Hoxe coñecín unha historia magnífica percorrendo o roteiro literario sobre O Anxo Negro que estou a preparar co Centro de formación de profesorado da Xunta. Xa van inscritos máis de cen profesores de toda Galicia e iso significa que temos que afinar moitísimo a loxística. Non é o mesmo levar a 10 ou mesmo 20 persoas de paseo que pensar en cen ou máis. Nun país como Galicia, con rueliñas pequenas e numerosos lugares aos que hai que acceder (afortunadamente) a pé, a cousa complícase, así que xunto con Carlos Rodríguez -e a súa experiencia na organización destes roteiros- fumos botar un ollo a todo.
Pois pasamos por un dos puntos do roteiro: a capela do Espírito Santo en Muros. O roteiro está baseado en como se mestura realidade e ficción no Anxo Negro, así que percorremos sitios que inspiran a recreación de espazos da novela. Na capela do Espírito Santo interesábame a lenda, que é fundamental na novela: a de que os santos galegos son teimudos, e fan saber onde queren que se lles constrúan templos pola técnica de parar os carros de bois e non facelos avanzar. Tamén me permitía falar dos ermitaños, porque neste lugar estaban atestemuñados de antigo.
Iso pasou na lenda fundacional da capela do Espírito Santo, en Muros, no Campo das Cortes, unha xoia gótica que paga moito a pena visitar. Pero o marabilloso foi cando entramos. As veciñas avisárannos de que iamos ver unha imaxe que se recuperou no ano 1984, cando os veciños fixeron obras na capela. Diante do presbiterio, os veciños sacaron unha impresionante escultura medieval que podedes ver aquí:

A cuestión, polo que nos contaron, é que as vellas -así nolo dixeron, e obsérvese o feminino-, as vellas da aldea sabían que esa imaxe estaba alí soterrada. E opuxéronse ferozmente a que a imaxe fora sacada da terra. Estamos falando do ano 1984. O promotor da obra, e de que a escultura se lucira dentro da capela, era o famoso cura muradán José Marcelino Figueiras, alias “Pepe de Muros”. As vellas tiñan medo de que o cura levara o santo para as Américas -el vivira en Brooklyn e estudara no seu seminario-. É unha historia moi Anxo Negro e que nos pon no contexto de como nos 80 os paisanos sabían ben o que os curas estaban facendo co seu patrimonio cultural, e trasladaron esa sospeita a este sacerdote. O caso é que a imaxe, finalmente, ficou exposta alí nun lateral da nave. Polo que nos dixeron as veciñas, isto aconteceu en 1984 e veu a “televisión”. Agradecería calquera información ao respecto: unha data máis concreta, un recorte de xornal, o que poida ser. Gustaríame moito coñecer en profundidade esta historia.
En todo caso, estamos ante unha magnífica escultura con pinta de ter sufrido inclemencias temporais, se cadra exposta no exterior da capela, e con claros rasgos de policromía. Eu non teño nin idea de arte medieval como para distinguir a figura, pero tamén agradecería a algunha especialista algunha clave máis. É un Cristo? Supoño que si porque parece que está en ademán de bendicir, pero non estou seguro. Chámame a atención o poderosísimo e mesmo desproporcionado pescozo. É unha figura de factura galega? A pedra parece granito, e este tipo de figuras lembroume a un Santiago que temos na igrexa de Santiago do Deán, na Pobra do Caramiñal, pero é tamén bastante distinta. Gustaríame saber máis sobre esta peza. Se tedes ligazóns ou información, moi agradecido.
Este misterio é especialmente fermoso porque en Galicia os santos, como me lembrou Alejandro Lamas, sotérranse cando están vellos ou cando se cambia a advocación dun templo. Así que esta figura estaba sepultada no interior da capela, no lugar preferente, como se fose un aristócrata ou un gran prelado, durmindo coma un home o soño dos séculos. Cambiaría a advocación da capela nalgún momento? A principios do XVII xa era do Espírito Santo, pero esa é unha adscrición que non parece medieval…
Unha gran historia.
Aquí podedes vela máis en detalle, con estes apuntamentos fotogramétricos que tirei in situ:
E aquí a ficha en patrimoniogalego.net por se queredes ir por aí.

Aquí déixannos un interesante comentario:
A cuestión é que os Santiagos sedentes galegos parecen levar pergameo e este leva máis ben un libro ou algo parecido…
Manuel, ó velo lembrábame a algho coñesido pero non lembraba qué…e despois (como soe pasar) apareceume nun flash a imaxe… Évos mui parecido á figura do Salvador de Muxa do Museo Provincial de Lugo atopado nesa parroquia próxima á cidade das murallas no 1932… Cómo son un torperello en cuestións informáticas direivos que hai un artigo en rede tomado do artigo do Boletín do Museo provincial de Lugo do 1983 que, como o tiña na casa, era polo que o lembraba. Mirade as fotos e xa me diredes se non cando menos non ten polo menos un aire con este de Muros. Por certo este apareceu nunha casa particular. E adiós marcho que teño que marchar !
Ola, Antón, creo que acabas de dar cunha clave importante. Logo cando teña tempo poño imaxes. Desde logo ou é un salvador ou é un apóstolo.
Aquí vai a imaxe do Salvador de Muxa:
Tomo a foto do blog de Emilio Valadé, que admite sentirse intrigado por esta curiosa imaxe. https://emiliovalade.blogspot.com.es/2015/09/un-salvador-intrigante.html
A estas alturas, parece que a nosa figura está marcando a alguén moi importante. Pode ser apóstol ou o propio Cristo Salvador, xulgando aos homes durante a Apocalipse. Isto amósase porque vai descalzo, está sedente. O libro é habitual na figura do Cristo Salvador (cos selos da Apocalipse, que se van abrindo un a un) pero tamén podería ser o dun Santiago sedente, que habitualmente aparece con filacteria (ese pergameo pendurado) pero pode aparecer tamén con libro. Ese Santiago sedente tería un bastón que desapareceu da figura. O sitio no que estaría ese bastón é esa zona toda crebada. Penso hipoteticamente no Santiago porque o puño da man dereita parece conservar os dedos, e non está bendicindo con dous dedos erguidos, como faría o Salvador.
Aquí vai un detalle do puño:

Unha cousa máis…. relido de novo artigo do Boletín do Museo P. Lugo dise, con acerto segundo penso eu, que ó detalle de ter un pescoso mui longo estaría feito pensando en que a figura estaría posta bastante arriba do punto de vista do espectador como , dí a autora , no caso dos baldaquinos… Non estou posto nese tema do que como sabedes hai un libro publicado desde hai xa ben tempo, quizá non sexa pero sí é certo que os tallistas de cruceiros facían as partes do corpo do Cristo dos cruceiros desproporcionadamente longas co resto do corpo non por ignorar as regras senón pola obvia razón que vistas desde abaixo non son necesarias poñelas acorde o resto do corpo… Máis aínda: como están empoleiradas alá arriba desa maneira ó velas nun ángulo fechado veríanse pequeniñas ou case cortadas. Un detalle do saber dos canteiros ! E iso explicaría o porqué do ” pescoso” case de xirafa. Desde ben abaixo, ó pé ,del non se notaría tanto…. Que falen os expertos que nos somos afeccionados !
Efectivamente, parece un tema de perspectiva. A verdade é que estou bastante intrigado con esta figura! Unha das claves tamén, como me comentaba unha amiga, pode ser o peiteado.