Casa da Ínsua: un lugar para quererse

Non adoito falar de hoteis en Capítulo Cero. A explicación é bastante simple. Non os uso alén do imprescindible, na maior parte dos casos. Para min non son residencias, senón lugares nos que descansar despois dun día intenso ao redor dun territorio. Así que non vivo un hotel ou unha casa rural, o abondo para ter un criterio. Iso non quita que ás veces todas estas normas creben e por forza haxa que falar de hoteis, como lugares que poden xustificar en si mesma unha viaxe. Este é o caso.

Voucho dicir claramente: este é un hotel para quererse. É un hotel para dar unha sorpresa á túa parella, ou para refuxiarse en solitario; é un lugar ao que hai que ir con alguén a quen se queira. Non é o único deste tipo en Portugal: de feito, hai moitos e eu creo que son afortunado porque teño estado nuns cantos deles. Pero este é máis que recomendable. Chámase Casa da Ínsua, e representa un primeiro paso da presenza de Paradores, a compañía pública estatal, no negocio da alta hotelería lusa. Estamos falando dunha quinta, dun pazo, do século XVIII, construída por Luis de Albuquerque de Mello Pereira e Cáceres, que fixo moita fortuna como Gobernador no Brasil. A casa está nun excelente estado de conservación (é posible pasear, a calqueira hora, polos antigos salóns do pazo, e eu recoméndoo facer nunha primeira hora da noite, con lúa, entrando desde a terraza que estará a esa hora inundada de aromas dos xardíns). A integración das habitacións co edificio histórico é perfecta, e en todo momento un sinte a sensación de estar hospedado nun lugar moi especial. Hai dous deliciosos xardíns, un inglés e outro francés. Piscinas e, sobre todo, unha agradable sensación de vida, porque a granxa do pazo segue en activo e hai ovellas para facer o queixo da casa, hai viño…

O almorzo tipo buffet é cumprido; a cea, sen embargo, é tipo ‘degustación’, moi cara para o que se sirve, pretencioso e que non consegue estar á altura do hotel. O meu consello é facer uns cinco ou seis quilómetros ata a saída da autoestrada e cear alí no espectacular Cascata de Pedra, un restaurante popular cunha carta magnífica (arroz de pato, por exemplo) a prezos estupendos.

A Casa da Ínsua está a 25 kms de Viseu, nun municipio con moitas posibilidades para explorar os viños do Dão, unha das rexións vinícolas portuguesas menos coñecidas pero máis interesantes, ademáis doutros sitios que posteei recentemente aquí en Capítulo Cero.

Este é un hotel para dedicarlle horas, especialmente á tarde, despois dunha mañá de visitas na rexión. Pasear polos xardíns, falar co seu vello xardineiro, deixarse levar. Paradores está facendo continuamente ofertas sobre o prezo, así que o meu consello é chequear de cando en vez o web oficial e conseguir algunha destas ofertas especiais, que poñen o prezo do lugar bastante a xeito.

Fotos: Sole

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *