tamén o gran conflito que subxace de fondo: un enfrontamento entre deuses e un poderoso demo. E xa non digo máis para non facer espoilers.

Partamos dunha base á hora de escribir estas liñas. Britannia non é un relato baseado fielmente na historia, nin ten por que selo. Si hai determinadas liñas xerais da trama que se corresponden co relato ofrecido polas fontes romanas á hora de describir a conquista romana de Britannia: o medo supersticioso das lexións a invadir a illa, a autoridade dos druidas e a súa influencia na hora de organizar a resistencia contra Roma, a estratexia romana de empregar a política como ferramenta de combate ou as rivalidades entre os pobos britanos e as súas elites, así como a súa relación entre estas tribos e outras da Galia. Os guionistas foron quen de extraer algunhas ideas xerais do relato para aplicalas á historia de ficción. Pero é como Star Wars: moi posiblemente a súa idea do imperio estea baseada en imperios históricos e, sen embargo…

Sen embargo, se un se obstina en ver Britannia como relato histórico, pode acabar tirándose a un pozo. A recreación das estancias reais do monarca Pellenor na capital do pobo dos cantii, en plan pazo rupestre tipo Conan low cost ou Moria sen-matarse-moito é para deportar ao director a Siberia vestido de Man de Camelle, ou o uso das runas, ou esa relación decimonónica entre druidas, dólmenes e sacrificios humanos. E aínda máis: o comandante que escolleu o emprazamento do campamento romano merecía douscentos lategazos diante dos principia e o feito de que se rodara en Chequia, supoño que para abaratar, supón que de súpeto aparece moita natureza…pero continental, non atlántica. Pero como digo, Britannia tampouco nos pretende persuadir de que é real, é outra cousa. O interesante e divertido, de feito, é ir máis alá, e buscar máis ben de onde proceden esas visións, representacións culturais e simboloxías que falan sobre nós mesmos. É como ver Xogo de Tronos e especular con que o Muro de Xeo está construído a partir da idea do Muro de Hadriano, que dá lugar a esa simboloxía de fronteiras entre civilización e barbarie, aos muros actuais que dividen os nortes dos sures…Nese sentido dos símbolos e da construción de culturas e identidades, Britannia é un potente artefacto cultural que pode ser comentado perfectamente desde unha perspectiva galega.


The Wicker Man, gran representante do folk horror

O primeiro detalle, especialmente interesante, é a filiación da serie. Os críticos dos medios británicos saben de quen ven sendo o produto: Britannia é unha sorte de revival do xénero coñecido como folk-horror, nacido a finais dos 60 e que se desenvolveu ao longo dos 70, con abondos exemplos de filmes que “teñen unha asociación rural e enxebre con antigas tradicións paganas, de bruxería ou folclore europeo”, en definición de Andy Paciorek. A mítica The Wicker Man é unha eximia representante desta corrente. No caso de Britannia, o folk horror substánciase especialmente na figura dos druidas, no seu poder, no seu dominio escuro sobre a poboación britana, no consumo continuo de substancias alucinóxenas e na escena do sacrificio do rei Pellenor, onde unha chea de bailaríns estilo Nova galega de danza axítanse con paroxismo mentres un moi setenteiro sol se pousa entre as pedras dun pseudoStonehenge. Por suposto, tamén, na cantidade de cabezas cortadas da serie, que entronca perfectamente coa fascinación pola decapitación que vemos ultimamente nas series de ficción, se cadra inspirada nos espectáculos que nos ofrecen de balde os radicais islámicos. Unha teoría interesante sobre o nacemento dese xénero a finais dos 60 é que é unha reacción fronte ao fracaso da utopía hippy da volta á terra. Tras a contracultura que propugnaba o retorno a ese campo nutricio, de súpeto o rural volvía a ser o territorio alleo e remoto, de escuras tradicións e individuos que prestan servizo a terribles forzas: un pouco como na literatura gótica do século XIX, pero pasado pola turmix da psicodelia e o ácido lisérxico.


