Restaurante Landua: sorpresas gastronómicas ao pé do Pindo

_DSC8223

Como saben, eu defendo a teoría de que unha das receitas do éxito na restauración galega é os restaurantes cun importante factor QP, ou sexa, “quinto piñeiro”. Dise de aqueles restaurantes que, para chegar a eles, hai que facer previamente unha odisea automobilística polos montes e bosques deste país. Os restaurantes cun elevado factor QP permiten esa gran frase coa que agasallamos ás nosas parellas ou grupos de amigos: “Vouche levar a un sitio”, e xenera tanto pracer no que ten a iniciativa da proposta gastronómica como nos que se deixan levar.

Tal podería ser o caso dunha magnífica proposta que se pode disfrutar ao pé do Pindo, no Ézaro. O Landua é o restaurante dunha recoleta casa de turismo rural, a Casa de Santa Uxía, ubicada aos pés do encoro do mesmo nome. Cunha vista pechada sobre este encoro, rodeado de fragas, e cunha estratéxica fervenza enfronte achegando o son perpetuo da auga batendo, este lugar parece traído duns Alpes graníticos. Pero en realidade estamos ao pé do Pindo, e esta casa é un lugar estratéxico para pasar a noite despois dun día de pateo polo máis culto dos nosos montes. Está a menos de cinco minutos do Fieiro, cruzando o encoro, aínda que é chamativo que esta posibilidade non estea máis presente na oferta da casa. Aquí María Cambeiro, que é do Ézaro, e o cociñeiro ourensán Alberto Cruz manexan un proxecto pequeno, a escala humana, que vai sorprender a máis dun.

_DSC8194

_DSC8196

O Landua, como digo, é un restaurante recoleto, dunha proposta única e sinxela. Non hai carta, senón un menú de 25 euros que se completa cunha boa selección de viños galegos (proben A Torna dos Pasás 2013, está no seu momento!), moi baseado no mercado e na tempada. O menú consta de aperitivos, entrantes, segundos e máis postres e caracterízase pola súa lixeireza, a atención ao produto, a actualización e o coidado na presentación dos pratos. Non é nada habitual nas casas de turismo rural atoparse cunha proposta tan coidada e elegante, que non deixa a ninguén indiferente. Se ademáis tedes a sorte de comer coas excelentes vistas do encoro, estou convencido de que disfrutaredes dun día máxico.

_DSC8208

_DSC8211

_DSC8212

Nós fixémolo despois dun día infrutuoso no Pindo. As nubes cubriran o xigante e unha cortina de vapor abatera todo. As formas na subida aparecían emerxendo no medio da escala de grises da auga, desas nubes que traían o Atlántico enteiro no seu vapor. Á altura da grandiosa entrada da fortaleza da Moa voltamos para atrás, e seguimos pola Costa da Morte. Á noite, nesta recoleta casiña, cun menú delicioso, todos os traballos do día parecían curados, porque era este menú de mar e de montaña, saboroso e lixeiro para unha cea, o que nos ofrecía un magnífico final de tarde.

Realmente, un lugar que paga moito a pena.

Fotos: Sole Felloza

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *