A cultura do código en Galicia 21

Grazas ao amable convite de David Miranda Barreiro e Martín Veiga, os editores do Galicia 21. Journal of contemporary studies -unha publicación de referencia para os estudos galegos a nivel internacional- publiquei un artigo invitado no que fago unha reflexión sobre o futuro da lingua e cultura galega nas redes. Creo que estas reflexións son moi importantes para pensarmos, entre todos, como afrontar os desafíos de Internet e como afectan a unha cultura e lingua minorizadas como son a nosa.

Chámame moito a atención que durante o nacemento de Internet había certa preocupación na comunidade académica e intelectual galega sobre o impacto das novas tecnoloxías na nosa situación cultura. Esta preocupación derivou en accións, en activismo, pero tamén en reflexións publicadas. É chamativo que nos últimos anos Internet deixara de ser un campo de atención importante para os estudos galegos, e dispoñamos de moi poucas reflexións en voz alta que pensen sobre que desafíos, problemas, ameazas e oportunidades nos ofrece a medio e longo prazo.

O meu artigo A cultura do código. Retos para a identidade galega na época dos algoritmos vai neste sentido. É unha reflexión ao redor dunha Internet que xa é moi diferente da de finais dos 90, moi baseada nas redes sociais, a nube, o big data e os algoritmos de predición de gustos e intereses. No artigo expreso a miña preocupación porque a cultura da computación asociada á elaboración destes algoritmos que rexen boa parte da nosa experiencia dixital (aínda que non sexamos conscientes) desprezan a longa cola de usos, gustos e personalidades diversas e minoritarias en favor de grandes tendencias. Xa que logo, a única posibilidade que temos para que a nosa lingua e culturas teñan algunha representatividade neste contexto vai estar baseada non só no ser, no estar, senón sobre todo nunha vontade activa de facer, de definir unha comunidade e as súas zonas de visibilidade. A nova Internet tennos que convertir a todos en activistas, aínda que nun novo tipo de activismo. No artigo denuncio que, debido á separación entre letras e ciencias, boa parte dos problemas xenerados por estes cambios en Internet non son apreciados ou tidos en conta como relevantes pola comunidade: non se ven, non se perciben, non se analizan criticamente. O novo activisimo cultural galego debera incorporar moito máis -como así foi ao principio de internet- a unha cultura científica capaz de interpretar estas ameazas, ou transformacións, e formulalas en voz alta para que sexan comprendidas e se poida actuar.

Podes descargar o artigo aquí.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *