O pasado en 360º: o misterio da Cova do Encanto

Last updated on 3 / Xullo/ 2017

Nestas últimas semanas, estou a probar con moito interese diferentes tecnoloxías de visualización 360º e 3D, tanto asociadas a móbiles (Google Cardboard, Samsung Gear VR) coma sistemas completos, coma o HTC Vive. Estamos a vivir unha eclosión mundial da realidade virtual, que non sabemos se finalmente se traducirá na creación dun ecosistema de contidos e servizos realmente estendido. Aínda que o mellor xeito de enganarse no mundo da sociedade da información é afirmando algo, eu podo dicir que descoñezo se a realidade virtual finalmente triunfará como opción de aprendizaxe, entretemento e exploración. O que si podo dicir é que, tecnicamente e formalmente, supón unha auténtica revolución, unha nova forma de ver o mundo e interactuar con el: cando digo o mundo, digo o coñecemento, as emocións, as narrativas.

Durante este tempo estou a probar diferentes tipos de interfaces, narrativas e posibilidades. Este é un mundo que calquera contador de historias ten que explorar. Eu comecei a facelo. Hoxe preséntoche o primeiro duns cantos vídeos experimentais que iremos facendo. Son vídeos en 360º nos que te levo a lugares espectaculares, espazos de gran interese para a liña deste blog e, sobre todo, espazos nos que contar as cousas en 360º supón unha opción lóxica e clara para contar mellor unha historia. Por que? Porque son lugares nos que a percepción do espazo, a sensación de acompañarnos nunha aventura, o sentido do lugar é fundamental.

A nosa primeira visita é ao Forno dos Mouros e á Cova do Encanto, un lugar de Viveiro tan espectacular como descoñecido para a xente de fóra desta fermosa vila da Mariña. Fun levado alí polos membros da asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda e Miguel Vizoso. Trátase dunha sorte de castro costeiro, con varios foxos, que esconde un lugar que só podo definir como espectacular. Do máis incrible desa zona.

E agora vai o vídeo. É aínda un experimento. Verás que non colocamos realmente a cámara á altura das nosas cabezas, así que te sentirás coma un ananiño acompañándonos. Tamén a última escena ten un problema de saltos na imaxe que non está no vídeo en bruto e que aínda non sei como solucionar. Agradezo a túa comprensión. E agora, disfruta con esta aventura. Vas alucinar con este lugar.

Sobre as gafas de realidade virtual
Aínda que estes vídeos se poden ver no Youtube, a forma óptima de velos é cunhas gafas de realidade virtual e uns auriculares, que te van trasladar a Viveiro connosco. Hoxe en día están baratísimas. Hainas decentes desde 6-7 euros, e por ese prezo xa te poden valer para experimentar e seguir os vídeos de Capítulo Cero. Se queres algo mellor, a miña recomendación son as Samsung Gear VR, deseñadas por unha das compañías líderes na realidade virtual, Oculus Rift. A versión anterior custa sobre 30 euros, e a diferencia de calidade e posibilidades técnicas compensa, con creces, as de 6-7 euros. A versión deste ano das Samsung Gear VR andan sobre 125 euros porque inclúen un estupendo controlador que abre moitísimas posibilidades para xogar. A miña recomendación é que te animes a mercar unhas gafas, non só por Capítulo Cero, senón polo xa interesantísimo ecosistema de contidos e aplicacións que están aí. Se te animas, e tes un Samsung, vai polas Samsung Gear. Aquí podes ver as que venden en Amazon. E esta por 18 euros está moi ben.

E onde fica entón este lugar tan impresionante? Aquí tedes a ligazón por se queredes visitalo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *