Foto: Sole Felloza
Este verán tiven a oportunidade de coñecer un pouquiño de Irlanda. Para min este é un asunto especial: teño unha relación animosa, cultural e mesmo política moi especial con esta illa, pero nunca a pisara. Así que esta foi unha primeira toma de contacto cun espazo que durante moito tempo foi imaxinado, lido, aprendido, pero non sentido cos nosos sentidos.
Fíxome pensar moito, moitísimo. Porque as proximidades entre Galicia e Irlanda que me chamaron a atención non son exactamente as derivadas da nosa vella conexión cultural céltica, senón aquelas que teñen que ver máis ben coa nosa situación actual no mundo. Países periféricos, dependentes dunha gran metrópole próxima a nós que leva os nosos fillos de mellor talento, atrapados entre a súa vella identidade e o futuro. Aprendín moito en Irlanda, e moito aínda o estou reciclando. Estes días irei publicando crónicas coa finalidade de presentarvos os sitios nos que estiven (moitos tópicos, algúns descoñecidos e fascinantes) porque realmente paga a pena visitar o país e a liña que conecta directamente Santiago de Compostela con Dublín é un auténtico luxo que hai que aproveitar mentres a teñan.
Si quería dicir un par de cousas antes de comezar estes posts. Irlanda é un modelo de éxito no caso do turismo. Que nunha illa cun verán desapacible, temperaturas de 19º-20º, gastronomía paupérrima, chuviscadas continuas e cidades bastante pobres no que é arquitectura e cultura teña todos os visitantes que teñan, é algo para pensar. Porque examinei todo o que Irlanda ofrecía con moito detalle, e aquí vén unha historia que non é cómoda de contar.
O caso de éxito de Irlanda ten que ver co inglés, en gran medida, e coa ocupación de “lugar primixenio” que ten Irlanda para moitísima da comunidade norteamericana. Os irlandeses non contan as súas historias mellor do que nós as contamos. Moitas veces fano peor, de maneira confusa. Pero están en inglés, falan todos en inglés e chegan a un público angloparlante. Algunhas das historias irlandesas participan da gran fábrica de entretemento audiovisual norteamericano, aínda que reflicten tópicos, ás veces odiosos ou aburridos para os irlandeses. Pero chegan a ese mercado americano que volve a Irlanda porque Irlanda ocupa unha necesidade para os Estados Unidos. Pero ás veces a visión que dan de Irlanda nas películas americanas é como cando nós vemos algunha serie infame do Camiño de Santiago en Antena 3 ou en Televisión Española e nos levamos as mans á cabeza. A cuestión importante aí é o mercado de recepción, os americanos.
Pero ese éxito turístico de Irlanda debe facernos reflexionar, tamén, sobre o que nós queremos para Galicia. E poño un caso. Visitamos Monasterboice, un dos antigos sitios altomedievais do val do Boyne. Aqueles mosteiros son, sobre todo, virtuais. Hai algunha ruína dunha capela posterior ao mosteiro medieval, a mítica torre redonda e un cruceiro ou dous. É dicir, aire. Neste caso, aire nun lugar hoxe usado como camposanto pola comunidade local.
Ben, pois era sábado. E velaí estaban as familias traballando con agarimo na limpeza das tumbas dos seus, como podemos ver en Galicia. Aquelas mulleres falábannos con serenidade dos seus netos, viúvos, irmáns mortos. E naquel sinxelo cementerio, humilde, coas tumbas todas apreixadas entre elas como en calquera adro galego, de súpeto chegaban excursións e excursións de turistas a ver o cruceiro. Enchían aquel lugar ata facelo intransitable para os veciños, miraban o cruceiro sen entender nada durante cinco minutos e marchaban ao seguinte lugar. Duascentas ou trescentas persoas no adro dunha igrexa rural vendo un cruceiro! Neste caso a proximidade cultural cos irlandeses e o seu camposanto facíame sentir como un local, non como un turista. Sentíame eu tamén agredido por aquela marabunta. Os irlandeses, resignados coma nós, saben que os turistas traen cartos. Pero non lles facía nin graza.
E aí decateime dunha cousa. É isto o que queremos para Galicia? Definitivamente non. Porque Irlanda nos ensina cousas moi importantes: como foi un país pobre coma o noso, Irlanda non está edificada en clave imperial. Florencia, París, Londres, Roma, son cidades construídas para “impactar” a masas xa a priori, por iso aturan as animaladas de visitantes que aturan. O poder creou escenarios para glorificarse, e a glorificación sempre precisa masas.
Pero agás tres ou catro sitios (a rúa O’Connell de Dublín ou o Trinity College), Irlanda é un espazo pensado para pequenas comunidades rurais. A masificación do turismo europeo destrúe literalmente o encanto dos mesmos lugares. Porque non é o mesmo que estean trescentas persoas na praza do Obradoiro (un espazo “imperial”) que se de súpeto metemos esas trescentas persoas a visitar unha igrexiña do románico rural de Taboada. Nese sentido, a sensación de desbordamento deses lugares pequenos en escala -e grandes en significados- de Irlanda pareceume horrorosa. Toda esa xente ía ver ese cruceiro, esas ruínas dunha hermida (só catro paredes sen decoración) ou esa pedrafita pola potente historia que lles transmitiu a industria do entretemento, pero non creo que foran quen de comprender todo o que ese lugar transmite, porque son necesarias circunstancias que este turista non pode vivir (tempo, exploración do espazo inmediato, falar cos paisanos) e que é o que outorga o poderoso sentido ao territorio irlandés (ou o galego).
En fin, pensei máis cousas pero xa volas irei contando. Nos vindeiros días e pouco a pouco, para divertirmos viaxando por Irlanda.

Benvido!. Lído o teu comentario consultei co meu irlandés de guarda, que pasa as vacacións sempre onde eu vivo, e díxome que el non notaba a masificación onde el vivía ( o condado onde está Cloncmacnoise ).Sí en en cambio no oeste, e suroeste por Clare e Cork. De todas formas hei de dicir que estás tocando un tema importante, o de qué modelo queremos para Galicia. E aí sí que podemos aprender de experiencias que se levaron a cabo noutros lugares, porque efectivamente xa non vale dicir sen máis que todo turismo é bo sen máis para Galicia. Hoxe xa se dín sen ambaxes as consecuencias negativas que o turismo pode ter no modo de vida da xente do lugar. E porque pese a todo aínda temos unha ratio de visitantes baixa comparada co resto do estado podemos prepararnos a tempo . Non caïamos no “buenismo” de dicir que todo turismo sen máis é bo. Hai que falar máis ben de tipos de turismo que non sexan destructivos para a propia cultura receptora. E por sinón, que creo que xa sabedes, hai xente de aquí en Galicia que está traballando desde a antropoloxía do turismo estudiando máis en profundidade os problemas que a xestión do turismo pode implicar.sen deixar de lado, naturalmente, a parte positiva. Quédome aquí sen avanzar máis que non é este o momento nin o lugar para seguir dando a matraca. Manuel , queremos máis capítulos deste serial! Segue falando do que viches e das túas reflexións .
Eu apúntome á cuestión da lingua. Xa o finado de don Manuel (que dios o teña na gloria moitos anos sen min) quixo encetar o tema
Teño quen te espere para a próxima, cunha morcela de Clonakilty, un salmón á grella e un tour da cidade de Cork! E levaba casco!
Que curioso. Este verán unha familia irlandesa, á que pregunta de que tal a viaxe por Galicia (Barbanza), díxéronme isto: “ben ben, a miña sensación é que Galicia é como Irlanda hai 20 anos, o turismo éstá pouco desenvolvido”. Chamoume a atención porque estaba a visitar unha comarca de alto número de visitantes e moitos turistas. Creo que o pai (neste caso) de familia irlandés estabase á referior á ausencia de servizos turísticos tales como: visitas guiadas, representacións teatrais, tours, animacións, aproveiramento dos recursos, parques e entretemento para nenos”. Cruzándoo con este post noto que a cabeza que infla, espero que non me estoupe
Que ben!
Buff…
Cando contaches que íades de viaxe a Irlanda xa me saíron tódalas ganas de contarvos mil cousas. E así foi que ás carreiras, e dun xeito quizais abafante e pouco considerado, vos indiquei sitios a visitar.
Como contei no fb de Sole, Irlanda foi a miña primeira viaxe fora da península, cos primeiros aforros do meu primeiro emprego. Pero aí ven a diferencia, fíxeno en Setembro de 2001. Hai agora 25 anos. E moito deberon mudar as cousas por alí. E viaxei eu só co meu, daquela, escaso inglés.
Atopar atopei lugares cheos de turistas xa daquela, como Cill Airne (Killarney) todo cheo de xubilados americanos, outros con moita xente, como Doolin, os Cliffs os Moher, as Illas Aran, ou mesmo Glendalough, inda que non foran todavía mareas. Pero outros con pouca xente para a sona que tiñan xa daquela, como o val do Boney, que fixen en bici, ou a concentración megalítica de Brú na Boyne (Newgrange), e incluso algún que visitei en solitario, como as cruces de Kells. En Kells, comendo un bocadillo nun parque, ó pé dunha falsa “round tower” do s.XVIII, incluso se achegaron a preguntarme qué facía alí e se precisaba algo (foi sentirme como na casa en moitos momentos, en Irlanda, nese aspecto).
En canto á “chamada dos devanceiros” xa daquela era habitual, e incluso pasara varios días cunha rapaza australiana que viña visitar á familia, e unha prima nos achegou dende Tralee a Limerick.
Daquela xa estaban máis preparados para o turismo ca nós, supoño pola influencia inglesa, e me chamou a atención como, na península de Dingle, as casas “modernas” pero que non desestonaban tanto como as nosas pois parecían tradicionais pero non vellas, lles chantaban diante un debuxo en cartón pedra con pedriñas e así, para quedaren ocultas e non desentonar na paisaxe, para que non saíran na “foto” dende lonxe. Todavía hoxe non sei que pensar. Se se pasaban de “protección” ou era directamente unha cafrada.