Hai uns meses tiven o pracer de entrevistar, acompañado polos profesores da Facultade de Historia da USC Francisco Javier González e Marco García Quintela, a unha das novas promesas da arqueoloxía europea, o profesor da Universidade de Edimburgo Manuel Fernández-Götz. Götz é un especialista na Idade do Ferro e, sobre todo, no fenómeno dos oppida en Centroeuropa. Podedes consultar a entrevista completa no último número da revista Grial (209, xaneiro, febreiro e marzo de 2016), editada por Galaxia.
A entrevista non ten desperdicio, e Götz pon o acento desmitificando e recalcando aspectos interesantes e polémicos da Idade do Ferro. Déixovos aquí os destacados que seleccionei para a maquetación, das palabras de Fernández-Gtz
“Debemos superar dunha vez por todas a distinción entre o mediterráneo e non mediterráneo para estudar o mundo antigo”.¨
“A fundación da democracia en Atenas é un mito. Ese mesmo tipo de asembleas déronse ao mesmo tempo en moitas outras partes de Europa”.
“A localización das grandes cidades da Idade do Ferro ten que ver máis con procesos da memoria colectiva ao redor do mundo sagrado que con cuestións económicas ou estratéxicas”.
“A cultura castrexa é un construto académico moderno que agora tamén pasou á cultura popular. Hai castros 0nas Illas Británicas e non falamos dos castrexos de Gales”
“A Galicia da Idade do Ferro ten semellanzas coa das Illas Británicas, pero tamén ten moitos contactos co mundo mediterráneo. Non é unha sociedade illada”.
“Sempre se enfatizaron os aspectos máis positivos da romanización, pero deixáronse de lado as partes máis crueis do que foi unha política imperialista e expansionista que cometeu xenocidios”.
“Nas grandes sínteses de Prehistoria europea, a Península Ibérica non se menciona ou só é unha anécdota”.

Be First to Comment