Película francesa, incendio galego

Estivemos vendo Les Combattants, o delicioso filme de Thomas Cailley que obtivo na súa estrea o premio Cesar 2014 a mellor ópera prima. Os seus dous protagonistas levaron merecidísimos premios a mellor actriz -Adèle Haenel- e actor revelación -Kévin Azaïs. Trátase dun filme que fala sobre o primeiro amor, un enamoramento e un verán na costa atlántica francesa (zona das Landas, supoño), pero que ten unha brillante orixinalidade: invirte os roles habituais no cine do chico e a chica. Ela é arroutada, bruta coma un arado, botada para adiante, e quere ingresar no exército para traballar nos comandos. El é máis tranquilo, xuizoso e ao mesmo tempo déixase levar por ela e os seus impulsos. É unha historia deliciosa, das que falan da ledicia de vivir, malia a plena crise económica.

Pero levamos unha gran sorpresa contra o final do filme, cando aparecen nunha televisión as terribles imaxes dun incendio que en teoría asola o sur dunha provincia francesa e que nun momento determinado case atrapa aos protagonistas. As imaxes do incendio vanse sucedendo e de súpeto aparece isto.

Quedei estrañado ata que me din de conta. Estarei moi chusco, pero xuraría que esta é unha igrexa rural galega e non a que correspondería, unha francesa. Si, atrás vese unha columna de fume e encaixa no dramatismo que conta esa historia. Pero alomenos ese plano sacárono de algún banco de recursos con imaxes de incendios en Galicia -seguro que, por desgraza, debe haber miles de recursos-. O que non consigo saber é que igrexa será (zona occidental de Galicia, influencias do barroco compostelano?). Outro factor que me fai pensar que é galega: os cables da luz polo medio.

Se sabes ubicala, por favor indícamos nos comentarios. Vaia historia!

4 Comments

  1. 16 / Outubro/ 2016

    Non me parece, Pharum, pero estou convencidísimo de que a imos sacar. Alguén tena que coñecer.

  2. NATALIA
    13 / Novembro/ 2016

    San Vicente de Trasmaño, Pontevedra
    E aquí a emisión francesa na que falaban dos incendios ocorridos en Soutomaior no 2006
    Quen busca encontra jj
    http://www.ina.fr/video/3147443001003

  3. 14 / Novembro/ 2016

    Impresionante, Natalia!!!

    Touché!!!

    M.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *