Last updated on 14 / Abril/ 2016
Estes días está saíndo ás librarías un libro moi especial no que teño a honra de participar: Historia das Historias de Galicia. Editado por Xerais baixo a coordinación do catedrático de Historia Moderna da USC Isidro Dubert, o libro reúne a unha manchea de especialistas que disertan e debaten ao redor das cuestións máis controvertidas da nosa Historia. Aquí vai o texto da contracapa:
No seo da sociedade galega actual circulan distintas historias arredor da importancia que tiveron os celtas na nosa cultura, sobre a orixe do vello Reino de Galicia, a «doma e castración da nobreza», a existencia dos Séculos Escuros, a chegada e instalación dos cataláns, o fusilamento dos Mártires de Carral ou o suposto «atraso secular» de Galicia. Unhas historias cuxo contido e sentido leva mudado en función das distintas conxunturas políticas e culturais polas que atravesou o país. Malia iso, e ata o de agora, rara vez os historiadores prestaron atención a eses cambios e mudanzas, ás súas implicacións sociais, culturais ou ideolóxicas ou ao que realmente se agocha tras elas. Os traballos recollidos neste volume tratan de pór remedio a este esquecemento, desvelando así aspectos pouco coñecidos –e mesmo inéditos– do noso pasado colectivo.
Na nómina de autores están profesores como Francisco González García, José Miguel Andrade Cernadas, Anselmo López Carreira, Ofelia Rey Castelao, Henrique Monteagudo Romero, María del Carmen Saavedra Vázquez, Pegerto Saavedra Fernández, Ramón Villares, Lourenzo Fernández Prieto ou Edelmiro López Iglesias. O importante traballo de Isidro Dubert foi deseñar a partitura sobre os que uns autores dialogan con outros, xuntando diferentes perspectivas sobre os mesmos periodos ou acontecementos. A noticia importante, ao meu ver, é que vista en conxunto non parece quedar moito dos enconados debates dos 90: as posturas aproximáronse e enfriáronse, ofrecendo un marco moi interesante para dialogar con serenidade sobre temas nos que hai vinte anos parecía que se ía a vida.
No meu caso, participo co artigo “Os celtas na cabina do doutor Who: a constante reinvención dunha realidade”. O meu texto non pretende ser un texto de historiador, porque eu non son historiador. Escribo máis ben a visión dun analista cultural. Vaia por diante que eu creo no que arqueólogos como Barry Cunnlife ou Alfredo González Ruibal chaman uns “celtas de longa duración”, é dicir, unha secuencia de interaccións no ámbito atlántico e con outras zonas que vai moito máis alá da Idade do Ferro e dun carácter único, e no que Galicia está profundamente inserida. Creo que o proceso cultural do Atlántico e a súa relación co continente e o Mediterráneo é fascinante e as teses illacionistas ou de influencia excesivamente mediterránea minaron dramaticamente a nosa visión das culturas da Prehistoria.

No libro critico, esencialmente, que a discusión sobre os celtas está viciada por numerosos fenómenos e que é unha discusión inconclusa por natureza no ámbito arqueolóxico porque os celtas, ou o que entendemos como celtas, son algo que van moito máis alá da Idade do Ferro e do rexistro arqueolóxico. Os celtas que hoxe pensamos sucederon moitas veces despois das súas “épocas”. É dicir, a discusión arqueolóxica non resolve nada sobre o celtismo porque o que se entende por celtismo inclúe moitas cousas que sucederon ou detectamos despois da Idade do Ferro. O celtismo ten que ver, máis ben, cun longo proceso de fermentación e cambio cultural, lento, que foi modificando os valores da palabra “celta” ao longo de séculos.
A miña crítica é, máis ben, á capacidade galaica de desaproveitar posibilidades e de comportarnos como novos ricos, tamén en materia de identidades. Eu reivindico un celtismo que non só é arqueolóxico, senón que é esencialmente unha ferramenta contemporánea para tender necesarísimas redes en Europa e cos países periféricos do Atlántico cos que nos unen moitísimas máis cousas que o deus Lugh.
Defendo o celtismo como unha vía de penetración en mercados importantes para a nosa industria cultural, como un ámbito de debate sobre multitude de elementos que afectan aos países celtas e que habitualmente non se debaten. Gustamos de quedarnos nos misterios de Santa Bríxida e de San Brandán. Falo de enerxías renovables, caladoiros pesqueiros, hipertensión, alcolismo, despoboamento do rural, linguas minorizadas, competicións náuticas, investimento público e privado, reuma, endemismos atlánticos, o paso das aves migratorias cara África, a política de inmigración dos Estados que acollen estas nacións celtas, o desenvolvemento da sociedade da información e da industria cultural, o turismo e os tópicos rurais, a cría de ostra, mexilón e navalla, o desenvolvemento autonómico destes países en relación ao Estado central, a tradición oral, o nacionalismo político, o envellecemento poboacional e a migración da xente nova, os festivais folk e a relación entre música tradicional e outros xéneros, a relación coas comunidades das nosas diásporas americanas, a cobertura 3G e 4G do rural, etc. Non sei se me explico. Os países atlánticos, miles de anos despois, seguen a compartir de maneira fascinante trazos sociolóxicos e culturais actuais, e non só crenzas en difuntos insomnes e fontes sagradas. Como ben sabedes, Lugh e a Tríada de Matres mola (mólame) moito, pero a produción audiovisual ou literaria do século XXI tamén. Esa poderosa etiqueta, esa gran ferramenta identitaria que é o celtismo vai moito máis alá e o mundo celta segue notablemente vivo, transformándose e facendo que ese propio concepto tan ambiguo como é o “celta”, siga sendo funcional e nos identifique no mundo.
A miña experiencia nos últimos anos, de viaxes ou de traballos con xente destes países, faime dicilo dun xeito bastante claro: están agardando por nós. E mentras, nós, estamos a velasvir.

Prezado Manuel,
Hoxe mesmo acabo de ler o teu traballo que vén de ser publicado neste libro, e quero darche os parabéns. Gocei moito da súa lectura, e debo dicir ademais que estou de acordo coas túas opinións. Concordo totalmente coa idea de que “a identidade celta é un valor diferencial, positivo e poderoso nun mundo global e homoxéneo”, e que paga a pena que os galegos saibamos tirar partido dela, tanto polas súas vantaxes, como polo feito de que, no caso da Galiza, a identidade céltica é basicamente certa (ou, cando menos, todo o certa que pode chegar a ser unha identidade colectiva). Quero agradecerche igualmente a túa apreciación positiva do meu libro “Nas orixes do celtismo galego. Os celtas na historiografía dos séculos XVII e XVIII” (é unha mágoa que as editoriais coas que contactei non estivesen interesadas en publicalo…).
Coido especialmente relevante o concepto do celtismo entendido como un proceso a longo prazo, dinámico e cambiante, e no que ademais o elemento voluntarista resulta ser de vital importancia á hora de transformar o celtismo (ou sexa, os saberes e os relatos acerca dos celtas) nunha auténtica celticidade, é dicir, na reivindicación dunha ascendencia celta e na creación dunha identidade céltica. Neste senso, na combinación de elementos obxectivos cun elemento voluntarista e no desexo de posuír unha identidade propia esteada en feitos obxectivos (moitas veces seleccionados entre un amplo repertorio de posibilidades), enxérgase un claro paralelismo entre o concepto de celticidade e o concepto de nación. Non hai dúbida de que no caso galego a fusión de celtismo e de celticidade tivo lugar a partir do século XIX, grazas aos traballos e á vontade de autores como Verea Aguiar, Vicetto, Murguía, Risco, etc. Con anterioridade a eles o recoñecemento da existencia dos celtas galaicos do pasado non implicara aceptar a celticidade dos galegos do presente. Igualmente foron os mesmos autores, de Verea até Risco e Otero Pedrayo, quen vencellaron definitivamente o atlantismo co celtismo e coa celticidade, xa que o elemento atlantista que dende antigo estivera presente na identidade e na cultura galegas -por exemplo, o ciclo artúrico na Idade Media, ou a lenda do príncipe Gatelo e da Pedra do Fado nos séculos XVII e XVIII- non se relacionou cos celtas antes do XIX.
Por outra banda, acho que é de xustiza salientar o factor de creatividade que dende o século XIX tivo o noso celtismo, inspirando as obras literarias e musicais de Pondal, Cabanillas, Risco, Ferrín, Suso de Toro, Milladoiro ou Luar na Lubre. Mesmo podemos dicir que a lenda de Breogán, a pesar de ser de indubidábel orixe gaélica, hoxe en día é unha historia tan galega como irlandesa. Na actualidade estou a realizar un estudo comparativo da lenda de Breogán na Galiza e en Irlanda, e comprobo con certa sorpresa que o que para os irlandeses foi sempre un personaxe secundario cunha historia e cunha caracterización moi pouco desenvolvidas, pola contra na Galiza pasou a se converter nun auténtico símbolo nacional, grazas ao labor creativo dos eruditos e dos artistas que “galeguizaron” o personaxe e lle deron novas formas á súa historia. Agardo poder publicar algúns traballos sobre este interesante proceso de apropiación/adaptación nun futuro próximo.
En fin, a cuestión do celtismo dá para falarmos horas e horas. Mais penso que xa escribín dabondo, e non quero abusar da túa paciencia. Outra vez recibe os meus parabéns pola túa achega ao debate sobre o noso celtismo.
Un saúdo
Moitas grazas, Fernando. Efectivamente, o tema dá para miles de horas (creo que temos abondo evidencias documentais) e creo que un factor importante na idea de celtismo, alomenos desde unha ollada contemporánea, está no “querer ser”. Por outra banda, non é nada novo. Nos procesos de romanización dos pobos conquistados o “querer ser” romano debeu ser un factor tamén importante, que tiña consecuencias moi prácticas, reais e directas, aínda que hai unha diferencia con ese mundo romano. Neste caso o “querer ser” opera sobre a forma de interpretar a realidade existente, non na necesidade de incorporar modelos foráneos que parten dunha relación asimétrica. Pero a clave dala ti: como podemos negar a celticidade deste país despois de todo un século de riquísima produción artística nesas coordenadas (e non só).
Pois estiven revisando en internet e creo que a ser “celta” gáñanos máis Castilla y León, ten cantidade de festivais celtas :)
Pois estiven revisando en internet e creo que a ser “celta” gáñanos máis Castilla y León, ten cantidade de festivais celtas :). Persoalmente identifiqueime máis con Ásterix en Córsega, pero fálta o clima. O Atlántico