Que sorpresa máis grande levei cando visitamos Idanha-a-Velha, moi preto de Monsanto, en Portugal. Un chega a este lugar a través de pequenas e apacibles estradas que nos conducen ata un emprazamento tipicamente romano. Moi poucas veces, repito, moi poucas veces un ten a oportunidade de observar un lugar así. Idanha-a-Velha é como a orixe de moitas das cidades máis grandes da Península: unha cidade romana despois convertida en núcleo de poder durante a época xermánica, tanto civil como sobre todo relixioso, cun de aqueles numerosos bispados de época tardorromana, que, pouco a pouco, vai callando en época medieval, ampliándose e gañando cotas de poder ata rematar como capital de Deputación ou similar.




Pero iso non pasou en Idanha-a-Vella. Digamos que a cidade ficou interrumpida en época suevo-visigótica. Non se espandiu, simplemente se foi reconstruíndo no seu interior pero sen grandes riquezas, en pequeniñas casas de labregos. Hoxendía, a cousa máis tenra que sorprende da visitaé que, como na nosa querida Brandomil, os 79 vetustos habitantes de Idanha, cando vai chegando a primavera e o verán, cando chega a tardiña, pousan as súas venerables e labregas nádegas sobre nobles capiteis clásicos da vella cidade. Non hai casa en Idanha-a-Velha que non teña capiteis corintios, dóricos ou xónicos de época romana na porta da casa para tomar o fresco sobre eles, moitas veces atados con cadeas ou cemento para evitar o latrocinio. É absolutamente sorprendente e marabilloso.





Este lugar da vella Iberia chamábase Egitania. A cidade romana, como moitas do noroeste da península, fortificouse no século IV ante o clima de conflitividade da época. Consérvanse uns impresionantes lenzos da muralla que continúan a envolver esta pequena poboación. Un millonario a principios do século XX construiu unha serie de almacéns industriais e unha quinta espectacular (que ficou inacabada) e que se debeu papar unha terceira parte das ruínas de vella Idaña, pero camiñar polo sitio aínda é marabilloso. Existe un sentido de lugar que nos leva a ese mundo clásico e tardorromano. Aquí disque naceu o rei Wamba, e o papa Dámaso, e que o rei Roderico tamén visigodo, está soterrado aquí. Nun estremo están dous dos lugares máis impresionantes: unha “catedral”, posiblemente unha das igrexas máis antigas de Iberia, cunha estrutura basilical e rodeada das ruínas do pazo episcopal de época visigoda e de dous marabillosos baptisterios de diferentes épocas, creo que dos séculos V e VI. Alí ao carón está tamén, repartida no interior e no exterior, unha das coleccións de epigrafía romana máis espectaculares que teño visto na península. É marabilloso seguir a corda destas inscricións e ver aínda como os indíxenas, como na Gallaecia -á fin e ao cabo, estamos nunha zona culturalmente similar en moitas cousas á Gallaecia do momento- asocian os símbolos astrais nas súas lápidas e, dous mil anos despois, sabes identificalos mesmo antes de ler os seus nomes.



E outra das cousas sorprendentes é a conversión dun templo romano nunha torre de homenaxe templaria. Na miña vida tal vin. Nun estremo da vila estaba a fortificación templaria. Estes cabaleiros foron señores de Idanha. Pero cando a miras ben, fíxaste en que no canto de ter uns rexos soportes, aquelo está moi ben traballado. É a base dun templo!



Idanha-a-Velha debera ser un must para estudantes de Arqueoloxía e de arquitectura, porque en si mesma é unha enorme lección de como os paramentos de diferentes épocas se poden distinguir, integrar, fusionar e dar lugar a realidades novas. Esta paisaxe, preservada de maneira extraordinaria desde época romana, parece que ao redor nos leva de volta a ese mundo. Un lugar tan descoñecido como indispensable nese Portugal que non está nos itinerarios turísticos tradicionais.
Fotos: Sole Felloza

Por certo, aquí vai a tradución da fermosa lápida que está nas fotos: “Sendo aínda un rapaz, e non temeroso da morte, eu Anceito, fillo de Celtio, rematei a miña curta vida. Os meus restos están aquí. Vós, as miñas cinzas, descansade en paz”.