Iniciamos a recuperación do Muro de Medeiros

Ilustración de Manel Cráneo

Preséntovos o proxecto do Muro de Medeiros, unha das iniciativas arqueolóxicas máis fascinantes nos que participo. Levamos varios meses traballando no sitio de vagar e xa podemos comezar a facer público este proxecto que irá cristalizando, se todo vai ben, nos vindeiros anos. Trátase de recuperación, investigación e musealización do Muro da Cidade de Medeiros, un impoñente castro ubicado en Monterrei, nas proximidades de Medeiros -unha das aldeas máis grandes de Galicia- que se atopa nunhas excelentes condicións de conservación.

O proxecto está promovido polo Concello de Monterrei, grazas ao apoio da comunidade de montes de Medeiros, e patrocinado pola adega Mara Moura, do grupo Martín Códax, que produce un dos viños máis vendidos da D.O., e que agora crea unha marca específica vinculada ao xacemento arqueolóxico: Mara Moura (logo explícovos máis en detalle).

Para comezar, xa podedes disfrutar da primeira fase do proxecto: despois de varias décadas tupido e case inaccesible, a croa do Muro de Medeiros xa é accesible de novo a través dun simple paseo que permitirá apreciar a incrible envergadura das murallas do xacemento arquelóxico: unha fortificación cunha fase de ocupación clara da Idade do Ferro e con moitas incógnitas abertas.

Entre elas, a existencia de máis de vintecinco lagares rupestres na ladeira do castro, nun contorno dunha enorme densidade cultural con xacementos de diferentes épocas. Nesta primeira fase 2016, o obxectivo será aínda limpar moita máis superficie que a croa, para coñecer exactamente o número de lagares rupestres e estruturas arqueolóxicas. En ulteriores campañas, a investigación achegarase a determinar a cronoloxía de ocupación do castro, a súa extensión, pero tamén a relación entre este espazo arqueolóxico e o cultivo e explotación do viño. Aquí, en Medeiros, dáse unha confluencia moi especial entre paisaxe, arqueoloxía, agricultura e cultura. Podes consultar todo sobre o proxecto no noso web e no Facebook.

Nos anos 50 don Manuel Taboada Chivite excavou no Muro de Medeiros e grazas a el temos un importante material de primeira man para comezar a explorar o xacemento do castro. Grazas a el coñecimos o mellor resume desa confluencia entre arqueoloxía, sociedade tradicional, agricultura e cultura que teño visto en moito tempo: a lenda da Moura de Medeiros, unha moura que en agradecemento á hospitalidade dos veciños, agasállales coa pranta do viño para sempre. Esta lenda, a dunha moura agasallando con éxito aos veciños cunha pranta é excepcional, remítenos a vellas historias de deuses ao longo de todo o mundo.

A partir de aí constrúese esta ilustración preciosa de Manel Cráneo que vedes na cabeceira. Unha ilustración que alude a ese momento mítico, a un momento sen cronoloxía. Un dos obxectivos do proxecto será tentar achegarnos á cronoloxía deses lagares rupestres e, xa que logo, das orixes do viño en Monterrei.

Así que este proxecto é un soño por moitos motivos. En primeiro lugar, por tentar desenvolver un concepto de museo ao aire libre con calma e modestia que axude a promover a mellora económica da zona, pero tamén que recupere a relación inmemorial da comunidade de Medeiros con este espazo singular, moi conectado ás súas vidas. Pero tamén por explorar as relacións entre marketing, empresa privada e patrimonio cultural en Galicia, onde este proxecto é moi importante e pioneiro para futuras accións con máis empresas e marcas. Mara Moura xa leva na súa etiqueta, difundíndose por toda Galicia, a lenda da Moura e o nome de Medeiros por toda Galicia e o estranxeiro. E iso é algo único e marabilloso.


Primeiros visitantes do Muro de Medeiros

Quero agradecer os meus compañeiros neste viaxe. Ao Concello de Monterrei e ao seu alcalde, por ter a visión e decatarse da relevancia do proxecto, e poñerse inmediatamente con el. A Luis Paadín, un dos grandes sumilleres do país, que confiou en nós para desenvolver a parte de comunicación e ciencia deste proxecto, a Mara Moura pola súa confianza e pola ilusión que lle puxeron a este desenvolvemento, a Carlos Otero, o director arqueolóxico, pola súa seriedade e rigor no traballo, a Bruno P. Rúa, porque está elaborando ese incrible Atlas que podedes consultar aquí, no que documentaremos a tradición oral de cada centímetro da área do castro.

Este será un proxecto que se levará con tempo, baseado nos criterios da arqueoloxía en comunidade e pública, no que se irá avanzando de vagar, pero ano tras ano, documentando e publicando toda a información sobre o lugar. Entrementres, xa o podedes visitar e disfrutar.

2 Comments

  1. 1 / Agosto/ 2016

    Pois en Medeiros podiase facer un 2×1!!! O castro do Muro de Medeiros e o do Muro do Bubal! Ja, Ja!

  2. […] “Despois de varias décadas tupido e case inaccesible, a croa do Muro de Medeiros xa é accesible de novo a través dun simple paseo que permitirá apreciar a incrible envergadura das murallas do xacemento arquelóxico: unha fortificación cunha fase de ocupación clara da Idade do Ferro e con moitas incógnitas abertas”, explica un dos impulsores deste proxecto, Manuel Gago, no seu blogue. […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *