Last updated on 13 / Setembro/ 2016
O Museo Nacional de Irlanda, en Dublín, é unha pequena xoia. Gratuíto, é edificio relativamente modesto, de estilo victoriano, que acolle algunhas das pezas máis sobranceiras do rico pasado arqueolóxico irlandés pero tamén unha interesante pegada de como un país configurou a súa identidade a partir do patrimonio moble. E hai dúas palabras sen as que, para min, non se pode entender este lugar: o ouro e a turba.
Porque o museo non é tanto un espello do pasado dun país, senón un discurso sobre como se construíu a identidade irlandesa no século XIX e XX. Cando ti entras no museo, o que podes observar no centro é unha impresionante colección de ouro: ouro sobre todo da Idade do Bronce con algunha presenza da Idade do Ferro. O ouro de Irlanda está aí, como unha especie de recorrencia a un pasado marabilloso.
E o outro factor é a turba. A turba parece feita para darnos envidia aos galegos. Como sabedes, este tipo de solo pantanoso, semiorgánico, con pouco osíxeno, preserva materiais orgánicos moi antigos. O máis coñecido, do que falarei logo, son os cadáveres, por suposto, pero hai moito máis. Hai cousas impresionantes, como unha enorme canoa da Idade do Bronce, de máis de dez metros de longo, tallada toda dunha única árbore. Pero moito máis: desde todo tipo de tecidos ou mesmo os estuches de madeira que gardaban as xoias de ouro cando se escondían (habitualmente en Galicia non nos imaxinamos que as xoias estaban en “estuches”, como por outra banda era lóxico). E máis: unha das cousas mais impresionantes é un códice do tempo do libro de Kells, tamén sepultado na turba.
O museo destaca épocas. Chama, por exemplo, a atención, que a Idade do Ferro está obxectualmente moi pouco representada no Museo. En parte porque, a diferencia de Galicia, a Idade do Ferro irlandesa ten bastantes incógnitas sobre lugares de habitación e enterramento. Aínda así, hai ben cousas interesantes, especialmente naquelas partes da musealización que son modernas.
É o caso das momias da turba. Están todas agrupadas, moi dignamente, nunha sala que explora a idea de Realeza e Liminalidade/límites na Irlanda da Idade do Ferro. Os cadáveres están ocultos da primeira vista nunha sorte de módulos que polo exterior explican as súas características e hai que meterse nunha sorte de cunchas para aprecialos. É doado que esteas só no interior e pareceume unha forma bastante respectuosa de tratar restos humanos. A tese sostida pola maior parte dos especialistas é que estes seres humanos -a maior parte de clase alta- foron asasinados cun sentido sacrificial e depositados nestas zonas, que eran límites entre os reinos da Idade do Ferro. Os corpos abraian. Alí estaba, por exemplo, aquel home do século II a.C. .que tiña un peinado feito con resina de piñeiros da Península Ibérica, evidenciando un tipo de comercio de bens suntuarios dificilísimo de detectar doutro xeito.
O Museo Nacional de Irlanda tamén ten unha notable colección vinculada aos primeiros momentos do cristianismo, cando a illa brillou cos monxes e mosteiros. A densidade de mosteiros altomedievais, moi similar á galega, chama a atención, pero tamén a cultura material. Impresionáronme os relicarios, se cadra o ben suntuario máis antigo que se conserva destes mosteiros, conservados en moitos casos de xeneración en xeneración. 
Fotos: Sole










Impresionantes as fotos e impresionante que as poiderades facer, aquí normalmente non é nada facil
Tiñan a limitación do flash, pero cunha cámara boa pódese solventar. Mérito da fotógrafa.