Druidas (gravado do XIX)

Sen embargo, a espiral da historia nunca se reproduce no mesmo eixo de coordenadas. E o interesante de Britannia é onde están as novas coordenadas. É especialmente chamativa a evolución da representación do druida. Durante moito tempo, os druidas tiveron unha representación moi convencional, procedente das representacións románticas do século XIX. Era ese sacerdote místico, venerable, coa súa pequena fouce para ir ata os carballos e o hábito branco en significación de pureza. Veran, o terrible druida de Britannia, é todo o contrario.

null
Xamán asiático e Veran, o druída de Britannia

Escuro, suxo, encollido e flexible coma un gollum, está xa noutro plano de representación. En realidade, Veran xa non procede da tradición do druida místico, producido en sociedades moi cristiás como un trasunto do sacerdote católico ou protestante, un elemento de coñecemento e civilización nunha sociedade que non era a romana, e unha figura que encaixaba co relato de César. Os druidas de Britannia teñen máis que ver coa representación actual das sectas e, sobre todo, dos xamáns. A súa figura, encorvado ao carón dunha fogueira, é perfectamente equiparable á dun bruxo americano. De feito, aos “druidas contemporáneos”, a representación de Veron sentoulles como unha patada no cú, xa que eles seguen a construír a súa identidade a partir das imaxes do XIX. Todo un signo dos tempos con dúas conexións: a laicización da sociedade e a perda de referentes cristiáns, por unha banda, e sobre todo, a globalización. Isto apréciase tamén no rito de paso das adolescentes que se pode ver no primeiro capítulo, no que intuimos que se lles fai unha corte con coitelo ao redor do embigo, e que ten toda a pinta de estar inspirado nas ablacións africanas.


Boudica representada en gravados do século XVI (esquerda) e XIX (dereita)

Sen embargo, hai outra representación que non mudou, e iso é ben interesante. É a da raíña Kerra, raíña dos britanos fronte os romanos. Calquera que coñeza un pouco da historia da conquista de Britania poderá identificar a fonte de inspiración desta personaxe. Está en Boudica, a mítica raíña dos iceni que protagonizou unha seria rebelión contra Roma no ano 60 d.C. Foi “descuberta” nas fontes clásicas no século XV e a partir dese momento a cultura británica recreou constantemente a súa figura, en gran medida desde un punto de vista nacionalista. Teñen na estupenda tese de Samantha Freene-Hutchins unha estupenda análise da Boudica recreada pola cultura. Pero se ben aos druídas lle fixeron un “re-styling” integral, a apariencia de Boudica permanece curiosamente inalterable durante cinco séculos.

Cales son os motivos desta representación inalterada de Boudicca? Aquí vai a miña hipótese: hoxe, os druídas xa non son nada. Apenas un grupo de nostálxicos recreános en Stonehenge ou noutros dólmenes de acordo coas tradicións inventadas no XIX. Os druídas poden ser calquera cousa nunha representación actual, porque a relixión, na Gran Bretaña actual, pinta ben pouco. Porén, a imaxe de Boudica non precisaba ser cambiada: encaixa coa fase actual de representación da muller en numerosas series dos últimos cinco anos, onde numerosas tramas teñen que ver coa tensión entre a muller, o poder, a subordinación, o empoderamento e o seu encaixe nas transformacións da sociedade contemporánea. O mito de Boudica, coa súa étnica cabeleira rubia, é un mito que enlaza cos imaxinarios actuais. E velaí que un vello imaxinario se volve plenamente actual.

Pero hai máis cousas, e iso foi o que me interesou de Britannia. Hai numerosos paralelismos entre estes imaxinarios británicos e os nosos en relación á conquista romana, pero tamén cousas que a separan. Por exemplo, é interesante que o xénero folk-horror apenas está ensaiado en Galicia (Lobos de Arga? O apóstolo? A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos?, no sentido de “culto local secreto” Cabana de Balieiros?). Isto é así porque a nosa relación co rural é distinta que no Reino Unido. A un creador cultural do noso país custaríalle moito escribir sobre labregos caníbales, rituais misteriosos, etc. Aínda que a nosa narrativa é esencialmente urbana (a pesar do tópico), a escrita en galego bebe da construción da identidade a partir do mundo rural que deseñaron os intelectuais da xeración Nós e, polo tanto, dunha certa sacralización do agro como auténtica esencia do país.

A imaxe da conquista romana de Gallaecia foi revestida tamén con frecuencia do mito da fin do mundo e, por conseguinte, dunha terra extrema, máxica e chea de perigos sobrenaturais. O episodio do paso do río do Esquecemento por Décimo Xuño Bruto e a súa abundante recreación posterior é un estupendo exemplo de como, ao igual que nas Illas Británicas, nas recreacións da conquista aparece sempre este compoñente máxico que inclúe, por unha banda, o temor dos romanos á terra incógnita e, pola outra, a existencia de maxia, de rituais, de misterioros rituais pola outra. Este relato ten moito de propaganda, por suposto: moralmente non é o mismo dicir que se invade unha terra máxica e misteriosa que un territorio normal no que vive xentes normais, que cultivan tranquilamente os campos e van de festa ou fan a guerra entre eles de cando en vez. Sitúa o plano da guerra nun territorio simbólico que é un bo leito para as xustificacións técnicas do conflito (e os romanos sempre estaban moi preocupados por deseñar unha xustificación do conflito que soase xusta antes de comezar a repartir).

Este relato acaba por crear un Outro interior, un pobo alleo a nós mesmos malia vivirmos no mesmo lugar e compartir o hábitat con eles. Vén sendo, de algún xeito, como aqueles extraterrestres pantasmais das Crónicas marcianas de Ray Bradbury, inaprensibles, próximos e alleos ao tempo. Que hoxe en día os druídas de Britannia sigan asociados aos monumentos megalíticos incide no mesmo: na fin do mundo non existen “épocas”, todo pertence ao mesmo Tempo, un tempo inalterable, case eterno, adimensional, en contraposición ao tempo dos Imperios, mutable e transformador.

Por último, un detalle. Ese relato da fin de mundo é poderoso, trascendeu o propio Imperio e chega ata hoxe, permitindo observar, no Reino Unido e aquí en Galicia, o conflito desde unha perpectiva cómoda e de alleamento, máis próxima ao fantástico que ao real. Sen embargo, nese relato da fin do mundo, da periferia, agáchanse tamén máis cousas moldeadas ao longo da Historia, e que teñen que ver coa percepción da posición no territorio. E aquí hai algo interesante, porque Galicia e Gran Bretaña comparten ese mesmo relato malia teren pasados ben distintos: o do Reino Unido, un pasado de hexemonía mundial e o galego…pois non. Pero se en Galicia a fin da terra e o aillamento interprétase por moitos como a xustificación da nosa situación e o noso devir, en Gran Bretaña ese aillamento de Roma pode ser, polo contrario, unha idea que encaixa ben co sentido de singularidade da illa que acaba levando a cousas coma o Brexit. Así que, outra vez, o mesmo relato mítico pode dar servizo a dúas ideoloxías ben distintas.

Xa para rematar, resultoume do máis intrigante o cartel dixital que emprega HBO para promocionar a serie.

Porque cando o vin, lembroume inmediatamente este:

O cal nos fala, unha vez de novo, dun fenómeno cada vez máis habitual das series de inspiración histórica: a confluencia sen prexuízos con elementos estéticos ou artísticos dun audiovisual de contidos contemporáneos. Pensen na excelente banda sonora de Peaky Blinders, por exemplo. Ese medo que existía antes a mesturar épocas perdeuse, se cadra porque xa os propios directores son conscientes de que as series sobre o pasado, realmente falan do presente. It’s entertainment!

One Comment

  1. Loís
    4 / Abril/ 2018

    Haberá que engancharse… ocorréuseme un chiste, enlazando a comprensión da atemporalidade dos directores do mass entertainment que comentas e o gusto por descabezar dos das civilizacións incivilizadas, que danos como resultado que estas,máis que xente global, eran glocais e…(velaí o chiste facil)non sei se os primeiros pro vese que xa eran anticapitalistas.^

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *