Iníciase a recuperación do castro de Bexo: este sábado 13 ás 21 horas

En 2009 falei no blog dun castro que me deixara abraiado: o castro de Bexo (Dodro). Foramos velo no curso da campaña de Neixón e subiramos por aquela zona, que malia estar bastante machacada pola acción forestal, permitía observar un castro dunhas dimensións enormes e que conservaba unha monumentalidade excepcional. Xa naquel momento nos dimos de conta de que non era un sitio normal.

Desde aquela volvín varias veces e cando dispuxemos de datos LIDAR para a zona foi un dos primeiros sitios dos que xenerei un modelo dixital. Fiquei pasmado. Aquel castro tiña unha complexidade de recintos que ía máis alá do convencional. A súa posición, ademáis, era privilexiada. Controlando todo o curso do Ulla -sobre o que logo os romanos establecerían un roteiro comercial, así que seguro que xa antes o era tamén-, moi próximo ao fondeadoiro de Catoira, pero controlando tamén os camiños de entrada e saída da Península do Barbanza, como se fose un espazo de fronteira entre pobos. Por ese tamaño dunhas tres hectáreas convertíase nun pequeno oppidum, nunha Santa Tegra do sur da provincia da Coruña, un lugar moi especial. Visitándoo, sorprendinme ao ver a cantidade de casas que aínda se podían percibir a simple vista. Logo, ao escoitar (como podedes facer vós ao final do post) aos vellos falando das Murallas de Bexo, sabemos que a cantidade de pedra e estruturas que debían estar en pé alí a principios do século XX debía ser impresionante.

Hai uns meses o amigo Xoán Xosé Vicente lioume para dar unha charla sobre o mundo castrexo e os modelos de recuperación e protección de patrimonio arqueolóxico que había en Galicia, destinada aos veciños e aos membros da Comunidade de Montes. Foi un serán estupendo, que rematou subindo ao castro, onde vimos as estruturas. Ao chegarmos arriba de todo, onde os vellos chamaban “a eira dos mouros”, un pequeno recinto cheo de estruturas e delimitado por unha muralla, eu calei, senteime e púxenme a escoitar. Porque os comuneiros puxéronse a debater sobre o castro e o seu futuro. Estaban alí todos de pé, falando un por un, nunha sorte de asemblea improvisada. Quedei admirado do sentido común de todos os razoamentos, os pros, os contras, as estratexias, as decisións, a visión de futuro, a teima en pensar en máis dunha xeración. Era unha comunidade recuperando a decisión e o dominio sobre un patrimonio, e xúrovos que poucas veces teño visto tanto sentido común. Fronte aos estereotipos que caricaturizan as reaccións dos aldeáns galegos, eu teño que dicir que vin alí máis intelixencia que en moitas xuntanzas universitarias.

O proxecto pouco a pouco vai dando os seus froitos, que son esencialmente garantir o castro para xeracións futuras. A comunidade de Bexo ten moitísimo monte en explotación forestal, pero o primeiro paso vai ser ir retirando o eucalipto do xacemento arqueolóxico, nunha intervención dirixida polo arqueólogo Carlos Otero. A semente está prendida en Bexo, onde teñen un espazo arqueolóxico fascinante. Este sábado 13 celebran unha barferencia ás 21 horas no Bar Piñeiro, organizada pola Comunidade de Montes “Cruz do Avelán”, a Asociación de veciños de San Xoán de Laíño e a Asociación Cultural de Unidade Veciñal de Dodro. Se podedes, acudide para coñecer máis sobre un sitio arqueolóxico sobre o que a comunidade local volveu prantar a bandeira do futuro.

Aquí podedes escoitar algo do rico acervo de lendas do castro de Bexo:

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *