O dinámico Moncho Boga convidoume a participar nas XVI Xornadas Castrexas de Cambre, todo un clásico outonal da divulgación da investigación e a cultura ao redor dos galaicos. Será este sábado 15 de outubro ás 10:30 horas. Desta volta, falarei sobre literatura e recreación histórica, un pouco a partir da experiencia de escritura de Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga da Gallaecia. Darei conta dos vimbios cos que fun tecendo as historias e as estratexias para construír unha mitoloxía posible -e imaxinaria- a partir dos datos que temos. Posteriormente, Fermín Pérez Losada, catedrático da Universidade de Vigo, falará sobre as escavacións na cidade de Armeá, que están amosando cousas marabillosas.

Be First to Comment