O vento de Deus en Almonaster la Real

Cando estiven no interior deste lugar, foi o primeiro que pensei. “Ben, pois xa pagou a pena esta viaxe”. Era unha cuestión de traballo, significaba perder na estrada dous días -un de ida e outro de volta- dunha ponte de tres, pero aínda así, a viaxe pagara a pena.

Estabamos na Serranía de Huelva, un marabilloso recuncho verde no norte de Andalucía, na coñecida como “Banda Gallega”. Este territorio montañoso exerceu de fronteira -ou de cuña- do reino castelán contra os árabes do sur e os portugueses do oeste. Así que mandaron a unha chea de afoutos galegos a agarrarse a este territorio con unllas e dentes. Hoxendía, os habitantes destas pequenas e fermosísimas vilas brancas, apiñocadas nas ladeiras, aínda se consideran galegos -ou cando menos aínda consideran a súa memoria- e afirman que con eles trouxeron estes fermosos castiñeiros que aquí se dan estupendamente. O certo é que esta paisaxe se nos fai cómoda: estas vistas limitadas pola topografía, por cimas boscosas, curvas e regatos bulideiros. Baixo estes soutos viven estupendamente os porcos de Jabugo e outras pequenas viliñas desta serra.

Pero o que dicía de Almonaster la Real tiña que ver con isto das fotos. Almonaster é unha vila que medrou aos pés dun monte que no seu día foi castelo, e antes de castelo foi un complexo romano, con moitas probabilidades de ser un espazo sagrado e eu poño sobre a mesa que dedicado a Xúpiter. Pero tamén é todo un relato das transformacións relixiosas da Península. Porque ese posible templo de Xúpiter convertiuse no século VI nun mosteiro visigodo -de aí o nome da vila, en árabe, pero pillando o topónimo do latín, “O mosteiro”-. No século IX-X ergueuse sobre as ruínas do mosteiro visigodo -e aproveitando os materiais xermánicos, pero tamén os materiais romanos aproveitados previamente- unha mesquita rural, unha humilde, ben proporcionada, abraiante mesquita rural que chegou ata nós en perfecto estado porque este espazo, cando Almonaster foi conquistada polos cristiáns, convertiuse en ermida católica, engadíndolle unha ábside románica, pero sen eliminar o mihrab. De tal xeito que a estrutura do edificio ten dous saíntes, un mirando á Meca e outro mirando a Xerusalén.

O día que a visitamos o tempo estaba desapacible. Subimos o castelo -que tamén inclúe unha praza de touros do século XIX- e trepamos polas pequenas escadas que dan ao sahn, ao patio das ablucións. Unha rústica fonte de pedra evacúa auga por unha minúscula canle creando este son lixeiramente hipnótico; pero tamén o suave xogo do vento colándose polas caprichosas voltas desta estrutura condúcete ao haram, á sala de oracións, escura, misteriosa e suxerente. O vento frío provoca invisibles turbulencias e sensibles ouveos entre as bóvedas, mentres descubres os trazos islámicos dos bereberes instalados nestas serras, as letras latinas das laudas romanas, os capiteis modestos de época visigoda, as luces das fiestras medievais. É este vento, o vento de Deus, quen parece convertir o espazo nunha arquitectura susurrante e suxestiva.

E eu pregúntome en que medida a ollada turística acaba por deturpar a nosa observación dun espazo. Porque eu, como ateo confeso, descubro en Almonaster la Real unha espiritualidade que vai alén dun periodo concreto. Os carteis, as oficinas de turismo conxelan este recinto en época musulmana; é chamar a atención sobre o distinto, exótico, diferente que é o Islam. Pero este espazo é moito máis. Vai en que catro relixións diferentes -poñamos que esa igrexa visigoda xa non era a igrexa católica do século XIII- fixeron evolucionar o espazo incorporando sempre os trazos dos espazos anteriores; destruíndo o necesario, pero recuperando o fermoso, construíndo durante mil cincocentos anos unha casa de Deus. E o que no seu momento puido ser un discurso de opresión e de sumisión da relixión vencedora sobre a anterior é agora, séculos despois, algo distinto: a transformación das caras de Deus -ese alter ego turbio e borroso dos homes- que, coma o demo, refúxiase nas esquinas na procura de quen o queira escoitar a través do vento e do voo das lavercas.

Fotos: Sole

2 Comments

  1. 4 / Xuño/ 2017

    Tan fermoso o texto como as fotografías…

  2. 6 / Xuño/ 2017

    Grazas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *