Onte vivín unha xornada marabillosa. O CAFI (Centro autonómico de formación e innovación) da Consellería de Cultura e Educación organizou un roteiro literario sobre O Anxo Negro. Así que, en colaboración coa experiencia de Carlos Rodríguez, deseñamos un itinerario ambicioso centrado nunha idea: explorar os límites entre a realidade e a ficción da novela. En O Anxo Negro este é un xogo recorrente, que procura un lector activo e curioso que se cuestione todo. 130 profesores de toda Galicia apuntáronse a este itinerario longo que nos levou todo o día por terras de Lousame, Muros, Carnota e Dumbría. Atoparse con tantos lectores, comentar tantos aspectos da novela é sempre algo emocionante. Neste sentido, non sabedes canto agradezo o agarimo que me deron tantos lectores neste día, entre os que estaban profes meus do instituto e alumnos da universidade (é o que ten ter corenta anos, que estás no medio e medio).
Só quero agradecer o enorme traballo de Carlos Rodríguez e os seus compañeiros e compañeiras do CAFI por este excelente traballo. Creo que os escritores galegos actuais temos ante nós a enorme responsabilidade de gañar unha base de lectores para a lingua e literatura galegas, e ferramentas como estes roteiros literarios son unha clave indispensable nese desafío. Eu animo á Administración autonómica a apoiar máis este tipo de proxectos porque os seus beneficios -en termos de conectividade autores-docentes, e en cohesión territorial- son enormes para Galicia, e iso é o que resalto: non é só unha cuestión de literatura, é un tema de territorio.
Aquí vai algunhas fotos deste día. A maior parte delas son de Sole Felloza (a quen agradezo o traballo inxente de comunicación todo o día), con algunha achega tamén fotográfica de José Antonio Grela, Iván Franco e Ddoval. Tamén quero agradecer a xenerosidade e colaboración de Alejandro Lamas, coa súa marabillosa visita polo Corcubión dos corsarios, a Jordi Tato, por aceptar a “avalancha” de visitas dentro do seu bar Pirata e a Lourdes Pardo pola súa paciencia para abrirnos esa preciosidade que é San Pedro de Buxantes.


@santisesa mitos e lendas para o clube de lectura de @ies_decacheiras , e da man de @magago, a xornada comeza de xeito inmellorable pic.twitter.com/tsX0YVwLrp
— ddoval (@ccssdidactica) 14 xaneiro 2017












Be First to Comment