Fotos: Sole Felloza
Cada vez teño máis claro que Ferrolterra é un dos destinos gastronómicos máis interesantes de Galicia, e en certo xeito, aínda por descubrir polo resto do país. E isto é así porque se cadra a visibilidade da gastronomía da comarca é menor que a doutros territorios de Galicia, no que o gastronómico xa é un elemento central da promoción turística. A gastronomía de Ferrolterra non é visible, pero abofé que é consumida. Hai excelentes opcións gastronómicas porque, de certo, hai moitos clientes que as valoran.
E mesmo hai detalles sorprendentes, como o interese do viño, moi por riba da media dos restaurantes doutras zonas do país. Que Fevino, o salón profesional do viño de Ferrol, sexa unha das referencias básicas da hostelería galega para coñecer as novidades, quere dicir algo. E as espectaculares cartas de viños dos restaurantes da zona é a súa especial aplicación práctica. Tempo haberá para falar de por que pasan estas cousas nesta comarca.
Polo de contado, Casa Pena, no concello coruñés de Moeche, é un destes exemplos que só pode sobrevivir nun concello rural porque hai un público de proximidade disposto a moverse. Defínense a si mesmos como “refuxio gastronómico”, o cal xa é de por si curioso. Pero súmanse unhas cantas cousas que fan deste lugar un sitio especial, cun carácter propio. En primeiro lugar, pola impresionante carta de viños, pouco usual nun restaurante do rural. Os indecisos poden sufrir unha crise de ansiedade con preto das 800 referencias que hai alí metidas. E logo, os detalles que dan carácter á gastronomía. Como por exemplo, os afumados feitos na casa.

É de destacar esta impresionante anguía, suavísima, coas notas de fume realzando os sabores e harmonizando coa capa de graxa do peixe.
Outro detalle de Casa Pena é o gusto pola cociña de caza. Aínda que a referencia para moitos clientes é o chuletón (que se sirve á pedra) e as carnes, nós decidimos optar pola cociña de caza, preparada ao xeito tradicional pero ao mesmo tempo con notas ilustradas e burguesas. Moi tradicional era este xabarín con fabas:


Porén, a auténtica sorpresa é o que os cociñeiros chaman un pratazo: corzo con boletus. Sírvese con xamón e está absolutamente exquisito. Alén do sabor de guiso da caza tradicional, a achega dos fungos crean un preve moi especial ao combinarse coa carne magra do corzo que crean un prato especial, cheo de sabor (aínda que se cadra non do agrado dun padal moi conservador). Sen dúbida, un dos pratos que hai que probar en Galicia, e non o digo con esaxeración. Boísimo.

Rematamos o noso xantar con este “milfollas” de arroz con leite, no que vedes que a folla é en realidade piña asada. O prezo: pois barato non é. Cun Alán de Val Os Pedrazais, a cousa saiu en algo máis de setenta euros. Pero a experiencia é notable.
En resumo, un lugar que os amantes da boa gastronomía deberan visitar se andan de paseo por esta fermosa comarca do norte, cheo de referencias e personalidade propia. Casa Pena demostra que a cociña tradicional é moito máis que a sota, cabalo e rei que nos queren vender moitas veces. Hai moitos camiños distintos para explorala e disfrutala. E un deles está en Moeche.

Be First to Comment