Na Llanada de Álava, no concello de Salvatierra-Agurain, percorremos un itinerario autenticamente singular, algo digno de ver, de visitar e desviarse ata o lugar. Tres igrexiñas de pequenas aldeas que agachan no seu interior tesouros agachados por séculos: frescos repletos de narrativas mitolóxicas ás veces intrigantes e misteriosos, que te atrapan e engaiolan. As igrexiñas só se poden visitar a través de visitas guiadas que abren os templos e explican as súas claves. Ao final do post tes información práctica para poder visitalas.
Convidámosvos a dar un paseo connosco por unha escolma destas igrexas.
En primeiro lugar, falamos de Gaceo. Aquí a marabilla oculta baixo un retablo barroco era unha sorprendente colección de pinturas góticas que representan o xuízo final e a resurrección de Cristo. Obra dun coidado pintor, as pinturas góticas son fermosísimas, cheas de simboloxía e nas que sobrancean miles de detalles.


Mirade a Xudas roubando un peixe.





A igrexa de Gaceo está dedicada a San Martiño. Curiosamente, Ander, o guía, comentábanos de que en moitas igrexas do Camiño de Santiago, como esta, aparece San Martiño de Tours e…Santa Mariña, que é a que vedes aquí arriba. Esta Santa Mariña ten unha iconografía singular, agarrando a este monstro con cadea de ferro. Tedes algunha idea de por que?



Este Leviatán da dereita é absolutamente espectacular.
A seguinte igrexa que podemos ver é Santa María de la Asunción, en Alaitza. Unha igrexa do século XIII que, no seu exterior, non fai pensar para nada no que te vas atopar dentro. Levo máis dunha semana impactado por estas imaxes e aínda non mas dou quitado da cabeza. Sobre elas téñense escrito ríos de tinta e todo tipo de interpretacións, xa que o primeiro que cómpre dicir é que non son, para nada, o tipo de pinturas que se poden ver na ábsida dunha igrexa. Aquí hai violencia, escenas de morte, un mundo que para nada é o divino, senón que parece moi, moi humano, aínda que con estraños tintes mitolóxicos que fan voar a imaxinación.
Algúns teñen dito que representaban imaxes templarias (unha barbaridade), e outra teoría que frutificou bastante foi a de que se trataría de pinturas feitas por soldados ingleses de cando o Príncipe Negro, Eduardo de Woodstock (si, aquel que ocupou Galicia e foi coroado rei en Compostela) andivo por aquí. Como ben nos explicou Ander Gondra, de Álava Medieval, estas non son pinturas feitas nun momento por un soldado aburrido. É un traballo complexo, que require infraestrutura, preparación das superficies. Está claro que quen o fixo quería contar esta historia, esta fascinante e misteriosa historia, como parte do proceso de construción da igrexa.



O programa de representacións está presidido polo ataque a esta mota medieval. A escena lembra inmediatamente ao ataque ao castelo bretón de Nantes no tapiz de Bayeux. Un conxunto de guerreiros a pé e a cabalo (hai dous que destacan sobre os demáis) atacan o castelo, no que os combatentes empregan diferentes tipos de armas e mesmo potas de auga fervendo.

Aquí podemos ver unha sorte de procesión de mulleres axeonlladas (coma no Corpiño ou noutros santuarios) que camiñan levando ofrendas animais e vexetais cara un edificio que podería ser unha ermida, pero non está claro, xa que non ten a simboloxía doutras dúas igrexas que aparecen noutras partes do fresco. E mirade arriba, esa estraña árbore con follas e o que parecen corvos postos nela. Si, xa sei a que soa…E tamén os cervos, que aparecen sen estaren claramente asociados a un contexto de cacería…

Fixádevos no nivel de detalle do armamento dos diferentes guerreiros. Quen pintou isto tiña moi claro que había que representar isto en detalle. E velaí aparecen máis intrigantes figuras, como este centauro armado.


Esta outra procesión leva a unha igrexa (agora si está claro) unha sorte de pelotas na man. A explicación do guía Ander Gondra é que son pomos, unha sorte de obxecto composto de flores aromáticas asociados á morte, aínda que isto non era máis que unha hipótese. Unha das escenas máis controvertidas de Alaitza é a que aparece na esquina superior dereita da imaxe, onde vemos a uns homes cunha sorte de casco, ou con cabeza en forma de paxaro, que asaltan a un neno ou a unha muller que está nunha cama. Unha muller cun animal parece correr ata alí. Se ben a idea de que estas figuras que parecen paxaros estean representando en realidade cascos é moi probable, pero a min non me deixou de facer pensar na representación dos guerreiros da Idade do Ferro no noroeste, no que con frecuencia aparecen con cabezas de paxaro (diadema de Moñes, O Castelinho…).


Que representan estas pinturas? Para quen están feitas? Segundo Ander Gondra, existe unha interesante hipótese. Que estes frescos representen algunha sorte de historia familiar. Que a igrexa de Alaitza fose unha fundación nobiliar (hai algún elemento na igrexa que fai pensar nun uso non unicamente relixioso) e estes frescos contar algo da historia (ou da épica) da familia, se cadra mesturado co universo de crenzas da Idade Media e, mesmo, as que viñan de antes…
Aquí podedes explorar en Sketchfab estas intrigantes pinturas. Este modelo virtual está construído a partir das fotos que fixemos con rapidez, así que hai algunha parte dos frescos que perdeu detalles.
E para rematar, imos á igrexa de Añua, que ten un marabilloso ábside de transición entre o románico e o gótico, ademáis desta fermosísima ponte que podedes ver, en Añua conserváronse máis restos fermosos.



Os canzorriños góticos son un dos elementos máis destacados da igrexa.

Esta arca, moi ben preservada, é un bo exemplo dunha curiosa tradición das terras alavesas. Chamábase a Misericordia, e aquí todas as familias deixaban unha parte de cereal. Estaba pensado para que as familias que estivesen pasando por apuros viñeran por aquí e puideran ter alimento co que subsistir de maneira discreta.



E un elemento interesante de Añua é este último detalle, este fragmento de pintura que se conserva na ábsida. Como podedes ver, a imaxe ten un estilo moi similar ao de Alaitza, o que nos leva a pensar que hai unha tradición local, de artesáns da zona que pintan así ás persaos e representan este tipo de motivos (asedios e castelos). Isto engade aínda máis misterio a estas marabillosas pinturas.
Como visitalas? Nesta web de turismo de Álava tedes o número de teléfono da oficina de turismo de Salvatierra-Agurain. Se non vos contestan, deixade a mensaxe no contestador que eles vos chaman de volta. Son moi amables e vos informarán encantados das posibilidades de visita.
Fotos: Sole Felloza

Estou comezando a ler o artigo e preguntas por Santa Mariña e o dragón, pois a respostq podes tela ne enlace http://www.preguntasantoral.es/2011/07/santa-marina-margarita-de-antioquia/ , e continuo lendo…
“Fico pampo”…tremendo… Apreciacións miñas: Nas pinturas de Alaitza semellan ser dous tipos de persoaxes, os do “casco de pico” e os que semellan ter “gafas”. Na parte onde asaltan ó rapáz, a esquerda, arriba semella una muller e abaixo un home mexando, E por último, o leviatán a quen está agarrando de primeiro ten coroa. Coido que vou soñar con istes debuxos….grazas Gago.