San Xoán Vello: un enigma rupestre sobre o mar

Last updated on 5 / Agosto/ 2017

A cova vista desde o drone.

Se vos falo da existencia dun templo subterráneo, aberto sobre un precipicio sobre o mar, ao que se descende por un estreito camiño de pouco máis de medio metro de anchura sobre un perigoso cantil de vinte ou trinta metros de altura sobre un mar do norte, seguro que xa te remexes no asento. E se che digo que ese templo subterráneo tiña unha fonte sagrada que se desprendía tamén sobre o precipicio, e que as orixes dese antigo templo se perden na noite dos tempos, pensariades que estaría falando dunha paisaxe dun videoxogo dirixido por Hidetaka Miyazaki ou da ambientación da última película do Rei Arturo dirixida por Guy Ritchie. Pero non, ese lugar está en Galicia, moi pretiño do Fuciño do Porco do que te falei onte, e é un espazo espectacular e único.

Aquí tes un vídeo en 360º. Se tes unhas gafas VR podes acompañarnos na aventura:

Estamos falando de San Xoán Vello, a orixe lendaria (e documental) da parroquia de Covas, en Viveiro, na Mariña luguesa. Todo un exemplo de como en Galicia conviven elementos de diferentes usos e tempos que o tempo acaba conformando de maneira singular. Para chegar a este lugar hai que dirixirse cara os restos recuperados do cargadoiro de mineral da Ínsua, que traía o ferro das importantes minerías da zona. Parando uns metros, nunha zona talada de eucaliptos neste momento (agosto de 2017), hai que achegarse ata o precipicio, ou o vértice da zona talada (aquí poño unha localización aproximada). A cova en concreto atópase neste punto. Aí veredes un diminuto carreiro que descende entre os eucaliptos. En realidade, estades nunha mina moi antiga tamén orientada ao mar, que no seu tempo foi o souto de castiñeiros da propia igrexa, e que financiaba moitos dos seus gastos. Os eucaliptos, hoxendía, están danando o monumento de maneira moi rápida.


O campanario. De aquí en diante, fotografías de Sole Felloza

Se aguantas a vertixe e baixas a modo e con precaución, o sendeiro vai levarte ata unha primeira parada, unhas ruinas coñecidas localmente coma o Campanario. Trátase da base dun edificio. Como é habitual noutras igrexas rupestres (pensade en San Pedro de Rocas), os campanarios atopábanse fóra das covas, ubicados nunha zona un pouco máis prominente para que o son da campá chegase máis lonxe.

E a partir de aquí comeza a sorpresa. Hai que descender por un carreiro mínimo de medio metro de ancho que vai sobre un cantil que cae ao mar. A xente cun pouquiño de vertixe que pense ben se se quere meter por aquí. E o primeiro que vemos é a espectacular boca dunha caverna, tamén aberta sobre o mar.

Ao entrar ficas pampo. Trátase dunha cova artificial -se cadra parte da explotación mineira superior pola que pasamos antes-, pero non é exactamente unha galería de minas. Porque no chan percibimos restos de muros que van definindo os espazos dunha igrexa, e a ambos lados, labrados na parede, hai arcos de pedra se cadra con restos dalgún tipo de reboque (logo diremos que no seu momento foi posiblemente policromía), e conforme avanzamos vemos máis restos e numerosos furados nas paredes, tanto forneliños a un metro de altura como outros furados, máis altos, destinados sen dúbida a soportar a arquitectura do edificio interior que estaba aquí.

Porque sabemos que aquí había un edificio, a igrexa parroquial de Covas, e esa igrexa derrubouse a mediados do século XVIII, provocando o traslado do templo. A poboación de Covas ficaba máis adentro da ría pero ata o século XVIII viña a este lugar difícil, distanciado, metido no interior da terra, a crer e a rezar. E aínda despois de que o templo fora abandonado, o espazo non só conservou a súa toponimia (San Xoán Vello), senón a súa consideración de espazo sagrado. Aquí viñan as xentes da parroquia, a unha fonte santa que nacía ao fondo, a tentar curarse dos males. Un día -hoxe non é o momento- deberemos falar da curiosa asociación que se dá entre minas e espazos sagrados, principalmente na provincia de Lugo. A fonte santa, hoxe seca, debía ser sorprendente vela evacuar e caer desde a fonte ao mar polo cantil.


A fonte santa (hoxe seca)

Fiquei absolutamente fascinado. Porque este espazo tan esquencido, tan ignorado, é unha das igrexas rupestres máis grandes de Galicia e, a xulgar pola súa ubicación, a advocación e o tipo de espazo, parece singularmente antigo, dun primeiro momento medieval. Só conservamos os fundamentos dos seus muros, pero aquí segue o espazo, ata que o acceso se derrumbe e fique unicamente como un lugar de visita para espeleólogos. Estamos falando dun espazo arqueolóxico de enorme relevancia histórica e unha auténtica xoia cultural, debido á súa excepcionalidade e singularidade.

Hai a sorte de que conservamos unha obra de 1887 que nos achega valiosísima información sobre San Xoán Vello no momento. É a Hidrografía médica de Galicia, un tratado interesantísimo sobre a riqueza termal do país redactado por Nicolás Taboada Leal. É unha fonte moi antiga e ademáis, de ámbito científico, así que nos ofrece unha completa descrición da caverna neses momentos. É unha mágoa que os prexuízos científicos impediran recoller o seguro que riquísimo folclore da cova. Esta obra describe este lugar, identifícao coma o templo e estuda as prácticas curativas dos parroquianos no espazo. Aquí podes lela completa (en pdf), extraída do repositorio dixital do CSIC.

Poño aquí un extracto, que ademáis está redactado nesa deliciosa retórica do XIX, e que paga a pena ler. Isto lévanos a como estaba o lugar no século XIX:

E aquí vén o abraiante. Mariña Patrimonio solicitou unha inspección da Dirección Xeral de Patrimonio para que o lugar fora recoñecido como sitio arqueolóxico. O técnico Ignacio Jaime Senín realizou unha inspección e concluiu…”a caracterización como xacemento arqueolóxico semella, cando menos, pouco sólida” (!!!), polo que o lugar non está protexido pola nosa Administración. Aquí podes ver a descrición do que veu o técnico e a súa argumentación:

Eu non son técnico de Patrimonio, pero coido que á vista da toponimia, a documentación antiga que podedes ver aquí, e os restos arqueolóxicos que se poden ver en toda a cova, coido que a Dirección Xeral de Patrimonio debera revisar esta argumentación. Os PXOMs municipais e os catálogos de patrimonio están cheos de leiras e montes nas que as evidencias arqueolóxicas e documentais son moitísimo menores. E por suposto que tamén ten trazas de ter sido unha explotación mineira, pero desde logo non desde mediados do XIX, e posiblemente antes da fundación do propio templo, nunha data ignorada e moi antiga. Iso é o fascinante. Agardemos que a Xunta revise isto e o protexa antes de que sexa demasiado tarde. O lugar, o día que o visitamos, xa tivera excavacións furtivas e xa vos digo que o estreito caminiño de acceso non vai durar moito.

Estamos a falar dunha das igrexas rupestres máis importantes do país. Unha auténtica marabilla oculta. Se a vas visitar, faino con precaución e marabíllate.

Grazas a Mariña Patrimonio por ensinarme este prodixioso lugar.

7 Comments

  1. Isaac
    2 / Agosto/ 2017

    Sorprendente unha cova utilizada como igrexa, as cousas que ten esta terriña. Voando co google maps, un pouco mais adiante aparece unha cova que lle chama “cueva de la doncella” a persoa que lle tirou as fotos (localización 43.701705, -7.606826). No mapa de Domingo Fontán nomea a zona “Batª de San Juán”. Xenial o artigo e as fotos, o do 360º non o dou “pillado” por agora.

  2. Adrian
    3 / Agosto/ 2017

    Ola, mandeille unha mensaxe ao correo electrónico que aparece nesta páxina, referente ao xacemente de San Xoan Vello, non sei se é a canle mais acertada para contactar por eso lle deixo este comentario. Saudos.

  3. 5 / Agosto/ 2017

    Contestada no correo! ;-)

  4. Na costa do concello de Pontedeume (Ría de Ares/Betanzos) tamén existía unha igrexa a carón do mar que tamén foi trasladada no século XVIII e tamén contaban cun campanario afastado 900 m., non estaba nunha cova pero si nunha península (A Insua), nosa toponimia tamén o confirma (Adro vello, Campanario, Igrexario vello, Cemiterio vello…), sentímonos moi identificados con esta igrexa de San Xoán Vello.
    Recomendamos indagar nas visitas pastorais e nos libros parroquias para atopar mais documentación de dita igrexa.
    Un saúdo.
    Asociación Cultural Ardóbriga.

  5. Xacordei
    21 / Agosto/ 2017

    Abraiado.
    Mágoa que a miña tecnoloxía non me deixa ver o video 360º. ¿Non hai xeito de publicar outro menos sofisticado? . Con todo, graciñas por divulgar este maravilloso XACEMENTO ARQUEOLÓXICO.

  6. 22 / Agosto/ 2017

    Interesantísimo. Xa me falaran algo dese lugar.

  7. 22 / Agosto/ 2017

    Ola, Xacordei. Para ver o vídeo no ordenador só precisas o Google Chrome, que é un navegador gratuíto. Para velo cunhas gafas VR, telas máis ou menos decentes desde 15 euros, e te permiten velo no móbil desde a aplicación gratuíta de Youtube. En todo caso, coido que as fotos reflicten moi ben a marabilla deste lugar. Grazas polo comentario!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *