#usc360: un documental en realidade inmersiva

Unha das moitas cousas que pasaron esta semana foi moi importante e non quero que pase o tempo e non quede constancia, ou non a poidades disfrutar, porque se fixo para iso. Unha das materias que imparto na licenciatura de Xornalismo é Novos Formatos e Produtos para a Rede, pertence a cuarto da carreira. Eu considero que cuarto é un ano que debe estar moi conectado con realidades que o alumno se vai atopar fóra da Facultade inmediatamente, ou que lle permitan prospectar transformacións no negocio da comunicación e nas tecnoloxías que se empregan, coñecéndoas de primeira man.

Así que este ano estivemos mergullados nun proxecto moi interesante: o proxecto #usc360. Tratábase de realizar vídeos inmersivos en 360º describindo actividades realizadas na Universidade de Santiago de Compostela, non necesariamente académicas. Fixemos a presentación este pasado xoves na Facultade de CC. da Comunicación e creo que é unha das primeiras experiencias deste tipo en Galicia.

A xente que se instale uns cascos poderá entrar nun concerto, facer unha visita guiada polos espazos históricos da Universidade, correr nas pistas de atletismo, trepar por un rocódromo ou coñecer de primeira man tecnoloxía industrial. O proxecto podédelo ver aquí, e aquí tedes os catro vídeos.

Para visualizalos en 360º debedes facelo en Google Chrome ou, moito máis recomendable, cunhas gafas Google Cardboard e uns cascos. Así teredes unha experiencia inmersiva completa.

A experiencia foi moi interesante porque detrás dela subxace unha nova perspectiva da narrativa audiovisual, que se engadirá á que xa coñecemos. É moi diferente concebir unha linguaxe audiovisual para vídeos 360º que para un formato bidimensional. A propia concepción do produto se transforma de maneira radical, e aspectos como a edición, a linguaxe de planos, ten que ser totalmente redefinida. Hai determinadas dimensións destes produtos que nos van aproximar moito máis á linguaxe escénica e teatral nos seus prantexamentos, e aspectos minusvalorados na actualidade que cobrarán nova vida, como a dimensión espacial do audio. Nun documental 360º, o espazo é unha variable compositiva máis do relato, e iso obríganos a facer unha produción previa máis exhaustiva e a compoñer as escenas atendendo a un punto de vista móbil do usuario. En resumo, un reto alucinante desde o punto de vista narrativo.

Non sei se isto é unha febre tecnolóxica máis ou se a realidade inmersiva chegará para quedarse. De principio, é moi disruptiva con respecto aos hábitos actuais do usuario, cada vez máis acostumado a consumir relatos 2D acompañados dunha segunda pantalla na que interactúan. Esta xeración e as vindeiras non permitirán solucionar esta multiatención. Que un usuario asuma estar metido noutro lugar durante un número variable de minutos será algo que só decidirá en moi poucas ocasións, e cando considere xustificada esa “inmersión”. Cales son os factores da toma de decisión do usuario será algo que haberá que descubrir no futuro.

Simplemente agradecer o traballo e a ilusión prestada polos meus alumnos neste proxecto. Foi marabilloso traballar con eles. Sempre defendo que a mocidade é ouro, e este proxecto é unha boa mostra diso.

One Comment

  1. Xosé
    14 / Maio/ 2016

    Gustoume o artigo. Ainda que o de “Vascho perder?” no vídeo do Teaser Galego USC 360º dá un pouco a nota (lingüísticamente). En calquera caso un proxecto interesante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *