Presentación de Historia das Historias de Galicia en Compostela

Last updated on 23 / Abril/ 2016

Pois será un pracer participar no libro Historia das Historias de Galicia este martes 26 de abril ás 19.30 h. na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela. Na mesa estaremos Isidro Dubert, o coordinador do volume, o editor Manuel Bragado e tres dos autores dos capituliños: Pegerto Saavedra, Lourenzo Fernández Prieto e máis eu. Se vos apetece achegarvos, garantízovos unha hora de interesante debate.

Aquí vai a sinopse remitida pola editorial:

Esta obra é unha das achegas máis orixinais ós estudios de historia de Galicia que se teñen feito estes últimos anos. Nela se establece por vez primeira un debate sincero, aberto e sen prexuízos sobre a orixe e as razóns das mudanzas no tempo que experimentaron historias supostamente fulcrais do noso pasado colectivo. Este sería o caso do acontecido arredor dos celtas, da orixe do vello Reino de Galicia, da «doma e castración da nobreza», da existencia duns pretendidos Séculos Escuros, da chegada e instalación dos cataláns, do fusilamento dos Mártires de Carral ou do chamado «atraso» secular de Galicia.

Nela participan autores de diferentes tradicións historiográficas, caso de Ramón Villares, Pegerto Saavedra, Anselmo López Carreira, Manuel Gago Mariño, Edelmiro López Iglesias, Henrique Monteagudo, José Andrade Cernadas, Francisco González García, María do Carme Saavedra, Lourenzo Fernández Prieto, Ofelia Rey Castelao e Isidro Dubert.

Dun xeito coordenado, na obra trátase de responder á pregunta de se realmente houbo ou non celtas na historia de Galicia, ou que razóns se agochan tralo escurecemento que a historiografía española fixo da verdadeira importancia que o vello Reino de Galicia tivo na historia medieval da Península Ibérica. Tamén se procura nela determinar se os Reis Católicos foron realmente inimigos declarados da nobreza galega e, xa que logo, responsábeis da súa pretendida “doma e castración” ou non. Igualmente, trátase de aclarar se existiu de certo esa longa fase da nosa historia caracterizada popularmente como Séculos Escuros, cales foron os xogos de poder das nosas elites en relación coa chegada e instalación dos cataláns nas costas de Galicia, ou se fitos como o fusilamento dos Mártires de Carral forman parte dunha memoria histórica común e compartida.

Todas elas son historias cuxo contido e sentido ten mudado en función das distintas conxunturas políticas e culturais polas que atravesou Galicia. Malia iso, ata o de agora, rara vez se ten prestado atención a eses cambios e mudanzas e, menos aínda, ás súas implicacións sociais, culturais e ideolóxicas, ou ao que realmente se agocha tras elas. De aí a orixinalidade dos resultados desta publicación, os que, sen dúbida, non deixarán indiferente ó lector galego.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *