Hoxe cumpro corenta anos. Se me miro como o animal que son, tan só é un día máis de biorritmos, dun ciclo vital de durmir, vivir, xantar, durmir, pero somos animais revirados que lle damos voltas ás cousas, que outorgamos valores distintos á vida cotiá porque é o xeito de vivirmos. É intrigante descubrirse a si mesmo, ver como desde hai varios meses a túa cabeza se vai preparando para este momento. Como unha cifra que é derivada dunha convención é capaz de facerte pensar e darlle voltas ás cousas; algo que non nace estritamente do teu corpo, pero tampouco da cultura, debo dicir; é como un transo necesario como ser humano.
Un chega aos corenta anos, esencialmente, con asombro. Coa sorpresa de dicir: pero xa estou aquí? Pero como cheguei aquí? E ese interrogante, a rapidez na que a vida avanza, é se cadra o corazón da pregunta e da certeza que como seres humanos debemos aceptar con humildade. A idea de que somos tremendamente finitos, a penas un anaco de vida nun mar cheo de vidas. A idea da finitude, o sentido de que estamos profundamente limitados no tempo e no espazo, que a nosa curiosidade e o noso espírito quérenos levar moito máis alá do que o noso corpo nunca nos permitirá, é a gran verdade que nos rexe cando a teoloxía ficou atrás: o mar dentro do peito e fóra del. Traballar ao redor desa contradición, desa miseria biolóxica, pervertila e subvertela, sabendo que dispoñemos dun tempo limitado para facelo. Na práctica significa que haberá centos de miles de libros que nunca lerei, millóns de persoas interesantes que non coñecerei, restaurantes que nunca visitarei; os meus coñecementos sobre física ou sobre enxeñaría sempre serán enormemente limitados agás que dera un tremendo golpe de timón á vida, que non quero dar. No xeito en que se afrontan os corenta anos está moito da personalidade de cada un. Hai quen se asusta, e teima en revivir unha mocidade xa pasada ata estremos un pouco ridículos. E hai quen se enterra, e decide prantarse como un árbore dunha alameda a deixar pasar o tempo.
Non vai en min nin unha cousa nin a outra. Son melancólico, si, é certo: boto de menos non só a mocidade pasada, senón as que non pasei. Teño ás veces melancolía de lugares imaxinarios, e só a literatura acóugame, creando unha experiencia compensatoria. Pero logo, cando miro para atrás, ás veces non me recoñezo nese eu de, hai por exemplo, dez anos, neste Capítulo Cero. A certeza da finitude, da nosa limitación estrutural como seres, lévame a min, nos corenta anos, a facer sobre todo un exercicio de enfoque. Digamos que os meus primeiros corenta anos o mundo era amplo e o tempo estaba para ser perdido, e nesas perdas un aprendía moito de maneira informal. Aprender das sombras, das casualidades, dos camiños confundidos, dos encontros fortuitos. Aprendín, fun e son feliz, rodeado de persoas que quero e me queren.
Eu sei parte do que quero para os vindeiros dez anos -un horizonte razonable. Ademáis das cuestións persoais, que non porei aquí, e doutros temas estratéxicos que é mellor non escribir, a literatura ocupará unha parte importante da miña vida. Nos vindeiros dez anos quero construír un pequeno universo de ideas, persoas, escenarios e historias, un camiño dourado feito de libros que poidades seguir comigo. Creo nesa liña de historias dos que os libros concretos son en realidade episodios fragmentarios. Será un camiño máis íntimo, máis proveitoso, con historias que esixen paciencia e tempo na súa escrita e unha copa de viño canda un xardín recolllido para seren disfrutadas na súa lectura. Libros para facernos grandes, e logo vellos, vós e máis eu.

Muitos parabéns, Manuel! Tenho a certeza de que poucos sabem aproveitar tam bem cada ano da sua vida e, ao mesmo tempo, ser de proveito para a comunidade.
Desde os meus 44, parabéns e benvido! :-D
grazas!!!!
Moitas grazas, iso tentamos! :-)