Gañamos no Festival de Cine Arqueolóxico de Castela e León

Last updated on 9 / Maio/ 2017

Non sabedes o alegres que nos puxemos desde Bruxelas cando Xurxo Ayán nos chamou para dicirnos que As pedras de San Lourenzo, o documental que fixemos sobre o marabilloso proxecto arqueolóxico de San Lourenzo, na parroquia de Cereira (A Pobra de Brollón), resultara gañador do II Festival de Cine Arqueolóxico de Castela e León na categoría documental. Este bonito Viriato de ouro representa para nós moitas cousas. Aquí podes ver unha noticia.

Así que queremos agradecer a todos os amigos e amigas que nos botaron unha man para que Sole Felloza na fotografía, eu na dirección e Xurxo Ayán tamén no guión, contribuíron para contar esta historia, e felicitar tamén a Juan Pablo Benditti polo fermosísimo cartel. Producir un audiovisual é algo complexo e difícil, pero o resultado, se todo resulta ben, é unha mensaxe de gran potencia para chegar á xente.

Defendemos que os proxectos arqueolóxicos deben ir acompañados de produtos audiovisuais que faciliten a súa difusión, e eses produtos deben ser interesantes e atractivos. Rebelámonos contra un xeito de contar a arqueoloxía estático, baseada en tres ou catro tomas e modelos aburridos e estereotipados de arqueólogos en tomas de medio plano contando ladrillazos. Creo que hai que contar os proxectos arqueolóxicos desde dentro, desde a emoción, aproveitando o mellor do medio, que é a súa potencialidade audiovisual, estudando moi seriamente os enfoques, os ángulos e tentando chegar á alma destas historias; pouco a pouco nos imos achegando (aínda non chegamos) ao que queremos facer, a nivel audiovisual, coa arqueoloxía. Por iso estamos tan felices deste premio. Porque moitas veces sentímonos sós neste camiño, porque ás veces tes que aturar e soportar enormes estupideces, porque o conservadurismo, a caverna, a hipocresía e unha moral podre están prendidas como silveiras por moitos recantos da ciencia deste país. O único xeito de superalo é con traballo, traballo e inconformismo, con decididas miradas cara adiante. Este premio alégranos, pero anímanos, sobre todo, a superalo, a mellorar.

Grazas, en fin, ao xurado, ao equipo, ao proxecto arqueolóxico de San Lourenzo e á Asociación María Castaña, e por suposto, a Xurxo Ayán, parte tamén indispensable da produción e creación deste relato audiovisual. Grazas a eles tivemos esta oportunidade de participar no seu pequeno e fermoso universo. Aquí tedes o documental por se o queredes ver. E lembrade que ten subtítulos en castelán e inglés por se llo queredes ensinar a algún amigo de fóra.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *