Feridas

A miña nova columna en La Voz de Galicia reflexiona brevemente sobre a recente polémica sobre a eliminación dunha rúa co nome do alcalde franquista de Ribeira:

Teño un amigo que asegura, con razón, que se en Galicia se tivera conservado viva ata hoxe a lingua dos galaicos prerromanos, o noso país sería considerado, posiblemente, a máis celta das sete nacións do Atlántico. Pero non sucedeu así. Ás veces un feito histórico determinado pode alterar a percepción dun fenómeno de carácter global que, doutro xeito, sería evidente e indiscutible para todos.

Se Franco, no canto de ter morto na cama, disfrutado de exequias de Estado e ter nomeado un sucesor, tivera acabado como Mussolini ou como Ceaucescu, de certo que a percepción que hoxe tería moita xente do seu réxime e os seus colaboradores -exactamente dos mesmos actos e persoas- sería notablemente diferente e faría xustiza aos criminais feitos que foron cometidos.

Ese fenómeno explica que a recente polémica sobre algo tan evidente como a aplicación dunha lei aprobada por un parlamento democrático suscite en xente de diferentes ideoloxías unha sensación de incomodidade, de calor pegañento, porque as verdades vólvense espiñentas cando un se achega a elas.

Revela que, precisamente, corenta anos despois da morte do dictador, as feridas que el -e outros- nos fixeron non están aínda pechadas. Pero tamén revela que ninguén parece querer curalas. Que teñamos alcaldes insubmisos ao marco legal é moi grave -a ver como despois pretenden que se apliquen outras leis-, pero non o é menos que ninguén parece preocuparse demasiado en cicatrizar a ferida. E a moi condenada, vémolo hoxe en día, non para de supurar.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *