22 de xullo ás 20:30 horas: presentación de O Anxo Negro na Pobra do Caramiñal

O venres 22 de xullo, ás 20:30 horas, darase un acto moi especial para min: presentarei O anxo negro no Auditorio do Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal (entrada libre), convidado pola Biblioteca da Pobra do Caramiñal, en compañía de Manuel Bragado (editor de Xerais) e José Carlos Vidal Suárez (bibliotecario da Pobra). É un acto moi especial para min porque será a primeira vez que fale en público na miña propia vila, no lugar ao que de algún xeito me debo. Diredes que como é que este paisano, que fala en público en todas partes, vai ser a primeira vez que o faga no seu propio territorio. Pois así o é. Por cuestións familiares, eu estudei fóra dela, nun colexio de Ribeira, e cando rematei a EXB fun vivir a Madrid, logo Vilagarcía, logo Santiago…así que a miña relación coa miña vila é máis cos meus propios recordos familiares que cunha gran rede de persoas. Pero non hai lugar que me teña marcado máis e ao que me deba máis desde o punto de vista cultural. Así que será un gran pracer verte por alí, veñas de onde veñas, da vila, do Barbanza ou de máis alá, porque para min será un deses momentos importantes da vida.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *