Coñeciamos o traballo de Carlos Pérez da súa estancia en Casa Marcelo, cando a versión 3.0 do restaurante de Tejedor (a actual) apostou inicialmente por unha barra de xaponés. Inmediatamente quedaramos fascinados co traballo deste coruñés que a partir de un produto mariñeiro excepcional aplicaba o seu saber á técnica xaponesa para darnos memorables noites de fusión galaiconipona.



Que a cociña xaponesa e a galega harmonizaban soubémolo hai moito tempo, cando Andrés Medici, desde o seu Oh Sushi! vigués comezou a ir máis alá do que dan os xaponeses de franquicia ou ao mínimo que tiñamos no país. Estes xaponeses (ollo, tamén máis baratos) que reciben todo por mensaxeiro desde algún mercado central de Madrid, con produtos que chegan de sabe deus donde. Non é casual que os dous mellores restaurantes xaponeses do país estean tamén nos dous grandes portos pesqueiros. O Oh Sushi! en Vigo e este Taberna Hokuto, de Carlos Pérez, na Coruña.
En Monte Alto, entre bloques de edificios, formigón impersoal, atopámonos este pequeno espazo con sitio como para tres mesas e barra para unhas oito persoas (aínda que o día que nos fumos encheuna con catro). Con tan pouco sitio e o que se ofrece alí é normal que haxa que reservar con bastante antelación. A min tocoume xantar ao carón de onde o camareiro tomaba as reservas e alá pasaban os meses: setembro, outubro…




E aló imos. Deixámonos en mans de Carlos, que preparou un menú espectacular de especialidades da casa que, como é xa habitual na súa cociña, combinan unha técnica xaponesa depurada cun produto excepcional procedente da lonxa coruñesa. E aquí imos a esta marabilla que é a fusión entre os nosos produtos e a sutileza, sinxeleza e coidado das elaboracións niponas.
Difícil escoller, especialmente cando estamos en tempada de atún e caen pezas marabillosas por si mesmas. Non me estenderei na descrición dos pratos: tedes as fotos de Sole Felloza, que falan por si mesmsas. Coma sempre, comer o que prepara Carlos Pérez é unha experiencia absolutamente marabillosa. Ide preparados -e coa tarxeta solvente, o peixe bo é caro-, deixade as preocupacións aparcadas por alí e deixádevos disfrutar, soñando con sabores que unen dúas culturas: a do Sol Nacente e a do Sol Poñente.
Fotos: Sole Felloza

Be First to Comment